Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 10 de novembro de 1995 Páx. 8.267

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 23 de outubro de 1995 de desenvolvemento do Decreto 199/1995, do 10 de maio, polo que se crea o Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, no seu artigo 35.2º establece que as comunidades autónomas poderán crea-los seus propios rexistros oficiais de contratistas.

O Decreto 199/1995, do 10 de maio (DOG 6-7-1995), modificado polo Decreto 258/1995, do 5 de outubro (DOG 13-10-1995), crea o rexistro oficial de contratistas, facultando na súa disposición derradeira ó conselleiro de Industria e Comercio para

dictar tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do referido decreto.

Na súa virtude, esta consellería,

DISPÓN:

Artigo 1º

O Rexistro Xeral de Constratistas da Comunidade Autónoma de Galicia creado polo Decreto 199/1995, do 10 de maio, quedará adscrito orgánica e funcionalmente á Secretaría Xeral da Consellería de Industria e Comercio, que será a encargada da súa organización, mantemento e custodia.

Artigo 2º

O procedemento para a inscrición rexistral será o seguinte:

1. Presentarase a solicitude de inscrición no modelo formalizado que figura como anexo I á presente orde xunto cos documentos seguintes:

A. Para as solicitudes formuladas por españois:

a) Fotocopia do NIF ou CIF compulsados.

b) Escritura de constitución ou modificación da empresa (se fora persoa xurídica).

c) Poder declarado bastante por letrado da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable outorgada ante a autoridade administrativa, notario público ou organismo profesional cualificado de non estar incurso o licitador en ningún dos supostos de prohibición para contratar previstos na normativa vixente en materia de contratación.

e) Certificado de cumprimento das obrigas tributarias impostas polas disposicións vixentes así como certificación expresiva da alta no imposto de actividades económicas, con especificación do epígrafe ou epígrafes correspondentes.

f) Certificado de estar ó corrente no cumprimento das obrigas de Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.

g) Certificado de clasificación do contratista expedido polo órgano competente.

B. Para as solicitudes formuladas por estranxeiros:

Requirirase a mesma documentación esixida no apartado A deste artigo, e ademais:

a) Os contratistas estranxeiros non comunitarios deberán acredita-la súa capacidade de obrar mediante certificación expedida pola Embaixada de España no estado de que se trate. Os contratistas estranxeiros de países da Unión Europea acreditarán a súa capacidade de obrar coa súa inscrición nun rexistro profesional ou comercial, cando este requisito sexa esixido na lexislación do estado respectivo.

b) Para os contratistas de estados non membros da Unión Europea, esixirase informe da respectiva representación diplomática española de que o estado de procedencia admite a participación de empresas españolas na contratación coa administración de xeito substancialmente análogo. Nos contratos de obras cómpre ademais acreditar ter aberta unha sucursal en España.

c) Declaración de sometemento á xurisdicción dos xulgados e tribunais españois de calquera orde.

2. O Servicio do Rexistro de Contratistas analizará a solicitude xunto coa correspondente documentación, e no caso de que atope algún defecto, requirirá que se repare este no prazo de dez días; transcorrido este sen que se produza a reparación, procederá ó arquivo daquela sen máis trámite.

3. Se a solicitude e maila documentación reúnen os requisitos esixidos ou se producise a reparación dos defectos observados, procederase á remisión do expediente á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia para o seu informe.

4. Á vista do informe da Asesoría Xurídica Xeral, e logo de proposta do Servicio do Rexistro de Contratistas, o secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio dictará a correspondente resolución.

Artigo 3º

O procedemento de modificación da inscrición rexistral será o seguinte:

1. A solicitude de modificación será presentada no modelo normalizado que figura como anexo II á presente orde xunto cos documentos acreditativos da modificación pretendida.

2. Analizada a solicitude e maila documentación acreditativa polo servicio do rexistro de contratistas, se este observa algún defecto, requirirá que se repare no prazo de dez días; transcorrido este sen que se produza a reparación procederase ó arquivo da solicitude de modificación sen máis trámites. Todo isto sen prexuízo das facultades previstas no artigo 9 do decreto que esta orde desenvolve.

3. No caso de que a documentación e a solicitude reúnan os requisitos esixidos, ou se producise a reparación dos defectos, procederase á remisión do expediente para que sobre el emita informe da Asesoría Xurídica Aeral.

4. Á vista do informe da Asesoría Xurídica Xeral, e previa proposta do Servicio do Rexistro de Contratistas, o secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio dictará a correspondente resolución.

5. Mentres non se produza a incorporación ó rexistro da modificación solicitada, con notificación ó contratista, este estará obrigado a aportar nas licitacións ás que concorra a documentación acreditativa dos extremos ós que aquela se refira.

Artigo 4º

1. O prazo para a resolución das solicitudes, tanto de inscrición como de modificación, será de tres meses. De non recaer resolución expresa no dito prazo, entenderanse desestimadas.

2. Contra as resolucións dictadas polo secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro.

Artigo 5º

1. Producida e notificada ó interesado a inscrición ou modificación rexistral, o contratista estará exonerado da presentación nas diferentes licitacións ás que concorra da documentación acreditativa dos seguintes extremos:

a) Personalidade xurídica.

b) Capacidade para contratar.

c) Clasificación do contratista.

2. O anterior non eximirá os licitadores de lle achegaren ás súas proposicións, en sobre aparte, a documentación acreditativa de atoparse ó corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social, de conformidade co esixido pola lei.

Artigo 6º

Antes da constitución das mesas de contratación, os secretarios delas solicitarán, a través dos encargados dos rexistros xerais das consellerías, das súas delegacións ou das direccións provinciais, a expedición de certificacións relativas ós contratistas concorrentes.

Os efectos da certificación referiranse á data de remate do prazo de presentación de proposicións.

Artigo 7º

En calquera momento, previo ou posterior á inscrición, poderá requirírselle ó contratista a achega de calquera documento complementario ou aclaratorio que se coide necesario para a comprobación da exactitude e certeza dos datos aportados.

Artigo 8º

1. Os contratistas inscritos estarán obrigados anualmente a formular unha declaración expresa responsable relativa á vixencia, sen contradicción, das acreditacións rexistrais.

O seu incumprimento, logo de apercebimento que para tal efecto lle dirixa o rexistro, suporá a suspensión automática dos efectos da inscrición ata a súa reparación, e por un prazo máximo de 6 meses; transcorrido este sen recibi-la referida declaración, procederase á anulación definitiva da inscrición rexistral.

Disposicións finais

Primera.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Industria e Comercio para que dicte cantas disposicións sexan precisas para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de octubre de 1995.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

9507061