Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Mércores, 25 de outubro de 1995 Páx. 7.892

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 13 de outubro de 1995, da Dirección Xeral de Universidades e Investigación, pola que se adxudican as bolsas para persoal auxiliar de investigación (técnicos especialistas de FP-2) convocado no apartado B do anexo III á Orde do 17 de febreiro de 1995 (DOG do 27 de febreiro).

A orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de febreiro de 1995 (DOG do 27 de febreiro) pola que se aproban as bases polas que se rexerán as convocatorias de bolsas e axudas correspondentes á promoción xeral do coñecemento prevé, no seu anexo III, a concesión de bolsas para persoal auxiliar de investigación (técnicos especialistas de FP-2).

Por resolución desta dirección xeral do 19 de xuño de 1995 (DOG do 28 de xuño), e de conformidade coa base 4 do anexo III. A da orde de convocatoria, fíxose pública a relación de centros habilitados para a incorporación de técnicos de FP-2 e abriuse o prazo para a presentación de solicitudes para o concurso para a selección de novos bolseiros.

De acordo co establecido no apartado segundo C) da dita resolución, desde o 6 ó 16 de setembro expuxéronse as listas de solicitudes admitidas e excluídas, podendo durante ese mesmo período, os interesados, formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos.

As solicitudes presentadas foron valoradas pola Comisión de Selección de Política Científica (creada por Decreto 160/1991, do 16 de maio, DOG do 28 de maio, e orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 27 de xullo de 1994, DOG do 10 de agosto), conforme o establecido no punto B.6 das bases da convocatoria. De acordo coa proposta elaborada pola dita comisión, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Concederlles bolsa ás persoas que se relacionan no anexo I á presente resolución, para colaboraren nas actividades de investigación dos centros habilitados que figuran no anexo II da resolución desta dirección xeral do 19 de xuño de 1995 (DOG do 28 de xuño). Os beneficiarios aparecen ordenados por

especialidades e en orde decrecente segundo a puntuación acadada.

Segundo.-Declarar desertas as prazas correspondentes ás especialidades de aproveitamentos forestais e mantemento en instalacións e servicios, por non terse presentado solicitudes de técnicos de FP-2 que posúan as ditas especialidades.

Terceiro.-A contía das bolsas será de 70.000.-ptas. mensuais durante un período de 12 meses, contado a partir do 1 de novembro de 1995. Así mesmo, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria subscribirá un seguro de accidentes en beneficio dos bolseiros polo período de duración da bolsa.

Cuarto.-Os servicios da dirección xeral adoptarán as medidas necesarias para a adscrición dos bolseiros seleccionados ós centros habilitados, de acordo co procedemento establecido nos puntos A.5 e B.6 do anexo III da orde de convocatoria.

Quinto.-Para calquera incidencia durante o período de desfrute destas bolsas será de aplicación o disposto no punto 10.B do anexo III da Orde do 17 de febreiro de 1995. Para os efectos de posibles renuncias, de acordo coa proposta da comisión, esta dirección xeral procederá, se é o caso, e en función dos créditos remanentes, a adxudica-la dita axuda a outros candidatos da mesma especialidade tendo en conta os suplentes que se relacionan no anexo II. A asignación farase, dentro de cada especialidade, pola mesma orde na que se relacionan.

Sexto.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na orde de convocatoria do 17 de febreiro de 1995 suporá a perda do dereito a percibi-la subvención correspondente.

Sétimo.-Contra a presente resolución poderán os interesados interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo de un mes contado a partir da data de publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 114 e seguintes da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 1995.

José Manuel Touriñán López

Director xeral de Universidades e Investigación

6688