Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Luns, 06 de novembro de 1995 Páx. 8.151

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DA GUDIÑA

ANUNCIO.

O Pleno da Corporación Municipal, en sesión de data 25 de setembro do ano que corre, aprobou a convocatoria, bases e exercicios para a provisión en propiedade dunha praza de administrativo, da escala de Administración xeral, promoción interna, do cadro de persoal funcionario do concello, que se publican como anexo a este anuncio.

O que se fai público par xeral coñecemento.

A Gudiña, 10 de outubro de 1995.

Guillermo Lago Pérez

Alcalde

Bases, exercicios e programas para a provisión en propiedade dunha praza da escala de Administración xeral, subescala de administrativos deste concello, promoción interna.

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

É a provisión polo procedemetno de concurso-oposición, dunha praza da escala de Administración xeral, subescala de administrativos, encadrada no grupo C, nivel 12, dotada coas retribucións legais correspondentes.

Segunda.-Sistema de selección.

Co fin de facilita-la promoción interna dos funcionarios da subescala inferior e de conformidade coa redacción dada ó artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, pola Lei 23/1988, e a teor do que dispón o artigo 61 da Lei 42/1994, do 30 de decembro, establécese para este concurso-oposición a promoción interna.

Terceira.-Condicións dos aspirantes.

Para poder ser admitido ás probas do concurso-oposición requírese que os aspirantes reúnan os seguintes requisitos:

a) Pertencer á subescala de auxiliares de Administración xeral desta corporación.

b) Acreditar un mínimo de dous anos de servicio en propiedade na subescala inferior.

c) Estar en posesión, ou en condicións de obtelo no momento da terminación do prazo de presentación de instancias, o título de bacharel, formación pro

fesional de 2º grao ou equivalente, ou unha antigüidade de dez anos nun corpo ou escala do grupo D.

Cuarta.-Instancias.

As instancias de solicitude para tomar parte no concurso-oposición na que os aspirantes deberán manifestar que reúnen todas e cada unha das condicións na base correspondente, presentaranse no rexistro xeral do concello, debidamente reintegradas, durante o prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación do extracto no Boletín Oficial del Estado. Tamén poderán presentarse as instancias na forma prevista no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Admisión dos aspirantes.

Expirado o prazo de presentación de instancias, a presidencia da corporación aprobará a lista provisional dos aspirantes admitidos e excluídos, que será publicada no BOP e será exposta no taboleiro de anuncios da corporación, concedéndose un prazo de quince días para reclamacións, que serán aceptadas ou rexeitadas na resolución pola que se aproba a lista definitiva, que se fará pública na forma indicada.

Sexta.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador estará constituído da seguinte forma:

Presidente: o da corporación ou membro dela en quen delegue.

Vocais:

Un representante designado pola Comunidade Autónoma.

O secretario do concello ou funcionario del en que delegue.

Dous funcionarios de carreira dos grupos A ou B existentes na provincia designados pola alcaldía.

Secretario: o do concello ou persoa en que delegue.

A designación dos membros do tribunal incluirá a dos respectivos suplentes.

O tribunal cos membros que o compoñen farase público no BOP e tabolerio de anuncios da corporación.

Non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de máis da metade dos seus membros titulares ou suplentes indistintamente.

Sétima.-Comezo e desenvolvemento do concurso-oposición.

a) Fase de concurso.

Nesta fase que será anterior á da oposición o tribunal examinará e cualificará os méritos dos aspirantes de acordo cos documentos e xustificantes que, debidamente acreditados, foran presentados polos aspirantes xunto coas súas instancias e de acordo co disposto na base oitava.

Esta fase non terá carácter eliminatorio nin poderá terse en conta para supera-las probas da fase de oposición.

Os aspirantes acompañarán ás súas instancias, e no prazo de presentación destas, os documentos e xustificantes, debidamente acreditados dos meritos á alegar nesta fase de concurso.

b) Exercicios da oposición.

Primeiro exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá en desenvolver por escrito, durante o período de dúas horas, un tema de carácter xeral determinado polo tribunal e relacionado coas materias comprendidas no programa anexo á convocatoria, aínda que non se ateña a epígrafe concreto daquel; tendo os aspirantes ampla liberdade en canto á súa forma de exposición.

Valorarase especialmente neste exercicio a facultade de redacción e o nivel de formación xeral. Este exercicio será lido publicamente ante o tribunal polo opositor, podendo os membros daquel formular preguntas ó aspirante sobre o tema proposto.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio para tódolos aspirantes. Consistirá en contestar a un cuestionario de cen preguntas con respostas alternativas sobre materias relacionadas co programa da oposición e será preciso contestar correctamente, polo menos, a setenta e cinco das preguntas propostas. O tempo para este segundo exercicio será de unha hora como máximo.

Terceiro exercicio: igualmente de carácter obrigatorio. Desenvolverase por escrito durante un período máximo de dúas horas e consistirá na redacción de un informe con proposta de resolución sobre un suposto práctico, que proporá o tribunal, relativo a tarefas administrativas a realización corresponde ós funcionarios do subgrupo.

Durante o desenvolvemento desta proba os aspirantes poderán en todo momento, facer uso dos textos legais, coleccións de xurisprudencia e libros de consulta dos que acudan provistos.

Neste exercicio valorarase a sistemática e a exposición e formacións de conclusións e o coñecemento e adecuada aplicación á normativa.

Cuarto exercicio: proba de coñecemento do idioma galego. De carácter obrigatorio pero non eliminatorio para tódolos aspirantes. Consistirá na traducción directa, e sen axuda do diccionario, dun texto elixido polo tribunal, do idioma galego para o castelán e/ou viceversa.

A puntuación obtida será válida par poder mellora-la acadada conxuntamente nos exercicios obrigatorios e no concurso, non podendo puntuarse máis que entre cero e dous puntos.

-Quince días antes de comeza-lo concurso oposición, anunciarase no BOP e non será antes de que transcorran dous meses en que apareza o anuncio de convocatoria.

Oitava.-Cualificación.

-Valoración de méritos e cualificación dos exercicios.

a) Puntuación na fase de concurso.

Os méritos valoraranse outorgando ós aspirantes 0,5 puntos por cada ano completo de servicios efectivamente prestados na subescala de auxiliar, ata un máximo de cinco puntos, sen que en ningún caso poidan aplicarse para supera-los exercicios eliminatorios. Os ditos méritos acreditaranse mediante certificación e presentaranse xunto coas instancias para tomar parte no concurso-oposición.

b) Puntuación na fase de oposición.

Os exercicios na fase de oposición cualificaranse da forma seguinte:

Primeiro exercicio: cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario para aprobar obter como mínimo cinco puntos.

Segundo exercicio: cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario par aprobar obter como mínimo cinco puntos.

Terceiro exercicio: cualificarase de 0 a 10 puntos, sendo necesario par aprobar obter como mínimo cinco puntos.

Estes tres exercicios terán carácter eliminatorio.

Cuarto exercicio: puntuarase de 0 a 2 puntos, non terá carácter eliminatorio, e a puntuación obtida sumarase á puntuación final acadada na fase de concurso e oposición.

A cualificación final das probas virá determinada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso. En caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior idade dos aspirantes.

Novena.-Relación de aprobados.

Terminada a cualificación dos aspirantes, o tribunal publicará a relación dos aprobados por orde de puntuación non podendo superar estes o número de prazas convocadas e elevará a dita relación á presidencia da corporación para que se formule a correspondente proposta de nomeamento.

O opositor proposto presentará na Secretaría da Corporación e dentro do prazo de vinte días naturais a partir da publicación da lista de aprobados, os documentos acreditativos das condicións que para tomar parte no concurso-oposición se esixen na base terceira.

De non presentarse no prazo indicado e salvo casos de forza maior a documentación ou non reuni-los requisitos esixidos non poderá ser nomeado e quedarán anuladas tódalas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades a que houbera lugar.

Unha vez aprobada a proposta pola corporación, o opositor nomeado deberá de tomar posesión no prazo de trinta días hábiles contados desde o seguinte do que lle sexa notificado o nomeamento, de non tomar posesión no prazo indicado, sen causa xustificada, quedará en situación de cesante.

Décima.-Incidencias.

O tribunal quedará facultado para resolver cantas dúbidas se lle presenten e toma-los acordos necesarios para a boa orde do concurso-oposición, en todo o previsto nestas bases.

ANEXO

Programa do segundo exercicio

-Parte primeira: dereito político e constitucional.

Tema 1. O Estado. Concepto. Elementos. Formas de Estado.

Tema 2. A división de poderes. Relación entre os poderes do Estado.

Tema 3. A Constitución española de 1978. Principios xerais.

Tema 4. Dereitos e deberes fundamentais dos españois.

Tema 5. A Coroa. O poder lexislativo.

Tema 6. O Goberno e a Administración do Estado.

Tema 7. O poder xudicial.

Tema 8. Organización territorial do Estado. O Estatuto de autonomía.

-Parte segunda: dereito administrativo.

Tema 9. A Administración pública no ordenamento español. A personalidade xurídica da Administración pública. Clases de administracións públicas.

Tema 10. Principios de actuación da Administración pública. Eficacia, xerarquía, descentralización, desconcentración e coordinación.

Tema 11. Sometemento da Administración á lei e ó dereito. Fontes do dereito público. A lei. As súas clases.

Tema 12. O regulamento: as súas clases. Outras fontes do dereito administrativo.

Tema 13. O administrado. Colaboración e participación dos cidadáns nas funcións administrativas. O principio de audiencia do interesado.

Tema 14. O acto administrativo. Concepto. Elementos.

Tema 15. Principios xerais de procedemento administrativo. Normas reguladoras. Dimensión temporal do procedemento administrativo: días e horas hábiles: cómputo e prazos. Recepción e rexistro de documentos.

Tema 16. Fases do procedemento administrativo xeral. O silencio administrativo.

Tema 17. A teoría da invalidez do acto administrativo. Actos nulos e anulables. Validación. Revisión de oficio.

Tema 18. Os recursos administrativos. Clases. Recurso ordinario. Recurso de revisión. Reclamación previa ó exercicio das accións civís e laborais.

Tema 19. Principios xerais e clases de contratos administrativos. A selección de contratista. Dereitos e deberes do contratista e da Administración.

Tema 20. Os dereitos reais administrativos. O dominio público. O patrimonio privado da Administración.

Tema 21. A interveción administrativa na propiedade privada. A expropiación forzosa.

Tema 22. As formas da actividade administrativa. O fomento. A policía.

Tema 23. O servicio público. Nocións xerais. Os modos de xestión dos servicios públicos.

Tema 24. A responsabilidade da Administración pública.

-Parte terceira: principios de dereito financeiro.

Tema 24 bis. Consideración económica da actividade financeira. O dereito financeiro. Os suxeitos da actividade financeira.

Tema 25. O gasto público e as súas clases. O control do gasto público. Idea xeral do gasto público en España.

Tema 26. Os ingresos públicos: concepto e clases. O imposto. As taxas fiscais.

Tema 27. Principios inspiradores da Lei xeral tributaria.

Tema 28. O orzamento. Doutrina clásica e concepcións modernas acerca do orzamento. Idea xeral do orzamento español.

Tema 29. A Lei xeral orzamentaria.

-Parte cuarta: Administración local.

Tema 30. Réxime local español. Principios constitucionais.

Tema 31. A provincia no réxime local. Organización provincial. Competencias.

Tema 32. O municipio. O termo municipal. A poboación. O empadroamento.

Tema 33. Organización municipal. Competencias.

Tema 34. Réxime xeral das elección locais.

Tema 35. Estructuras supramunicipais. Mancomunidades. Agrupacións. A comarca.

Tema 36. Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Clases. Procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 37. Relacións entre entes territoriais. Autonomía municipal e tutela.

Tema 38. A función pública local e a súa organización.

Tema 39. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos locais. Incompatibilidades. Réxime disciplinario.

Tema 40. Dereitos económicos dos funcionarios. Dereitos pasivos. A Seguridade Social.

Tema 41. Os bens das entidades locais. Réxime de utilización dos de dominio público.

Tema 42. As formas de actividade das entidades locais. A intervención administrativa na actividade privada. Procedemento de outorgamento de licencias.

Tema 43. O servicio público na esfera local. Os modos de xestión dos servicios públicos. Consideración especial da cocesión.

Tema 44. Intervención administrativa na defensa do medio ambiente.

Tema 45. Procedemento administrativo local. O rexistro de entrada e saída. Requisitos na presentación de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 46. Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria e orde do día. Requisitos de constitución. Votacións. Actas e certificados de acordos.

Tema 47. Lexislación sobre réxime do solo e ordenación urbana. Os seus principios inspiradores. Competencia urbanística municipal.

Tema 48. Instrumentos de planeamento. Procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 49. Execución dos plans de ordenación. Sistemas de actuación urbanística. A clasificación do solo.

Tema 50. Intervención na edificación e uso do solo.

Tema 51. Facendas locais. Clasificación dos ingresos. Ordenanzas fiscais.

Tema 52. Réxime xurídico do gasto público local.

Tema 53. Os orzamentos locais. Contabilidade e contas.

6815