Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Xoves, 23 de novembro de 1995 Páx. 8.594

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 296/1995, do 16 de novembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Polo Decreto 6/1993, do 28 de xaneiro, estableceuse a estructura orgánica da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas. A experiencia adquirida desde entón aconsella a introducción dalgunhas modificacións na referida estructura, dictadas pola especial importancia que a aprobación de distintos textos legais supuxeron nos distintos ámbitos de actuación, que son competencia propia da consellería.

Neste sentido, a Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da administración hidráulica de Galicia, crea o organismo autónomo Augas de Galicia como un elemento central, tanto desde a perspectiva de actuación administrativa como da participación dos usuarios da auga na adopción das decisións que lles afectan.

Por outro lado, a Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, supuxo unha profunda transformación da organización da administración portuaria. Neste sentido a evidente importancia das instalacións portuarias xustifica o novo esquema estructural regulado por esta lei, que incide de xeito transcendental na propia estructura da consellería establecendo unha nova distribución de funcións e competencias.

Finalmente, tamén no ámbito do urbanismo, operánse importantes modificacións, froito dunha regulación imposta pola Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación de competencias na materia de urbanismo, que introduciu novos criterios operativos encamiñados a facer realidade, no plano xurídico, un dato incontestable na práctica urbanística cal é a súa consideración como un fenómeno substancialmente local. Esta delegación, que dúbida cabe, implicou unha nova definición dos órganos urbanísticos da Xunta de Galicia.

Agora ben, estas importantes modificacións non poden considerarse completas sen ter en conta as introducidas polo Decreto 151/1995, do 18 de maio, sobre o exercicio das competencias en materia de costas que corresponde a Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa atribución á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que avanza no nivel de desconcentración de funcións nos órganos periféricos da Xunta de Galicia co obxecto de lograr unha maior utilidade e eficacia.

Polo tanto e de acordo co anterior, faise necesario acomoda-la estructura orgánica da consellería á nova realidade xurídica, distribuíndo dun xeito racional as funcións asignadas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda co informe previo dos da Presidencia e Administración Pública e do de Economía e Facenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día dezaseis de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ó que corresponden as competencias e funcións en materia de política territorial, urbanismo, vivenda e solo, patrimonio arquitectónico, calidade medioambiental, portos, estradas, transportes e comunicacións, costas, recursos e aproveitamentos hidráulicos e demais obras públicas en xeral, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia nos termos sinalados na Constitución española.

Artigo 2º

1. A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, baixo a superior dirección do seu titular, terá a seguinte estructura orgánica:

I. O conselleiro.

II. A secretaría xeral.

III. A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo.

IV. A Dirección Xeral de Obras Públicas.

V. A Dirección Xeral de Transportes.

VI. As delegacións provinciais.

VII. Os órganos colexiados.

2.1. Adscríbense á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda os seguintes organismos autónomos:

-O Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1988, do 27 de abril, constituído en organismo autónomo de carácter comercial e financeiro.

-Augas de Galicia, creado pola Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da administración hidráulica de Galicia, como organismo autónomo de carácter administrativo.

2.2. Adscríbese, así mesmo a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o ente público Portos de Galicia, creado pola Lei 5/1994, do 29 de novembro.

I. Do conselleiro.

Artigo 3º

O conselleiro é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente.

II. Da secretaría xeral.

Artigo 4º

A secretaría xeral exercerá as funcións e competencias establecidas no Decreto 119/1982, do 4 de outubro, ademais das que lle sexan singular ou especialmente encomendadas por delegación do titular da consellería.

Artigo 5º

Baixo a dependencia directa do secretario xeral, existirán as seguintes unidades.

1. Servicio de Coordinación Técnica e Inspección.

Terá coma obxectivo velar polo correcto funcionamento dos diferentes servicios e obras da consellería, tanto na súa esfera central coma periférica, informando sobre o grao de cumprimento e eficacia na súa prestación, e do adecuado emprego dos medios, tanto persoais como materiais.

Proporá, se por o caso, as medidas para a corrección das deficiencias que se observen.

Corresponderalle, así mesmo, o control de calidade das obras promovidas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. Para o cumprimento desta función poderá solicitar os servicios do Laboratorio de Control e Asesoramento para a Calidade da Edificación (Lacace), en coordinación co Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. Servicio Técnico-Xurídico.

Terá ó seu cargo a elaboración de informes e dictames, o estudio das propostas de disposicións que sexan elabarados polos distintos centros directivos da consellería e dos recursos que se produzan contra os actos administrativos desta.

Ocuparase da preparación e tramitación dos expedientes que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e do traslado dos acordos, así como da preparación e remisión ó Diario Oficial de Galicia de tódalas disposicións para a súa publicación.

3. Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa e Control Orzamentario.

Exercerá as funcións de xestión do persoal funcionario e laboral, a coordinación da confección do anteproxecto de orzamento, o seu seguimento e control interno, así como a organización do rexistro, arquivo e demais aspectos relacionados co réxime interior.

Encargarase do sistema de informatización e proceso de datos, así como da racionalización administrativa de tódolos servicios da consellería.

Contará cos seguintes servicios:

3.1. Servicio de Xestión Económica e Control Orzamentario.

3.2. Servicio de Persoal e Réxime Interior.

Dependendo organicamente da secretaría xeral con nivel orgánico de subdirección xeral existirán as seguintes unidades:

4. Asesoría Xurídica.

5. Intervención Delegada.

III. Da Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo.

Artigo 6º

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo terá as seguintes funcións:

A) En materia de urbanismo.

1. Proposta de definición e de programación da política de ordenación do territorio e urbanismo elaborando as disposicións que procedan, así como o fomento e supervisión, se é o caso, do desenvolvemento destas en Galicia, así como a planificación, tramitación e proposta de concesión das axudas económicas a entidades públicas e privadas para as actuacións que procedan.

2. Formular, tramitar, informar e elabora-las propostas de informe e resolución dos plans e figuras urbanísticas previstas pola lexislación urbanística vixente, de acordo coa Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

3. A planificación e realización de estudios, cursos e investigacións en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

4. Emitir informe sobre os proxectos de obras marítimas e de expedientes de concesións e autorizacións que tramita a Administración central para comprobar, se é o caso, que os ditos proxectos se axusten ó planeamento urbanístico vixente.

5. Informe, proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

6. A xestión dos asuntos relativos a contratación e expropiación.

7. Informes urbanísticos naqueles expedientes nos que así o esixa a lexislación sectorial.

B) En materia de vivenda:

1. A redacción e xestión dos plans e proxectos técnicos urbanísticos da súa competencia, a realización dos estudios que procedan para o desenvolvemento e xestión da política da vivenda e solo, así como a elaboración das disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión daquela, de forma coordinada coa Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

2. As autorizacións previas á licencia municipal de obras de rehabilitación, reforma e ampliación de edificios construídos ó amparo da normativa de habitabilidade anterior ó Decreto 311/1992, do 12 de novembro, nos termos regulados no artigo 4.

3. En materia de estatística, a realización dos estudios necesarios para a elaboración dos plans xerais e dos programas relativos a protección oficial en materia de vivenda, o control da súa realización e avaliación de resultados, a programación da necesidade de solo e a elaboración da estatística do sector da vivenda

sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística.

C) En materia de calidade medioambiental e sen prexuízo das competencias que na materia teñan outros órganos da Comunidade Autónoma.

1. A proposta de definición e de programación da política territorial de ordenación do medio ambiente, propoñendo as disposicións que procedan. O seu fomento e supervisión do desenvolvemento, así como a planificación, tramitación e proposta de concesión das axudas económicas a entidades públicas para as actuacións que procedan.

2. A elaboración, seguimento, revisión e, se é o caso, execución do plan de residuos sólidos urbanos de Galicia.

3. A planificación e realización de estudios e cursos en materia de calidade medioambiental.

4. Emitir informes nos proxectos de obras marítimas e en expedientes de concesións e autorizacións que tramite a Administración central para comproba-la súa posible incidencia negativa sobre o litoral e o medio ambiente marítimo.

5. Informe e, se é o caso, proposta de resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

6. A xestión dos asuntos relativos a contratación e expropiacións.

D) En materia de costas.

1. A realización de estudios e a proposta de definición e programación da política de ordenación territorial do litoral, e a elaboración das disposicións que procedan.

2. A imposición de sancións pola comisión de infraccións na zona de servidume de protección do litoral, conforme o disposto no artigo 4 do Decreto 151/1995, do 18 de maio.

3. A emisión dos informes da Comunidade Autónoma previstos na lexislación de costas, sen prexuízo das competencias que na materia teñan outros órganos daquela, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 151/1995, do 18 de maio.

4. As funcións de colaboración coa Administración do Estado e coordinación cos órganos autonómicos con competencias sectoriais que incidan no litoral.

5. Informes, propostas e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

Artigo 7º

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Urbanismo e Arquitectura, coas seguintes funcións:

a) Coordinación da xestión administrativa da subdirección.

b) Elaboración, realización, supervisión e execución, se é o caso, dos obxectivos da dirección xeral relativa a urbanismo e ordenación territorial, calidade arquitectónica, deseño e construcción, así como a emisión de dictames, informes e a tramitación e proposta da resolución de plans, autorizacións e recursos, de acordo coa Lei 7/1995, do 29 de xuño, de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo.

c) Coordinación e cooperación da CPTOPV coa Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Contará cos seguintes servicios:

1.1. Servicio de Planificación Urbanística.

1.2. Servicio de Xestión Urbanística.

1.3. Servicio de Dictames e Informes.

2. Subdirección Xeral de Xestión e Calidade Medioambiental, coas seguintes funcións:

a) Coordinación da xestión administrativa do persoal da dirección xeral.

b) Elaboración, realización e execución, se é o caso, dos obxectivos da dirección xeral en materia de costas e de calidade do medio, así como a elaboración de informes e a tramitación e proposta de resolución de plans, expedientes sancionadores, recursos, subvencións e axudas económicas.

c) Xestión económica da dirección xeral.

Contará cos seguintes servicios:

2.l. Servicio de Xestión Económica e Calidade Medioambiental.

2.2. Servicio de Costas.

IV. Da Dirección Xeral de Obras Públicas.

Artigo 8º

A Dirección Xeral de Obras Públicas terá o seu cargo as seguintes funcións:

1. En materia de estradas:

a) A elaboración dos plans, programas de actuacións e orzamentos e o control e axuste destes, en relación coas estradas que sexan competencia da consellería.

b) A elaboración da planificación operativa, así como os estudios, anteproxectos e proxectos correspondentes, e as actuacións relativas a redes arteriais, así como a tecnoloxía de estradas.

c) O estudio, coordinación e control do desenvolvemento e incidencia das obras ó seu cargo.

d) O inventario, conservación e sinalización da estrada e servicios complementarios nas zonas de dominio público de servidume e de afección ás estradas, sen prexuízo das competencias que correspondan á Consellería de Economía e Facenda en materia de patrimonio.

e) A tramitación e resolución, se procede, de tódalas autorizacións e concesións que de acordo coa lexislación específica sexan da súa competencia.

2. En materia de portos:

No marco da lexislación vixente sobre réxime do solo e ordenación urbana e a lexislación sectorial sobre portos e sen prexuízo das competencias que lle correspondan á Consellería de Pesca na materia.

a) Os estudios de tráfico e planificación operativa, técnica e económica dos portos, as súas instalacións e servicios.

b) A ordenación das zonas de servicio e de tecnoloxía.

c) As ordes de redacción, supervisión e control dos proxectos, obras e instalacións que se realicen nos portos da Comunidade Autónoma e nos particulares.

d) Os estudios, normas, regulamentacións e control da explotación portuaria, así como a súa xestión financeira e tarifaria e a racionalización das operacións portuarias.

e) A tramitación e resolución, se procede, de tódalas autorizacións e concesións nas zonas de servicio dos portos.

f) Informar sobre os plans de ordenación e normas subsidiarias dos concellos costeiros.

3. En materia de ordenación do litoral:

a) A xestión do dominio público afectado polas instalacións portuarias e deportivas e a tramitación e outorgamento das concesións e autorizacións que sexan competencia da consellería.

b) A formulación, tramitación e proposta de aprobación dos plans especiais de ordenación das zonas de dominio público adscritas ás instalacións portuarias que xestione a Comunidade Autónoma.

c) Informar sobre os plans de ordenación do litoral e demais actuacións que inclúen a realización das obras que afecten ó dominio público marítimo-terrestre ou que poidan ter incidencia sobre o litoral galego.

4. En materia de obras hidráulicas:

a) A programación, tramitación e aprobación dos investimentos en materia de abastecemento de augas e saneamento, de canalización e defensa das marxes así como, en xeral, as relativas a aproveitamentos, e demais obras hidráulicas que se realicen no territorio de Galicia, que non sexan de interese xeral do Estado e aquelas que a súa realización non afecte a outra Comunidade Autónoma.

b) A tramitación de solicitudes e propostas de resolución, concesións e autorizacións relativas ó dominio público das concas de Galicia Costa e o informe no das concas intercomunitarias e cando legalmente proceda.

c) Autoriza-las obras e instalacións de vertidos nas augas do litoral galego e xestionar o canon correspondente.

d) A planificación hidrolóxica nas concas hidrográficas comprendidas integramente dentro do territorio da Comunidade Autónoma.

e) Actuar en representación da Administración autonómica nas cuestións relativas as concas hidrográficas intercomunitarias e informar, cando proceda, sobre as actuacións que se realicen nelas.

f) En xeral, todas aquelas actuacións de xestión do dominio público hidráulico que no ámbito das súas competencias corresponden á comunidade autónoma, excepto no control de vertidos.

5. Informe, proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

6. A xestión dos asuntos relativos a contratación e expropiación.

7. A aplicación e proposta de modificación, se é o caso, dos regulamentos sancionadores e de policía en materia da súa competencia.

Artigo 9º

Baixo a dependencia directa do director xeral de Obras Públicas existirán as seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Estradas.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle competen á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de estradas.

Contará cos seguintes servicios:

1.1. Servicio de Supervisión de Proxectos.

1.2. Servicio de Programación e Planificación.

1.3. Servicio de Proxectos e Obras I.

1.4. Servicio de Proxectos e Obras II.

1.5. Servicio de Xestión Económico-administrativa.

1.6. Servicio de Conservación e Explotación.

2.- Subdirección Xeral de Portos.

Terá como función o seguimento das actuacións que lle corresponden á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de portos e ordenación do litoral.

Contará co seguinte servicio:

2.1. Servicio de Proxectos, Explotación e Xestión do Litoral.

3. Subdirección Xeral do Dominio Público Hidráulico.

Terá por función a coordinación e o seguimento das actuacións que correspondan á Dirección Xeral de Obras Públicas en materia de xestión do dominio público hidráulico e de planificación e programación hidrolóxica.

Contará cos seguintes servicios:

3.1. Servicio de Planificación e Programación.

3.2. Servicio de Calidade das Augas e Vertidos.

3.3. Servicio de Xestión do Dominio Público Hidráulico.

3.4. Servicio de Apoio Xurídico.

4. Subdirección Xeral de Infraestructuras Hidráulicas.

Terá por obxecto o seguimento das actuacións que en materia de obras hidráulicas corresponden á Dirección Xeral de Obras Públicas.

Contará cos seguintes servicios:

4.1. Servicio de Proxectos.

4.2. Servicio de Construcción.

5. Servicio de Apoio Técnico.

Corresponderalle a xestión, coordinación e seguimento das actuacións técnico-económicas e orzamentarias da Dirección Xeral de Obras Públicas, así como daqueles outros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes ou dictames relacionados coas devanditas funcións.

6. Servicio de Xestión Xurídico-Administrativa.

Corresponderalle a xestión, coordinación e seguimento das actuacións xurídico-administrativas da Dirección Xeral de Obras Públicas, así como daqueloutros asuntos xerais que lle sexan encomendados polo seu titular, e a elaboración de informes ou dictames relacionados coas devanditas funcións.

V. Da Dirección Xeral de Transportes.

Artigo 10º

A Dirección Xeral de Transportes terá ó seu cargo, dentro do ámbito das competencias conferidas a Comunidade Autónoma de Galicia, as seguintes funcións:

1. A ordenación, o control e a inspección dos transportes mecánicos por estrada, ferrocarril e cable, o rexistro de empresas, vehículos, custos e tarifas, outorgamento de autorizacións de transporte público regular de viaxeiros de uso especial ou temporal, a proposta de outorgamento de concesións de servicio público regular de viaxeiros permanente de uso xeral, e todas aquelas que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia.

2. O outorgamento de autorizacións para servicios discrecionais e privados de viaxeiros, mercadorías e mixtos de radio de acción territorial, comarcal, provincial e local.

3. Programar e planifica-la evolución e desenvolvemento dos distintos tipos de transportes terrestres, mecánicos por estrada, ferrocarril ou por cable, co fin de facilita-lo seu desenvolvemento equilibrado e harmónico.

4. A coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e a planificación e, se é o caso, a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros e mercadorías por estrada.

5. O control das actividades de transportes en portos, aeroportos e heliportos, non cualificados de interese xeral polo Estado.

6. A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas, estudio, elaboración e informe

dos anteproxectos e proxectos de disposicións legais e investigación e asesoramento ó departamento, en materia de transportes terrestres, por ferrocarril, aéreo e por cable.

7. A resolución de expedientes sancionadores en materia de transporte derivados de infraccións graves e o informe-proposta nos expedientes sancionadores instruídos por infraccións cualificadas como moi graves.

8. Informe-proposta e, se é o caso, resolución dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

9. A xestión dos asuntos relativos ás contratacións e expropiacións.

10. Estudios en materia de comunicacións.

Artigo 11º

A Dirección Xeral de Transportes estructúrase nas seguintes unidades:

1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

a) Coordinación da xestión administrativa en relación cos servicios adscritos, así como coas xefaturas provinciais.

b) Proposta de planificación e elaboración de estudios e proxectos en materia de infraestructura de transportes.

c) Estudio e proposta de resolución en materia de concesións e autorizacións.

d) Apoio e asistencia á dirección xeral en materia de estudio, elaboración de proxectos e informes sobre textos legais, coordinación do transporte e control e avaliación da xestión encomendada a dirección.

Contará coas seguintes unidades:

1.1. Servicio de Estudios e Proxectos.

1.2. Servicio de Concesións e Autorizacións.

1.3. Servicio de Programación e Actuación Económica.

2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte, coas seguintes funcións:

a) Coordinación da xestión administrativa en relación cos servicios adscritos, e xefaturas provinciais, en materia de inspección e sancións.

b) Programación, control e avaliación da actuación da inspección sobre a vixilancia do cumprimento das normas reguladoras do transporte.

c) Incoación, tramitación e proposta de resolución de expedientes sancionadores por infracción das normas reguladoras do transporte.

Contará cos seguintes servicios:

2.1. Servicio de Inspección.

2.2. Servicio de Informes e Recursos.

VI. Das delegacións provinciais.

Artigo 12º

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación da consellería na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou territorial situadas no seu ámbito.

Artigo 13º

Ó frente de cada delegación provincial existirá un delegado, que terá, ademais das competencias e funcións previstas no Decreto 5/1987, do 14 de xaneiro, e as recollidas no Decreto 151/1995, do 18 de maio, en materia de costas, as derivadas en virtude do Decreto 87/1990, do 15 de febreiro.

Do delegado provincial dependerán tódolos servicios, unidades ou centros da consellería ou por ela tutelados que estean no ámbito da súa competencia territorial. Ó delegado provincial da consellería e tamén do Instituto Galego da Vivenda e Solo correspóndelle a dirección no ámbito provincial das funcións que lle competen, actuando neste caso con dependencia funcional do director xeral do instituto.

Artigo 14º

Para o cumprimento dos seus cometidos, a delegación provincial contará coas seguintes unidades con categoría de servicio:

1. Secretaría.

Baixo a autoridade e supervisión do delegado, correspóndelle o exercicio das funcións relativas ó réxime interior, a tramitación administrativa, xestión de persoal, parque móbil da consellería, información ó público, elaboración do anteproxecto de orzamentos da delegación, e administración, control contable e xustificación dos créditos que se lle asignen; elaboración de estatísticas dos demais servicios da delegación provincial e, en xeral, prestar asesoramento e asistencia técnica e administrativa ó delegado e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia e vacante.

2. Servicio de Contratación.

3. Servicio de Supervisión de Proxectos.

4. Servicio de Urbanismo e Arquitectura.

5. Servicio de Costas na Coruña, Lugo e Pontevedra.

6. Servicio de Estradas.

7. Servicio de Obras Hidráulicas.

8. Servicio de Transportes.

9. Servicio de Portos da Coruña-Norte, da Coruña-Sur, Lugo e Pontevedra, que se integran na delegación provincial correspondente a súa sede.

VII. Dos órganos colexidados.

Artigo 15º

Co carácter, cometido e funcións establecidas nas súas respectivas normas reguladoras, están constituídos os seguintes órganos colexiados:

1. A nivel central:

-A Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, regulada polo artigo 12 da Lei 7/1995, do 29 de xuño,

de delegación e distribución de competencias en materia de urbanismo e polo Decreto 63/1993, do 18 de marzo.

-O Consello Galego de Transportes, regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

-A Comisión de Desaugamento de Encoros da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada polo Decreto 72/1987, do 17 de marzo.

2. A nivel provincial:

-Os comités provinciais de Coordinación de Transportes, regulados polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

Disposición adicional

As competencias atribuídas no presente decreto ás direccións xerais en materia de contratación e concesión de axudas e subvencións considéranse conferidas sen prexuízo daquelas que foron obxecto de desconcentración nos delegados provinciais en virtude do Decreto 87/1990 e do 88/1990, do 15 de febreiro.

Disposición transitoria

Primeira.-Cando como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto se modifique a denominación ou o contido das subdireccións ou servicios existentes con anterioridade ou se supriman algunhas das citadas unidades, autorízase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a proposta do secretario xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou adscricións con carácter temporal sempre que non exista posto de igual nivel a outros de inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos na forma establecida regulamentariamente, sen que en ningún caso supoña a readscrición ou adscrición, cambio de residencia.

Segunda.-De conformidade co previsto na disposición adicional terceira do Decreto 227/1995, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do ente público Portos de Galicia, dictado en aplicación e desenvolvemento da Lei 5/1994, do 29 de novembro, o día da data de entrada en funcionamento deste quedarán transferidas a Portos de Galicia as funcións que na actualidade desempeñan os servicios de Portos e a Subdirección Xeral de Portos, extinguíndose as devanditas unidades e subrogándose o ente público en tódalas súas funcións.

Disposicion derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 6/1993, do 28 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dictar normas complementarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-A estructura orgánica que se fixa no presente decreto non supón aumento do gasto.

Terceira.-Esta disposición entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

95-7750