Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Martes, 24 de outubro de 1995 Páx. 7.870

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 10 de outubro de 1995 pola que se nomean funcionarios en prácticas do corpo de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores de escolas oficiais de idiomas e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño ós opositores que superaron os procedementos selectivos convocados por Orde do 8 de xuño de 1994 e están ocupando vacantes dotadas orzamentariamente.

Por Orde do 8 de xuño de 1994 (DOG do 10) convocáronse procedementos selectivos de acceso e ingreso ós corpos de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores de escolas oficiais de idiomas, profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, en expectativa de ingreso na Comunidade Autónoma de Galicia.

O apartado 1 da base común 10 da citada orde establece que as prácticas terán por obxecto a valoración das aptitudes didácticas dos aspirantes que aprobaron a fase de oposición, relacionados nas ordes do 7 de febreiro de 1995 (DOG do 15) e do 27 de xullo de 1995 (DOG do 23 de agosto), realizándose nos destinos provisionais que lles corresponda co desempeño da función docente con plena validez académica.

Por Orde do 10 de marzo de 1995 (DOG do 15) e por corrección de erros a dita orde (DOG do 24 de abril) nomeáronse funcionarios en prácticas dos distintos corpos os opositores que naqueles momentos estaban ocupando unha praza dotada orzamentariamente.

Procede, agora, nomear funcionarios en prácticas ós opositores que non estando incluídos na orde anteriormente citada ocupan no presente curso académico 1995-96 un posto dotado orzamentariamente.

Na súa virtude, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro.-Nomear funcionarios en prácticas do corpo de profesores de ensino secundario, profesores técnicos de formación profesional, profesores de música e artes escénicas, profesores de escolas oficiais de idiomase e profesores e mestres de taller de artes plásticas e deseño, os opositores que se relacionan nos anexos I, II, III, IV, V e VI da presente orde. Non se nomean funcionarios en prácticas os opositores que se relacionan no anexo VII polas causas que se indican.

Segundo.-O nomeamento como funcionario en prácticas producirá efectos económicos e administrativos do 29 de setembro de 1995.

Terceiro.-O réxime retributivo dos funcionarios en prácticas será o establecido no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo), polo que se fixan as retribucións dos funcionarios en prácticas.

Cuarto.-Os funcionarios en prácticas que xa estean prestando servicios remunerados na Administración como funcionarios de carreira ou interinos, contratados administrativos ou como persoal laboral, sen prexuízo da situación administrativa ou laboral que de acordo coa normativa vixente lles corresponda, deberán formular opción pola percepción das remuneracións durante a súa condición de funcionarios en prácticas de conformidade co disposto no Real decreto 456/1986, do 10 de febreiro (BOE do 6 de marzo).

Quinto.-A Dirección Xeral de Persoal adoptará tódalas medidas e instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9506698