Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 206 Xoves, 26 de outubro de 1995 Páx. 7.918

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 280/1995, do 13 de outubro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Lalín (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da segunda fase, primeira etapa do polígono de Botos.

O Concello de Lalín (Pontevedra), en sesión celebrada o día 13 de febreiro de 1995, aprobou o proxecto de urbanización 2ª fase, 1ª etapa do polígono de Botos e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de outubro de 1995 baixo o número 9198.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 maio 1995 baixo o nº 4162.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque con elas rematarase o cerramento do anel da parte dereita do polígono, melloraranse os accesos e, fundamentalmente, dotarase a aquel da infraestructura necesaria para garanti-la prestación de servicios mínimos como iluminación, rede de sumidoiros e abastecemento de augas. O remate destas obras é imprescindible para acomete-la construcción dunha depuradora que virá soluciona-los graves problemas medioambientais que se están a producir neste momento como consecuencia dos vertidos incontrolados das diferentes empresas instaladas no polígono.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de outubro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade có disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Lalín (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos

concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da segunda fase, primeira etapa do polígono de Botos.

Santiago de Compostela, trece de outubro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

95-06407