Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 209 Martes, 31 de outubro de 1995 Páx. 8.011

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA

DECRETO 286/1995, do 19 de outubro, polo que se modifica o artigo 5 do Decreto 288/1994, do 30 de setembro, polo que se crea o Premio das Letras e das Artes de Galicia.

Coa finalidade de dar unha maior significación e realce ó Premio das Letras e das Artes de Galicia creado por Decreto 288/1994, do 30 de setembro, e estimando que a concesión de accéssits conxuntamente co premio minora a relevancia deste, é polo que parece oportuno suprimilos.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezanove de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único:

O artigo 5 do Decreto 288/1994, do 30 de setembro, polo que se crea o Premio das Letras e das Artes de Galicia, quedará redactado do seguinte xeito:

1. O xurado poderá seleccionar ata cinco finalistas e, en todo caso, a resolución ou elección do premio producirase en acto institucional, que se celebrará o 17 de maio, Día das Letras Galegas.

2. O xurado convocará para este acto os finalistas e de entre eles seleccionará o premiado, que recibirá o premio no mesmo acto.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Victor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

7043