Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 24 de outubro de 1995 Páx. 7.873

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 1995, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se regula a fase de prácticas establecida na Orde do 7 de xuño de 1994 (DOG do 10), pola que se convocaban probas selectivas para a provisión de prazas de acceso ó corpo de mestres en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 7 de xuño de 1994 (DOG do 10) establece no punto 11 a necesidade de realiza-las prácticas docentes previas ó nomeamento dos interesados como funcionarios de carreira, co obxecto de valora-las aptitudes didácticas dos aspirantes seleccionados, quedando dispensados da avaliación da fase de prácticas os seleccionados que prestasen servicios docentes en centros públicos durante un tempo mínimo de tres meses, sempre que o nomeamento fose expedido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Ministerio de Educación e Ciencia ou comunidades autónomas con competencias plenas en materia de educación, con asignación de número de rexistro persoal.

En virtude do establecido na orde, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Nomear en cada provincia unha comisión encargada da valoración da fase de prácticas.

Segundo.-Cada comisión estará integrada por:

-Un inspector técnico de educación que será o presidente.

-Dous funcionarios do corpo de mestres, especialistas na área pola que superaron o proceso selectivo os aspirantes.

Terceiro.-Os compoñentes das comisións serán designados pola Dirección Xeral de Persoal, por proposta das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Cuarto.-A inspección educativa poderá visita-los mestres en prácticas e emitirá un informe sobre o desenvolvemento da súa función, que será tido en conta pola comisión avaliadora.

Quinto.-Cada mestre en prácticas elaborará unha programación correspondente á área ou especialidade pola que opositou. De non imparti-la docencia nesa área ou especialidade, realizará a programación da que imparte maior número de horas, indicando brevemente obxectivos, contidos básicos, actividades, metodoloxía e criterios de avaliación.

Esta programación debe estar acorde co proxecto curricular do centro. O mestre en prácticas poderá solicitar do coordinador do departamento didáctico respectivo orientación e información para a súa realización.

A programación elaborada levará o visto e prace do coordinador do departamento didáctico ou, no seu defecto, do director do centro e remitirase ó Servicio Provincial de Inspección entre o 1 e o 15 do mes de decembro de 1995.

O mestre aplicará a programación ó longo do curso 1995/1996, coas modificacións máis oportunas, se é o caso, para o mellor aproveitamento dos seus alumnos.

Entre o 1 e o 15 de decembro, cada mestre presentará ante o presidente da comisión avaliadora da fase de prácticas unha breve memoria da súa actividade docente, referida á aplicación da programación citada, coordinación co departamento didáctico e co equipo docente, desenvolvemento da función titorial e avaliación.

Sexto.-No mes de xaneiro reuniranse as comisións avaliadoras e cualificarán as programacións e memorias presentadas.

As comisións avaliadoras poderán pedir información dos directores, xefes de estudio e coordinadores de departamento didáctico. A avaliación final da fase de prácticas reflectirase nunha acta coa cualificación de apto ou non apto.

Os aspirantes que non superen a fase de prácticas perderán os dereitos a seren nomeados como funcionarios de carreira, segundo o establecido no artigo 24 do Real decreto 574/1991, do 22 de abril (BOE do 23 de abril) e no punto 11 da orde de convocatoria do 7 de xuño de 1994 (DOG do 10).

Sétimo.-No suposto de que unha vez recibida pola comisión cualificadora toda a información pertinente e, como consecuencia dela, se considere procedente formular un xuízo negativo sobre o candidato, polo menos dous membros da comisión deberán establecer contacto persoal con el e observar directamente o desenvolvemento da súa función docente e da súa función como membro do departamento didáctico correspondente e informarán o outro membro da comisión das conclusións ás que cheguen na súa tarefa avaliadora.

As comisións avaliadoras non poderán redactar acta definitiva con apto ou non apto sen a presencia, cando menos, de dous dos seus membros.

Oitavo.-Para efectos do establecido no punto 11 da Orde do 7 de xuño de 1994, establécese como duración da fase de prácticas ata o 30 de novembro de 1995.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 1995.

Jaime García García

Director xeral de Persoal

95-06809