Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 21 de novembro de 1995 Páx. 8.534

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 295/1995, do 16 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea a 132 kV de derivación á subestación de Foz da liña Arbón-Mondoñedo. (Expediente número 4260 A.T.).

Electra del Viesgo, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Medio nº 12, 39003 Santander (Cantabria), solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 132 kV de 10.165 m de lonxitude, conductor LA-110 de 116,2 mm de sección, e apoios de formigón e torres metálicas, con orixe na liña eléctrica Arbón-Mondoñedo e remate na subestación de Foz. A liña percorre os termos municipais de Barreiros e Foz, ámbolos dous da provincia de Lugo; Expediente nº 4260 A.T.

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Dirección Xeral de Industria da Xunta de Galicia do 30-5-1995 a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 10-7-1995, no BOP de Lugo do 28-6-1995, e no BOE do 29-6-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose con base no disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 14-8-1995, no BOP de Lugo do 3-8-1995, no xornal El Progreso de Lugo do 12-8-1995, e a simple referencia no BOE do 2-8-1995; ó mesmo tempo na forma

regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación, agás ó titular do predio nº 61, do termo municipal de Foz, que por resultar descoñecido procedeuse a darlle traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal, segundo o disposto no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu ó trámite de información pública formularon alegacións de desconformidade coa valoración os titulares dos eidos números 45, 62, e 64, do concello de Foz, as cales non se teñen en conta por corresponder a outra fase do procedemento; as relativas ó cambio de trazado que propón o titular do predio nº 62 desestímanse ó non se dar naquel conxuntamente as limitacións que establece o artigo 26 do sinalado decreto.

Unha vez practicada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio en Lugo, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Electra del Viesgo, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Electra del Viesgo, S.A., da liña eléctrica aérea a 132 kV que une a subestación de Foz coa liña Arbón-Mondoñedo.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Barreiros e Foz, da provincia de Lugo, e son tódolos que figuran na

relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas. Por solicitude do beneficiario, por chegarse ó mutuo acordo entre as partes, exclúense desta disposición o predio número 1, do concello de Foz.

Santiago de Compostela, dezaseis de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

7473