Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 23 de outubro de 1995 Páx. 7.837

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN de 9 de outubro de 1995 pola que se convoca un curso sobre dereito penal básico dirixido ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre dereito penal básico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

O curso ten por obxectivos inicia-lo policía no estudio do Dereito Penal e clarifica-la actuación do policía en temas de Dereito Penal e nas súas relacións cos que delinquen.

Destinatarios:

O curso vai dirixído ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

O número de prazas que se ofertan neste curso será de 40.

Solicitudes:

1.-O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI e do carné profesional.

2.-O prazo para a presentación de instancias rematará o día 6 de novembro de 1995 ás 14 horas.

3.-As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n Polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración:

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outros os seguintes temas: a) O Dereito Penal como sistema normativo de control social. b)A infracción penal. c) Eximentes, atenuantes e agravantes. d) Límites constitucionais ó contido e á aplicación das leis penais.

Datas:

O curso celebrarase do 13 ó 17 de novembro de 1995.

O horario será de 16 a 20 horas do serán.

Relación de admitidos:

A relación de admitidos publicarase o día 8 de novembro de 1995, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar:

O curso desenrolarase na sede da Academia Galega de Seguridade.

Certificado de asistencia e aproveitamento:

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este e non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 1995

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

6754