Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 216 Venres, 10 de novembro de 1995 Páx. 8.266

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 290/1995, do 3 de novembro, polo que se establecen os procedementos de integración nas escalas de informática creadas pola Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992.

Os artigos 16, 17 e 18 da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992, ó abeiro do disposto no artigo 20 da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, crearon as seguintes escalas de funcionarios dentro dos corpos e grupos que a continuación se indican:

-Corpo superior da Administración da Xunta. Grupo A: escala de sistemas e tecnoloxía da información.

-Corpo de xestión da Administración da Xunta. Grupo B: escala de xestión de sistemas da información.

-Corpo administrativo da Xunta de Galicia. Grupo C: escala técnica auxiliar de informática.

De conformidade co disposto pola disposición adicional sétima da devandita Lei 15/1991, cómpre proceder ó desenvolvemento do seu contido establecendo os procedementos de integración nas ditas escalas para os colectivos de persoal nela sinalados.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto establece-los procedementos de integración nas escalas de funcionarios creadas polos artigos 16.2º, 17.1º e 18.1º da Lei 15/1991, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1992. Os ditos procedementos de integración serán aplicables ós colectivos de persoal ós que fan referencia os artigos seguintes.

Artigo 2º.-Integración do persoal funcionario de carreira.

1. Poderán integrarse nas escalas sinaladas no artigo anterior o persoal que no período que vai desde o 1 de xaneiro de 1992 ata a data de entrada en vigor do presente decreto cumpra os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de funcionario de carreira.

b) Pertencer ós grupos A, B ou C segundo a escala informática de que se trate e estar en activo nalgún deles sen prexuízo do disposto no artigo 5º.

c) Posuí-la titulación esixida pola Lei 15/1991, para o acceso á escala informática correspondente.

2. Amais do anterior, o referido persoal na data de entrada en vigor do presente decreto deberá atoparse desempeñando as funcións atribuídas, pola Lei 15/1991, á escala informática na que pretende integrarse por estas ocupando postos reservados na correspondente relación de postos de traballo ás escalas de informática.

3. O persoal ó que alude o número 3 da disposición adicional terceira da Lei 4/1988, da función pública de Galicia, poderá integrarse na escala informática a extinguir que corresponda no grupo e corpo ó que pertence, sempre que cumpra os requisitos establecidos nos números anteriores, excepto o disposto na letra c do número 1.

Ó persoal que se incorpore no futuro á Comunidade Autónoma aplicaráselle, se é o caso, o disposto no presente decreto.

4. A integración do persoal sinalado nos números anteriores levarase a efecto trala superación dun curso de adaptación que se establecerá por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 3º.-Integración por promoción interna do persoal funcionario de carreira.

1. Mediante a participación no oportuno concurso-oposición pola quenda de promoción interna e nas condicións previstas no apartado 3 da disposición adicional sétima da Lei 15/1991, o persoal funcionario de carreira afectado pola dita disposición poderá integrarse na escala informática que corresponda, sempre que cumpra os requisitos de titulación e desempeño de funcións establecidos nos números 1 e 2 do artigo anterior. Ó dito persoal seralle de aplicación o disposto no número 3 da disposición transitoria décima da Lei 4/1988, do 26 de maio.

Artigo 4º.-Integración do persoal interino, contratado administrativo ou laboral fixo.

1. O persoal que en data 1 de xaneiro de 1992 tivese a condición de interino, contratado administrativo ou laboral fixo e estivese afectado polo disposto nas disposicións transitorias novena, décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, na redacción dada pola Lei 4/1991, do 8 de marzo, de reforma daquela, poderá integrarse nas escalas sinaladas no artigo 1º se cumpre os seguintes requisitos:

a) Acceder á condición de funcionario de carreira dentro das tres convocatorias previstas nas devanditas disposicións transitorias da Lei 4/1988, nas condicións previstas nelas.

b) Posuí-la titulación esixida pola Lei 15/1991, para o acceso á escala informática de que se trate.

c) Desempeñar ininterrompidamente as funcións atribuidas á escala informática na que pretende inte

grarse, pola ocupación de postos reservados na correspondente relación de postos de traballo ás escalas informáticas, no período que vai desde o 1 de xaneiro de 1992 ata a adquisición da condición de funcionario de carreira.

2. A integración do persoal ó que fai referencia este artigo levarase a efecto trala superación polo dito persoal do oportuno concurso-oposición, para os efectos previstos no apartado a) anterior. No dito proceso selectivo valorarase o tempo de servicios prestados exercendo funcións das escalas informáticas correspondentes.

A participación en concurso-oposición non referido ó acceso ás escalas de informática obrigará o dito persoal a cumpri-lo disposto no número 4 do artigo 2º.

Artigo 5º.-Integración de funcionarios de carreira en situación de servicios especiais.

Así mesmo, poderán integrarse nas escalas que correspondan das sinaladas no artigo 1º os funcionarios de carreira que, pertencento ó grupo e posuíndo a titulación necesaria para a escala correspondente, estivesen en situación de servicios especiais en data 1 de xaneiro de 1992, ou ata a entrada en vigor do presente decreto e desempeñasen como último posto de traballo en servicio activo algún dos postos reservados na correspondente relación de postos de traballo ás escalas de informática. O dito persoal deberá cumpri-lo disposto no número 4 do artigo 2º.

Artigo 6º.-Situación do persoal ó que se refiren as disposicións transitorias novena, décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio.

O persoal ó que se refiren as disposicións transitorias novena, décima e décimo primeira da Lei 4/1988, do 26 de maio, que á entrada en vigor do presente decreto estean desempeñando postos que nas relacións de postos de traballo se reserven a unha das escalas sinaladas no artigo 1º, se non supera o procedemento de integración previsto no artigo 4º poderá continuar no desempeño dos ditos postos mentres estes non sexan cubertos polos procedementos legalmente establecidos. No caso de seren cubertos os postos ó dito persoal poderá asignárselle outro posto informático correspondente ás funcións da escala e grupo ó que pertence ou se asimila en virutde da súa relación xurídica que os vincula coa Administración.

O persoal laboral fixo, mentres manteña a súa relación xurídico-laboral, poderá continuar desempeñando o posto que viña ocupando como tal e nas mesmas condicións.

Artigo 7º.-Solicitude para a integración.

Os funcionarios que á entrada en vigor do presente decreto cumpran os requisitos esixidos nos artigos 2º e 4º para a súa integración nalgunha das escalas do artigo 1º deberán solicitalo mediante escrito dirixido

á Dirección Xeral da Función Pública no prazo de 20 días a partir do día seguinte ó da publicación do presente decreto. Á dita solicitude xuntaráselle copia compulsada da documentación que acredite o cumprimento dos requisitos esixidos neste decreto para a súa integración.

Artigo 8º.-Resolución das solicitudes de integración.

Revisadas as solicitudes e a documentación presentadas, a Consellería da Presidencia e Administración Pública resolverá mediante orde o que proceda sobre a integración solicitada.

Disposición transitoria

Os funcionarios que, de acordo co disposto nos artigos 2º e 7º, non poidan exerce-la súa opción á integración por non cumpriren o requisito de titulación esixido poderán facelo posteriormente sempre que o reúnan dentro do prazo de cinco anos contado desde a entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de novembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

95-06985