Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Xoves, 02 de novembro de 1995 Páx. 8.057

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de setembro de 1995, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Antonio Gallego Cid, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito interprofesional da empresa Antonio Gallego Cid, S.L., que se subscribiu o 28 de xuño, entre a representación da empresa e, en representación dos traballadores, a delegada de persoal da empresa central sindical Confederación Intersindical Galega -CIG-, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores; e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, esta dirección xeral,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios colectivos desta dirección xeral.

Segundo.-Remiti-lo texto orixinal ó correspondente servicio deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 1995.

Juan Pedrosa Vicente

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo do persoal de cociña da empresa Antonio Gallego Cid, S.L.

I. Ámbito de aplicación e disposicións xerais.

Artigo 1º.-Ámbito persoal e territorial.

O presente convenio afectará a tódolos/as traballadores/as do servicio de cociña dos centros residenciais docentes de Galicia.

Artigo 2º.-Vixencia.

Dada a peculiaridade do presente convenio colectivo, establécese o seguinte:

A partir do 1 de outubro de 1995 entrarán en vigor as condicións que acorden as partes asinantes deste convenio colectivo cara á consecución da total equiparación do persoal da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia nos pra

zos establecidos. A duración deste convenio será de 3 anos para o centro de Vigo e 4 anos para os centros de Ourense e A Coruña de vixencia a excepción dos aspectos sociais que se revisarán anualmente.

O convenio colectivo de hostelería das respectivas provincias aplicarase con carácter subsidiario durante o período transitorio de equiparación progresiva ó persoal laboral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia deste convenio colectivo, efectuada por calquera das partes lexitimadas para iso, de conformidade co artigo 87 do Estatuto dos traballadores, deberá realizarse por escrito no que deberán consta-los artigos que se pretendan renegociar, así como a proposta de modificación que se solicita. Os demais seguirán conservando a súa vixencia.

A denuncia do convenio non significará modificación ningunha do seu texto articulado, que continuará vixente ata a súa substitución polo novo, nos termos que as partes establezan.

Da denuncia, efectuada conforme o parágrafo primeiro, darase traslado, dentro dos tres últimos meses de vixencia do convenio, a cada unha das partes lexitimadas para negociar.

No caso de non efectua-la denuncia no xeito previsto, este convenio prorrogarase de maneira automática.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria con fins de interpretación e vixilancia do cumprimento das estipulacións do convenio.

Formarán parte dela, os vocais que en representación dos traballadores e empresarios constituísen a comisión negociadora deste convenio.

A presidencia da comisión exercerase a través da Consellería de Traballo e Servicios Sociais, e será convocada cando así o solicite calquera das partes.

Artigo 5º.-Partes negociadoras.

Interveñen na negociación e sinatura deste convenio en representación dos/as traballadores/as a delegada de persoal da empresa Antonio Gallego Cid, S.L., a central sindical Confederación Intersindical Galega

(CIG) e pola parte empresarial Antonio Gallego Cid, S.L.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

A todo traballador/a se lle respectará como condición máis beneficiosa, a cantidade que estivese percibindo, en canto sexan superiores ás que resulten por aplicación do presente convenio, excluíndo no dito cómputo comparativo anual os importes correspondentes a:

Pluses de transporte mensual, (só en Vigo) e se non se desfrutan efectivamente, os de manutención e aloxamento, conceptos estes que ó non entrar no referido cómputo anual, se percibirá con independencia do seu resultado.

Artigo 7º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non previsto neste convenio observarase o disposto no convenio de hostelería da provincias de Pontevedra, Ourense e A Coruña e no convenio do persoal laboral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

II. Contratacións e cesamentos.

Artigo 8º.-Contratacións.

Ó inicio da relación laboral, a empresa quedará obrigada a estender por escrito o contrato de traballo que conteña as especificacións recollidas pola normativa legal de aplicación, sexa cal fose o contrato subscrito, entendéndose contrato de duración indefinida se no mesmo non se cita expresamente outra modalidade, entregando copia deste contrato ó interesado.

Artigo 9º.-Cesamentos.

O cesamento voluntario por demisión do traballador, deberalle ser comunicado á empresa por escrito, cunha antelación mínima de quince días á data na que deba producirse.

O incumprimento desta obriga sancionarase por parte da empresa na forma prevista na lei, norma ou regra vixente en cada momento.

Artigo 10º.-Información sindical.

No cumprimento do disposto no artigo 1 da Lei 2/1991, do 7 de xaneiro, e en tanto conserve esta a súa vixencia, a empresa virá obrigada a entregarlles ós representantes dos traballadores, nela, á documentación a que fan referencia os números 1 e 2 do citado artigo, así como a información á que alude o número 3 deste. Os representantes dos traballadores asumen, así mesmo, a obriga de sixilo con respecto ós datos que, en cumprimento das disposicións citadas, obteñan das empresas. O incumprimento desta obriga de sixilo suporá o quebrantamento de segredo profesional.

Artigo 11º.-Liquidacións por cesamento.

A empresa entregará unha proposta de liquidación das cantidades debidas, xuntamente coa comunicación de preaviso de extinción do contrato ou da súa denuncia. No momento da sinatura do seu recibo de liquidación, segundo o modelo que figura como anexo I, permitirá a de calquera outro representante legal, cando así o solicite o traballador.

O traballador poderá efectuar reclamación sobre a súa liquidación sempre que o reclame dentro do prazo legal establecido e lle correspondese polo período no que prestou os seus servicios.

Artigo 12º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa, que se efectuará sen prexuízo dos dereitos económicos e profesionais do traballador, non terá outras limitacións que as esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exercer a prestación laboral.

III. Excedencias e vacacións.

Artigo 13º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral fixarase en 38 horas á semana. A promulgación de disposición oficial que a mellore, producirá a súa inmediata aplicación desde a data da súa entrada en vigor.

Artigo 14º.-Descanso semanal.

O descanso semanal será de día e medio ininterrompido, e o seu desfrute sera sinalado pola empresa coa suficiente antelación, non podendo ser variado sen consentimento dos afectados, salvo por especiais circunstancias ou necesidades do servicio, mediando aviso ó interesado co tempo suficiente. Isto entende, sen prexuízo daqueles descansos que representen melloras con respecto ós aquí regulados, que se respectarán en todo caso.

O traballador que teña contrato a xornada completa nunha empresa, non poderá presta-los seus servicios en ningunha outra do sector. Face-lo sería unha competencia desleal e polo tanto falta moi grave.

Artigo 15º.-Licencias.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a retribucións económica, se é que asiste ó acto de que se trate, polos motivos e durante o tempo que a seguir se específica:

a) 15 días no caso de matrimonio.

b) 3 días naturais nos casos de nacemento dun fillo, se reside na mesma localidade do centro de traballo, que se ampliarían a 5 noutro caso.

c) 4 días por falecemento ou enfermidade grave do cónxuxe, pais, avós, irmáns e fillos do traballador, sexa o parentesco por consaguinidade ou afinidada que se ampliarían a 8 días, cando o suceso teña lugar a máis de 500 km de distancia do centro de traballo.

d) 1 día por razón de matrimonio de país, fillos, irmáns e tíos, por consaguinidade ou afinidade, que serán 3 días se o acontecemento ten lugar en distinta provincia.

e) Polo tempo preciso, e con xustificación do mesmo co correspondente visado do facultativo, cando por razón de enfermidade, o traballador precisa a asistencia a consultorio médico en horas coincidentes coa súa xornada laboral, debendo neste caso o traballador comunicalle á empresa as ditas saídas con tempo suficiente de preve-la súa falta. Neste suposto, o tra

ballador irá ó médico que lle corresponda da Seguridade Social.

f) 2 días por falecemento de tíos ou sobriños, sexa o parentesco por afinidade ou consaguinidade.

g) 5 días moscosos por curso.

Artigo 16º.-Vacacións.

As vacacións anuais terán unha duración de 30 días naturais ininterrompida, se entre empresa e traballador non acordan o seu fraccionamento, respectándose as máis amplas que por norma, costume ou condicións máis beneficiosas estivesen desfrutando en empresas ou grupos de traballadores.

O seu desfrute deberá efectuarse dentro do ano natural ó que se corresponde, sen que caiba a súa compensación en metálico. Os traballadores que na data fixada para o comezo das vacacións non completasen un ano efectivo de servicio á empresa, desfrutaranas en proporción a dito tempo de servicio.

As festas aboables e non recuperables poderán, de común acordo entre empresas e traballadores, acumularse ás vacacións anuais ou seren desfrutadas como descanso continuado en período distinto, respectándose en ámbolos dous casos, o descanso semanal que se acumulará ó número de días de festa.

Durante o desfrute das vacacións anuais, o traballador percibirá da empresa o salario real que lle corresponda por tódolos conceptos retributivos. Para o suposto de que a empresa, por necesidades do servicio, substituse ó persoal en vacacións, a retribución total de substituto correrá integramente ó seu cargo. O abonamento das vacacións en Vigo será igual ó equivalente a un mes de salario real máis unha gratificación de 20.000 ptas. o 1º ano, de 15.000 ptas. o 2º ano, de 10.000 ptas. o 3º ano e desaparecerá coa equiparación.

Introducción dun calendario vacacional anual no momento en que haxa notifiación do calendario escolar por parte da Consellería de Educación.

Artigo 17º.-Excedencia voluntaria.

1. Para o coidado de fillos/as menores de tres anos.

Tódolos traballadores/as fixos terán dereito a unha excedencia, con independencia do seu estado civil, por tempo non superior a tres anos para atende-lo coidado de cada fillo/a contados desde a data do nacemento deste. Os fillos sucesivos darán lugar a un novo período de excedencia que, se é o caso, poñerá fin ó que se estivese desfrutando.

Non será preciso que o traballador/a esgote o tempo de excedencia para reincorporarse cando, por motivos persoais acreditados, así o solicite.

Concederáselle este mesmo dereito ó traballador verbo dos fillos adoptivos.

Durante o desfrute da excedencia para o coidado de fillos naturais e durante o primeiro ano para os adoptados, ó traballador reservaráselle o posto de traballo e quenda que viñera desempeñando con carácter definitivo.

Ó persoal que se atopa nesta situación computaráselle, para efectos de antigüidade, o primeiro ano do seu desfrute para os fillos adoptivos e a duración dela para os naturais.

2.Voluntaria.

a) Os traballadores/as fixos cunha antigüidade mínima dun ano na empresa poderán solicitar, cunha antelación mínima de 45 días, excedencia voluntaria por un período de tempo non inferior a un ano nin superior a dez.

Unha vez solicitada, resolverase o procedente e notificaráselle ó interesado con 15 días de antelación á data do inicio proposta pola persoa interesada.

O traballador/a que solicite o seu reingreso terá dereito a ocupa-la primeira vacante, con carácter provisional, que se produza no seu grupo e categoría, agás no caso de concorrer un excedente forzoso, que terá preferencia. Se a vacante fose de inferior categoría á que antes tiña, poderá optar a ela, a espera de que xurda á que corresponda á súa categoría.

O reingreso producirase por antigüidade da solicitude.

Se o interesado non solicita o reingreso ou novo período de excedencia, que non supere en total 10 anos, polo menos 15 días antes de remata-lo prazo sinalado para a excedencia que desfruta, perderá o seu dereito ó posto de traballo. En todo caso, non se poderá solicitar nova excedencia voluntaria antes de transcorrido un ano.

b) Para efectos de reingreso e de concesión de prórrogas ós traballadores/as que estivesen desfrutando dunha situación de excedencia voluntaria concedida con anterioridade á entrada en vigor do primeiro convenio único da Xunta de Galicia, seralles de aplicación o sistema regulado no presente convenio.

c) Ós excedentes voluntarios e ós excedentes para coidado de fillos adoptivos que xa desfrutasen máis dun ano da dita excedencia concederáselle-lo reingreso ó servicio activo, de existiren vacantes, con carácter provisional, ata que obteñan destino con carácter definitivo a través do sistema de provisión de vacantes correspondente.

Os postos de traballo provistos mediante reingreso provisional incluiranse, necesariamente, no primeiro concurso de traslados que se convoque, e os reingresados provisionais teñen a obriga de participar nel, e solicitar tódalas vacantes correspondentes á súa categoria profesional; se non o fan, serán declarados de oficio na situación de excedentes voluntarios.

Os reingresados provisionais que, participando no concurso de acordo co disposto no parágrafo anterior, non obtiveran posto de traballo quedarán na situación prevista no artigo 7.2º b) 2 do convenio da Xunta de Galicia.

3. Forzosa.

A excedencia forzosa ó persoal laboral fixo, que dará dereito a conserva-lo posto de traballo, quenda e centro, e a que se compute a antigüidade durante

a súa vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo.

O reingreso deberá efectuarse no prazo máximo de trinta días naturais a partir do cesamento no cargo. Para estes efectos, entenderase por cargo público a elección para deputado ou senador no Parlamento español, deputado de asembleas autonómicas, concelleiro dun concello ou o nomeamento para un cargo dentro da Administración pública.

Se non solicitan o reingreso no prazo citado serán declarados, de oficio, en excedencia voluntaria por interese particular.

A reincorporación producirase na mesma categoría profesional e quenda que tiña o traballador/a ó se inicia-la devandita excedencia, computándoselle o tempo transcorrido para efectos de antigüidade. Este reingreso terá carácter inmediato desde o momento no que se solicite e, en todo caso, un mes despois do cesamento no cargo.

IV. Seguridade e hixiene.

Artigo 18º.-Comedores e vestiarios.

As empresas con persoal con dereito a manutención e en tanto esta sexa obrigatoria por disposición oficial, facilitarán un local digno e axeitado para uso como comedor dos citados traballadores, o manterán limpo e en perfectas condicións de uso.

Igualmente disporán de vestiarios axeitados e duchas.

Artigo 19º.-Recoñecemento médico.

1. A empresa practicará os seguintes recoñecementos médicos:

a) Unha vez ó ano, a todo o persoal.

b) Periódicos e especificos, ó persoal ó que, pola súa actividade, se considere necesario.

c) A todo o persoal de novo ingreso, antes de incorporarse ó posto de traballo.

d) Revisión xinecolóxica.

Co fin de atende-lo cumprimento dos distintos apartados, a empresa porá os medios ou correrá co gasto necesario para facilitarlle ó traballador/a a súa asistencia ós centros de recoñecemento cando estean en localidade distinta a aquela onde o traballador/a presta os seus servicios.

V. Dereitos sindicais de representación.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

Delegados de persoal e comités de empresa.

Os delegados/as de persoal e os membros dos comités de empresa, sen prexuízo das competencias, funcións e dereitos en xeral recoñecidos polas disposicións legais, terán os seguintes dereitos específicos:

1. Os membros dos comités de empresa e os delegados de persoal disporán de tempo retribuído para realizar xestións conducentes á defensa dos intereses

do persoal. As horas mensuais necesarias para cubrir esta finalidade fíxanse de conformidade coa seguinte escala:

-Centros de ata 250 traballadores: 35 horas.

-Centros de 251 a 500 traballadores: 50 horas.

-Centros de 501 traballadores en diante: 60 horas.

2. Os membros dos comités de empresa e os delegados de persoal poderán ser substituídos durante as súas horas sindicais, mediante previo aviso con 24 horas de antelación, sen previo aviso, se ten carácter de urxencia.

De non realizarse a substitución, en ningún caso quedará limitado o dereito dos representantes do persoal a realizaren as súas actividades sindicais.

3. A coñecer e consulta-lo rexistro de accidentes de traballo e as súas causas.

Terán acceso ó cadro horario, do que recibirán unha copia. Tamén accederán ós modelos TC-1 e TC-2 das cotizacións á Seguridade Social, ó calendario laboral, ós orzamentos dos centros, a un exemplar de memoria anual do centro, e a calquera outro documento relacionado coas condicións de traballo que afecten ó persoal.

4. Poñerase á súa disposición un local axeitado, provisto de teléfono e do correspondente mobiliario, para que poidan desenvolve-las súas actividades sindicais, deliberar entre si e comunicarse cos seus representados/as, facilitándose o material de oficina preciso.

5. Poderán utilizar fotocopiadoras, multicopistas e demais aparellos de reprografía para uso da súa administración interna.

6. Facilitaránselle-los taboleiros de anuncios necesarios para que, baixo a súa responsabilidade, coloquen tódolos avisos e comunicacións que deban efectuar e consideren pertinentes, sen máis limitacións que as expresamente sinaladas pola lei. Os ditos taboleiros instalaranse en lugares claramente visibles para permitir que a información chegue ó persoal.

7. Os comités de empresa e os delegados/as de persoal poderán acorda-la acumulación das horas sindicais dos seus membros, nun ou en varios deles, de acordo co seguinte réxime.

A petición de acumulación deberá facerse por escrito con autorización tanto do cedente como do cesionario, comunicándolla á dirección do centro respectivo.

Non se poderán acumular nin suma-las horas non utilizadas nun mes para outro mes.

O crédito horario é de carácter persoal retribuído, mensual e para o exercicio exclusivo de funcións de representación.

Como excepción ó principio xeral de non participación do crédito horario, no presente convenio acórdase a posibilidade da súa acumulación parcial, coas seguintes puntualizacións:

-A cesión e conseguinte acumulación parcial será, como mínimo, do 50 por 100 do crédito horario de que se dispoña.

-A duración mínima da acumulación parcial será de seis meses, e deberase comunicar cunha antelación polo menos de 20 días ó seu desfrute.

8. Os membros do comité de empresa e os delegados/as de persoal terán, ademais das garantías recollidas no presente convenio, as establecidas nos apartados a), b), c) do artigo 68 do Estatuto dos traballadores, desde o momento da súa proclamación como candidatos e ata dous anos despois do cesamento no seu cargo.

9. Os comités de empresa e os delegados de persoal recibirán, conxunta e puntualmente, por conta da empresa, un exemplar do Diario Oficial de Galicia, coa frecuencia das súas aparicións.

a) Os comités de empresa e os delegados/as de persoal disporán dun mínimo de 20 horas anuais para este fin.

As asembleas convocadas e cunha duración máxima de media hora, antes do inicio ou do remate da xornada, non serán computadas, se ben, con este carácter só poderán convocarse como máximo dúas asembleas mensuais. Para tal fin, a empresa facilitará os locais axeitados en cada centro de traballo.

Os convocantes garantirán en todo momento a prestación dos servicios que se teñen que realizar durante as asembleas, así como a orde destas.

En ámbolos dous supostos, o previo aviso, con antelación de 24 horas, que se deberá facer perante a dirección do centro ou servicio, deberá ir acompañado da orde do día que se vai tratar na reunión.

b) Cando en determinados casos, polas existencia de varias quendas de traballo, non se poida reunir simultaneamente a totalidade do cadro de persoal, as asembleas parciais das diferentes quendas consideranse, para estes efectos, como unha asemblea. Poderanse, así mesmo, celebrar asembleas convocadas polo 20 por 100 do cadro de persoal do centro.

As asembleas celebraranse en locais facilitados pola empresa para tal fin.

c) A empresa aboará os gastos de desprazamento ou as indemnizacións dos membros do comité de empresa ou dos delegados/as de persoal polas súas reunións períodicas, así como por aquelas que sexan convocadas pola empresa.

A empresa dotará os comités de empresa dun orzamento anual para actividades sindicais ou para a compra de libros de consulta, de acordo coa táboa indicada máis abaixo.

Os comités de empresa recibirán, a través da unidade administrativa que xestione o dito orzamento, a subvención que lles corresponda segundo a táboa abaixo establecida.

Así mesmo, cada comité de empresa terá a obriga de levar un libro de contabilidade onde se reflictan

as entradas e saídas de diñeiro referente á dita subvención.

-Comité de empresa de 5 membros: 50.000 ptas. anuais.

-Comité de empresa de 9 membros: 65.000 ptas. anuais.

-Comité de empresa de 11 ou máis membros: 90.000 ptas. anuais.

Das seccións sindicais, dos delegados/as sindicais e dos afiliados/as.

1. Das seccións sindicais:

Sen prexuízo do disposto, na Lei 11/1985, do 2 de agosto de liberdade sindical (LOLS), as seccións sindicais pertencentes a unha central sindical, así como as que obtivesen máis dun 10 por 100 dos membros do respectivo comité de empresa, terá nos centros de traballo os seguintes dereitos:

a) A un número de delegados/as sindicais, previstos no artigo 10.2º da LOLS, conforme coa seguinte escala:

-De 1 a 100 traballadores/as: 1.

-De 101 a 500 traballadores/as: 3.

-De 501 a 750 traballadores/as: 3.

-De 751 en adiante: 5.

b) A dispor dun local sindical, que compartirán co comité de empresa, en centros con máis de 50 traballadores/as, provisto de teléfono, de mobiliario e do material de oficina necesario para desevolve-la súa actividade representativa.

Nos centros de traballo de menos de 50 traballadores/as, estas seccións sindicais poderán utiliza-lo mesmo local do que, se é o caso, dispoñan os delegados/as de persoal, facilitándolle tamén os materiais de oficina precisos para o desenvolvemento da súa actividade representativa.

c) Realización de asembleas fóra e dentro da xornada de traballo queda establecida nos mesmos térmos nos que se configura este dereito para os comités de empresa.

2. Delegados/as sindicais.

Os delegados/as sindicais a que se refire o apartado a) do punto anterior terán dereito, sen prexuízo do establecido na LOLS no seu artigo 10.3º, ós seguintes dereitos e garantías:

a) Ó mesmo crédito horario sinalado no artigo 46 do presente convenio para os membros do comité de empresa.

No caso de que nun delegado/a sindical concorra tamén a condición de membro do comité de empresa, o crédito horario de que disporá será o acumulado por ámbolos dous tipos de representación.

b) A representaren ós afiliados/as da sección sindical en tódalas xestións necesarias perante a dirección respectiva, e a seren oídos por esta no tratamento daqueles problemas de carácter colectivo que afecten ó per

soal, en xeral, e ós afiliados/as do sindicato, en particular.

c) A seren informados e oídos pola empresa con carácter previo:

-Acerca dos despedimentos e sancións que afecten ós afiliados/as ó sindicato.

-En materia de reestructuración do cadro de persoal, regulacións de emprego, traslado de traballadores, cando revistan carácter colectivo ou individual, ou do centro de traballo en xeral, e sobre calquera proxecto ou acción administrativa que poida afectar ó persoal.

Sobre a implantación ou revisión de sistemas de organización do traballo.

d) Terán acceso á mesma información e documentación que a empresa deba por a disposición do comité de empresa, de acordo co regulado a traves da lei, estando obrigados a gardar sixilo profesional nas materias en que legalmente proceda.

e) Posuirán as mesmas garantías e dereitos que a lei e o convenio colectivo lles recoñecen ós membros do comité de empresa.

3. Dos afiliados/as.

Os afiliados/as a unha sección sindical que reúnan os requisitos establecidos no parágrafo primeiro do punto 1 deste artigo terán os seguintes dereitos:

a) A obteren permisos sen soldo durante o tempo que pasen a ocupar postos de responsabilidade sindical con plena dedicación en ámbito superior ó centro de traballo. Este permiso terá unha duración mínima de seis meses e, ó rematar o traballador/a será reincorporado na mesma quenda e condicións de traballo.

b) Un 10 por 100 dos afiliados/as a unha destas seccións sindicais terán dereito a permisos sen retribución cando se cumpran os seguintes requisitos:

-Que exista a comunicación previa por parte da comisión executiva do respectivo sindicato, cursado coa respectiva antelación.

-Que non supere os 20 días ó ano por afiliado/a nin os 200 anuais para o conxunto do 10 por 100 de afiliado/as de cada sección sindical.

c) A que se lle desconte na súa nómina o importe da cota sindical que corresponda, coa previa conformidade do afiliado/a. A empresa transferirá as cantidades retidas á conta bancaria que designe cada sindicato, facilitándolle mensualmente á correspondente sección sindical a relación nominal das retencións realizadas.

VI. Salarios e complementos.

Artigo 21º.-Incremento salarial.

Terá un incremento salarial sobre o salario dun:

-10% no segundo ano, 10% no terceiro ano e no cuarto ano a equiparación total en Vigo.

-9% no segundo ano, 9% no terceiro ano, 9% no cuarto ano e no quinto a equiparación total en Ourense.

-8% no segundo ano, 8% no terceiro ano, 8% no cuarto ano e no quinto a equiparación total na Coruña.

Ó finalizar cada curso manterase unha reunión entre a parte social e a parte empresarial para negocia-los aspectos económicos e sociais cara á equiparación total.

Artigo 22º.-Garantía de salario mínimo.

Se como consecuencia da modificación legal da contía do salario mínimo interprofesional os traballadores de algunha categoría percibiran en cómputo anual, retribucións inferiores ás que lles corresponderían pola aplicación daquel, procederase a adaptalas á súa contía, desde a mesma data de entrada en vigor da citada modificación legal.

Artigo 23º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense como gratificacións extraordinarias as de xullo e Nadal, que se aboarán os días 15 de cada un dos meses citados, pola contía dunha mensualidade de salario base, máis a antigüidade, se é o caso.

Artigo 24º.-Plus de nocturnidade.

O período de tempo abranguido entre as 22 horas e as 6 horas da mañá salvo que o salario se establecese atendendo a que o traballo sexa nocturno pola súa propia natureza, considerarase na súa totalidade nocturno, e na súa totalidade festivo ou domingo. Cando se inicie a xornada de traballo realizada no período determinado anteriormente incrementarase un 30% en concepto de plus de nocturnidade sobre o salario que corresponda á xornada ordinaria, aboándoselle soamente ó persoal que realice a xornada completa dentro da quenda; no caso contrario será proporcional ó tempo investido da xornada nocturna. Este plus seralle aboado así mesmo ó persoal afectado durante o período das súas vacacións ordinarias.

Naqueles centros de traballo nos que, por razóns de organización, a quenda de noite remate despois das seis horas, o plus de nocturnidade entenderase, unicamente para efectos económicos, ata a terminación da dita quenda.

Establécese para os efectos do cálculo do plus de nocturnidade, a seguinte fórmula de indemnización por este concepto e por nocturna traballada:

Valor do plus por hora nocturna.

Salario anual + antigüidade x 0,3 = 30% h. Noct./1.665

Este plus deberalles ser aboado ós vixilantes nocturnos e ós gardas de noite que non o estivesen percibindo, así como a tódolos traballadores que desempeñen as súas funcións durante o período nocturno, sempre que o seu salario non fose calculado tendo en conta o incremento pola natureza nocturna do posto de traballo.

No suposto daqueles centros nos que, pola distribución de quendas sexa posible determina-lo número de horas nocturnas que realizará o traballador ó longo

do ano, para efectua-lo pagamento e coa finalide de facilita-la xestión, poderase transforma-lo dito plus nunha percepción fixa de carácter mensual procedendo do seguinte xeito:

1. Determina-lo cálculo do número de horas anuais que realizará polo traballador durante o período nocturno, que é o comprendido entre as 22 horas e as 6 horas da mañá.

2. Valor mensual = valor hora x nº anual de horas nocturnas.

Seguindo o criterio de retribuí-las horas realmente traballadas durante o período nocturno, a excepción feita do período vacacional, durante os períodos nos que o traballador non preste os seus servicios por estar en situación de ILT, licencias, etc. descontaraselle ó traballador a cantidade correspondente ó plus de nocturnidade, procedéndose a regulariza-las situacións pertinentes. O citado plus aboaráselle ó traballador que o substitúa.

A cada traballador/a que realice a súa xornada en horario nocturno proporcionaráselle café ou bebida quente.

Artigo 25º.-Complemento de antigüidade.

Rexerase nas mesmas condicións que o persoal da Xunta de Galicia e será de 3.799 ptas. por trienio.

Artigo 26º.-Persoal con dereito a manutención.

O persoal de cafeterías pertencentes ás seccións de mostrador, sala e cociña, que nestes establecementos sirvan comidas e horario de traballo dos cales coincida co do aludido servicio de comidas, terá dereito á manutención. Así mesmo, o aprendiz de cociña terá dereito a aloxamento. Todo isto de conformidade co establecido na vixente ordenanza da industria de hostelería.

Artigo 27º.-Manutención e aloxamento.

O persoal que, de acordo co disposto no artigo 72 da ordenanza laboral, ten dereito a complemento de retribucións en especie, poderá optar entre a súa compensación ou desfrute, segundo dispón o precepto citado.

A valoración compensatoria dos complementos en especie que se aboará xuntamente coas retribucións de cada mes, serán os seguintes:

-Por manutención: 4.759 (catro mil setecentas cincuenta e nove).

-Por aloxamento: 1.352 (mil trescentas cincuenta e dúas).

VII. Outras retribucións.

Artigo 28º.-Plus de transporte.

Mantense, con carácter xeral e para todo o persoal, o plus de transporte na contía de 4.700 (catro mil setecentas pesetas) mensuais.

Cando se fagan efectivas as nóminas das pagas extras de xullo e Nadal, ós traballadores aboaraselles a can

tidade de 7.200 (sete mil duascentas) ptas. en concepto de plus de transporte.

Afecta soamente ó CRD de Vigo ata o momento da equiparación total.

Artigo 29.-Complemento por ILT.

No caso de baixa por ILT a empresa incrementará o subsidio económico da Seguridade Social ata acada-la contía igual á base de cotización do traballador/a do mes anterior a aquel no que se produza a baixa.

As situacións de ILT derivadas de enfermidade común, enfermidade profesional, accidente de traballo, accidente non laboral ou maternidade, nas que a duración previsible sexa de un mes ou superior, cubriranse inmediatamente por contratos de interinidade, mentres dure esta situación.

Excepcionalmente e por necesidade de servicio, este límite poderá ser inferior.

A duración do contrato de interinidade virá determinada pola ausencia do substituído e aquela será idéntica a esta, cesando o substituto ó remata-la dita situación, sen dereito a indemnización ningunha.

Non obstante o anterior, o réxime será o seguinte:

a) Ausencias por enfermidade común ou accidente non laboral de un a tres días de duración: seguirase o seguinte procedemento:

1. Ausencias dun día: o persoal afectado comunicará a súa ausencia á unidade de persoal, órgano ou persoa responsable, preferentemente dentro da primeira hora da xornada, salvo causas de forza maior que impidan a comunicación. De non producirse a comunicación ou xustificación pertinente, descontarase dos haberes o día faltado.

2. Ausencias de dous ou tres días: nestes casos, segundo o disposto no artigo 17 da Orde do 13-10-67 (BOE do 4-11), deberase presenta-lo parte médico no prazo de cinco días, contados a partir do seguinte ó da súa expedición.

De non entregarse tal parte, descontaranse dos haberes os días faltados. Poderase recorrer contra estas deduccións ante a xurisdicción laboral.

En ámbolos dous casos a empresa poderá practica-las inspeccións médicas oportunas, segundo o disposto no artigo 20 do Estatuto dos traballadores.

b) Ausencias por accidente de traballo, enfermidade profesional, maternidade, enfermidade común e accidente non laboral, de máis de tres días de duración.

Nestes casos o traballador/a percibirá o 100% do seu salario ordinario desde o primeiro día de baixa e ata o termo da ILT, sempre que se cumpran os requisitos esixidos no artigo 17 da Orde do 13-10-1967.

Artigo 30º.-Xubilación.

Todo o persoal afectadopolo presente convenio pasará, ó cumpri-los 65 anos de idade, sempre que teña acreditados 15 anos de cotización á Seguridade Social na súa vida activa, á situación de xubilación ou cau

sará baixa na empresa. Caso de non ter cotizados os 15 anos, a xubilación ou baixa será a vontade do traballador ata a data na que cotice os citados 15 anos.

Os traballadores en activo que teñan cumpridos os 65 anos quedan incursos neste artigo.

As empresas que reduzan os seus postos de traballadores fixos por xubilacións obrigatorias, cubrirán cada posto de baixa con outro traballador, polo menos durante 3 meses ó ano, sempre que a situación económica da empresa o permita.

Ós traballadores que como consecuencia de xubilación voluntaria, invalidez permanente ou falecemento, neste último suposto baixo as condicións que se indicarán, cesen na empresa, aboaráselle como premio, en función dos anos acreditados de permanencia nela, os seguintes importes:

-De 5 a 9 anos: 1 mensualidade.

-De 10 a 14 anos: 2 mensualidades.

-De 15 a 19 anos: 3 mensualidades.

-Con máis de 20 anos: 4 mensualidades e 1 mensualidade máis por cada 5 anos que exceden dos vinte de referencia.

No caso de falecemento, será preciso para o aboamento á súa viúva ou ós seus fillos menores de 18 anos ou maiores de tal idade incapacitados para o traballo, que o traballador contase polo menos con cincuenta e cinco anos de idade e levase, como mínimo, 10 de servicio ininterrompido na empresa no momento do seu óbito.

O importe das mensualidades farase efectivo sobre o salario mensual do traballador estando en activo no momento do seu falecemento, e se en tal data se encontrára en situación de baixa por ILT, invalidez provisional, ou calquera outro motivo de saúde, calcularase sobre o salario base mensual que lle correspondería percibir de encontrarse en activo.

Artigo 31º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio colectivo foron:

Antonio Gallego Cid, pola parte empresarial; Humildad Romero, Mª Jesús Souto Bregua, Ana Isabel Álvarez García delegadas de persoal, e María del Tránsito Fernández, Xan Carballo e Antolín Fernández pola central sindical Confederación Intersindical galega (CIG).

Disposicións adicionais

En todo o non previsto neste convenio observarase o que dispoña o convenio de persoal laboral da Consellería de Educación da Xunta de Galicia.

Anualmente negociaranse as condicións que regulan as melloras sociais que facilita a total equiparación no último ano do convenio.

95-6444