Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Venres, 27 de outubro de 1995 Páx. 7.938

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 282/1995, do 19 de outubro, polo que se crean centros e se concede autorización para implantar estudios conducentes ás titulacións que se citan no sistema universitario de Galicia.

A Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia (DOG nº 156, do 16 de agosto), supuxo a realización dunha planificación xeral do sistema. O Decreto 192/1993, do 29 de xullo, polo que se axustan titulacións impartidas na Comunidade Autónoma, se concede autorización de novos estudios e se crean máis centros no sistema universitario de Galicia, (DOG do 17 de agosto), pechou a etapa de expansión do sistema universitario, transformando os colexios universitarios en facultades, suprimindo os primeiros ciclos de estudios que non conducían a título terminal e reconvertendo os recursos materiais e humanos afectados por eses cambios a novas titulacións.

O sistema universitario de Galicia actualmente está centrando o seu traballo fundamentalmente na súa consolidación, atendendo de maneira moi directa ós problemas derivados da definición específica (perfil de estudios) de cada campus.

Para facerlles fronte ós ditos problemas, detectouse a necesidade de realizar diversas modificacións, aplicando o principio de complementariedade interdisciplinar para grandes áreas científicas que establece a LOSUG e que xa fora aplicado nos campus universitarios de Ourense, Pontevedra e Ferrol.

Por outra banda, con este decreto dáselle cumprimento á reestructuración de centros na Universidade da Coruña, derivada do agrupamento das titulacións do ámbito de educación.

Por todo isto, na súa virtude e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG nº 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro (DOG nº 208, do 28 de outubro), por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, co informe do Consello de Universidades, oído o Consello Universitario de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Créase na Universidade de Santiago de Compostela, no seu Campus de Lugo, a Sección Delegada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Santiago de Compostela.

2. Concédese autorización para que na citada sección delegada se implante o segundo ciclo dos estudios conducentes á obtención do título de licenciado en Administración e Dirección de Empresas.

Artigo 2º

1. Autorízase a creación da Escola Universitaria de Relacións Laborais no Campus de Lugo, que quedará adscrita á Universidade de Santiago de Compostela, de acordo co convenio de adscrición subscrito entre a Fundación Campus Universitario de Lugo e a devandita universidade.

2. Concédese autorización para que na citada Escola Universitaria de Relacións Laborais se implanten os estudios conducentes á obtención do título de diplomado en Relacións Laborais.

3. A Escola Universitaria de Relacións Laborais rexerase polas normas que establece o artigo 6 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, polo convenio de adscrición e polo Regulamento de réxime interno do centro, respectando e garantindo de forma plena e efectiva o principio de liberdade académica que se manifesta nas liberdades de cátedra, investigación e estudio.

Artigo 3º

1. Créase, por transformación da Escola Universitaria de profesorado de EXB da Universidade de A Coruña (Campus da Coruña), a Facultade de Ciencias da Educación, que albergará as titulacións xa autorizadas de:

-Licenciado en Psicopedagoxía.

-Diplomado en Educación Social.

-Diplomado en Logopedia.

-Mestre:

-Especialidade Educación Primaria.

-Especialidade Educación Infantil.

-Especialidade Educación Física.

-Especialidade Audición e Linguaxe.

2. Suprímese a estructura administrativa correspondente á Escola Universitaria do Profesorado de EXB, que queda integrada na estructura propia da nova Facultade de Ciencias da Educación.

Artigo 4º

Concédese autorización para que a actual Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña (Campus da Coruña), creada polo Decreto 416/1990, do 31 de xullo, pase a denominarse Facultade de Filoloxía e na que se impartirán as titulacións xa autorizadas de:

-Licenciado en Filoloxía Hispánica.

-Licenciado en Filoloxía Inglesa.

Artigo 5º

Concédese autorización para albergar na Escola Universitaria de Fisioterapia da Universidade da Coruña (Campus da Coruña), a titulación de diplomado en Terapia Ocupacional autorizada polo Decreto 192/1993, do 29 de xullo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Respecto da homologación de plans de estudios, as universidades ateranse ó disposto no artigo 10 do Real decreto 1497/1987, modificado polo Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño.

Segunda.-A efectiva impartición dos estudios autorizados nos artigos 1º e 2º deste decreto queda sometida ó procedemento ordinario que cómpre segundo a Lei 11/1983, de reforma universitaria e, en concreto, o Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, modificado polo Real decreto 1267/1994, do 10 de xuño, polo que se establecen directrices xerais comúns dos plans de estudios dos títulos universitarios de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que, no ámbito das súas competencias, dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9506871