Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 218 Martes, 14 de novembro de 1995 Páx. 8.326

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 291/1995, do 3 de novembro, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais.

No eido da asistencia social a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva, segundo o disposto no artigo 27.23º do seu Estatuto de autonomía, en relación co artigo 148.1º 20 da Constitución española.

En virtude desa atribución de competencias, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, na que se ordenan e regulan os aspectos básicos dun sistema integrado de servicios sociais, definido como servicio público da Comunidade Autónoma de Galicia.

A antedita lei, no seu artigo 32.3º, prevé a existencia dun rexistro administrativo no que deberán inscribirse as entidades prestadoras de servicios sociais con carácter previo ó inicio das súas actividades. Polo Decreto 95/1994 reguláronse os rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais dependentes das consellerías de Sanidade e Servicios Sociais e de Familia, Muller e Xuventude.

O desenvolvemento normativo da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no que atinxe á tipificación de programas e centros e o réxime de autorización e acreditación destes últimos, aconsella a revisión do antedito decreto co fin de adecua-la organización dos rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais ás novas esixencias legais.

Por todo o exposto, a iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Consellería de Familia, Muller e Xuventude e por proposta da Consellería da Presidencia e Administración Pública, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente decreto ten por obxecto a regulación dos rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais, dependentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, configurados como instrumentos básicos de coñecemento, control, planificación, ordenación e publicidade do sistema de servicios sociais.

Artigo 2º

Toda entidade que desexe prestar servicios sociais no territorio da Comunidade Autónoma galega deberá

inscribirse, con carácter previo ó inicio das súas actividades, no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e/ou no da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, segundo corresponda en función das áreas de actuación establecidas no artigo 5.3º da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, ás que dirixa a súa actividade.

Artigo 3º

1. Para os efectos previstos no presente decreto, terá a consideración de entidade prestadora de servicios sociais toda persoa física ou xurídica, legalmente recoñecida como tal, que sexa titular de centros ou desenvolva programas de servicios sociais.

2. Son centros de servicios sociais todos aqueles equipamentos, establecementos e instalacións regulamentariamente tipificados, nos que se desenvolvan dun xeito estable e continuado servicios, programas e actividades de atención directa nas distintas áreas de actuación dos servicios sociais.

3. Considéranse programas de servicios sociais o conxunto articulado de obxectivos, accións e recursos materiais e humanos, identificados e dotados orzamentariamente, se é o caso, por medio dos cales se procuran solucións ás necesidades sociais. En todo caso estes programas deberán adecuarse ás tipoloxías que se establezan regulamentariamente para o efecto.

Artigo 4º

Serán obxecto de inscrición as entidades prestadoras de servicios sociais, debendo anotarse tamén os seus centros autorizados.

Artigo 5º

A anotación dos centros realizarase de oficio, unha vez concedidos pola consellería competente o permiso de inicio de actividades, de acordo co disposto no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais. Así mesmo, deberá anotarse de oficio o permiso de cesamento de actividades dos centros -o que determinará a cancelación da súa anotación no rexistro-, e a súa acreditación, se é o caso.

Artigo 6º

As entidades inscritas deberán remitir anualmente, e antes do 31 de marzo, unha memoria das actividades realizadas durante o ano anterior.

Artigo 7º

1. A inscrición da entidade cancelarase pola extinción da súa personalidade xurídica, pola imposición de sancións que pola súa propia natureza supoñan este efecto, ou a petición de parte. Así mesmo poderá ser tamén causa de cancelación a inactividade na prestación de servicios sociais no período de tres anos.

2. A cancelación acordarase de oficio ou por instancia de parte interesada, por resolución da consellería correspondente, logo da instrucción do oportuno expediente no que será oído, sempre e en todo caso, o titular ou representante legal da entidade.

Artigo 8º

As unidades administrativas encargadas dos rexistros, no exercicio das súas funcións, poderán requirirlles ás entidades prestadoras de servicios sociais canta información sexa necesaria, para os efectos previstos no artigo 1º do presente decreto.

Artigo 9º

Os rexistros son públicos e o acceso a eles polos cidadáns exercerase nos termos e condicións establecidos pola Lei 30/1992, do 27 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo II

Organización do rexistro

Artigo 10º

1. Os rexistros constarán materialmente de libro diario, libro de rexistro de entidades, ficheiro auxiliar de centros e arquivo de documentación. O libro de rexistro e o ficheiro levaranse simultaneamente sobre soportes escritos e informáticos.

2. Regulamentariamente determinaranse as condicións e requisitos formais que deberán reunir estes libros co fin de garanti-la súa autenticidade.

Artigo 11º

No libro diario farase o correspondente asento de todo escrito ou documentación que afecte a este rexistro. Os asentos anotaranse respectando a orde temporal de recepción e indicarán a data desta.

Artigo 12º

1. Cada entidade abrirá folio no libro de rexistro e concederáselle un número diferente e correlativo. No devandito folio reflectiranse os seus datos identificativos.

2. Así mesmo, deberán anotarse os centros autorizados para o seu funcionamento de que sexa titular a entidade, outorgándoselles a cada un deles un número de identificación.

3. Tamén serán obxecto de anotación no libro de rexistro as sancións impostas á entidade polas infraccións cometidas no exercicio das súas actividades, así como calquera outro dato que sobre ela sexa considerado de interese.

Artigo 13º

Sen prexuízo do disposto no artigo anterior, os rexistros apoiaranse nun ficheiro auxiliar no que constará por extenso os datos referentes ós centros de que sexa titular cada entidade.

Capítulo III

Procedemento

Artigo 14º

1. Para a inscrición dunha entidade nos rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais o titular ou o seu representante legal deberán presentar, perante a consellería competente por razón da área de actua

ción, solicitude en modelo normalizado que deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Acreditación da identidade do asinante da solicitude e, se é o caso, da representación que ostente.

b) Copia da acta ou acordo de creación da entidade e dos seus estatutos, así como certificado de inscrición no rexistro ou rexistros correspondentes á súa natureza, cando se trate de persoas xurídicas. As entidades locais estarán exentas de presenta-la documentación á que se refire este apartado.

c) Copia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documento acreditativo da composición do órgano de dirección expresando o nome completo de cada membro e o seu documento nacional de identidade. No caso de que se trate dunha entidade local só deberá indica-lo órgano ou departamento de dirección.

A documentación á que se refiren os apartados anteriores deberá presentarse debidamente compulsada.

e) Xustificante acreditativo de ter satisfeitas as taxas por servicios administrativos de conformidade co establecido na lexislación vixente na materia.

2. Ademais do disposto no parágrafo anterior, a entidade deberá presentar unha relación dos centros ou programas que pretenda desenvolver no eido dos servicios sociais.

Artigo 15º

Cando do exame da documentación presentada se apreciase falta ou defecto nela, requirirase ó asinante para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará desistido da súa petición e esta se arquivará sen máis trámite.

Artigo 16º

1. A consellería competente, á vista do expediente, dictará, no prazo máximo de tres meses a partir da presentación da solicitude, resolución concedendo ou denegando a inscrición da entidade. A non resolución en prazo terá carácter estimatorio.

2. A resolución denegatoria da inscrición deberá ser motivada e contra ela poderá interporse, no prazo de un mes, recurso ordinario perante o titular da consellería que dictase a resolución.

Artigo 17º

O titular ou representante legal da entidade poñerá en coñecemento da consellería competente todas aquelas modificacións que afecten os datos sinalados no artigo 14.1º da presente disposición, para os efectos da súa anotación no rexistro correspondente. Con tal fin presentará solicitude normalizada acompañada de documentación que as acredite no prazo dun mes desde que estas se produzan.

Disposicións transitorias

Primeira.-Co fin de adapta-los rexistros existentes á nova organización rexistral establécese un prazo de 3 meses, contados a partir da data de entrada en

vigor deste decreto, para proceder ó traslado de oficio dos datos relativos ás entidades inscritas ós novos libros rexistrais. Con esta finalidade poderá requirírselles ás entidades canta documentación sexa necesaria.

Segunda.-No prazo de 3 meses, a partir da publicación da presente disposición, deberá aprobarse a normativa que a desenvolva.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 95/1994, do 8 de abril, polo que se desenvolve a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, no relativo ós rexistros de entidades prestadoras de servicios sociais e a Orde do 6 de xuño de 1994 que o desenvolve.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e a conselleira de Familia, Muller e Xuventude, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, dentro do ámbito das súas competencias.

Segunda.-A presente norma entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

94-07265