Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Luns, 23 de outubro de 1995 Páx. 7.834

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 9 de outubro de 1995 pola que se convocan dous cursos sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios dirixidos ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia e á unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995, e conforme as funcións atribuídas pola Lei

4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración de dous cursos sobre técnicas asistenciais de urxencia, socorrismo e primeiros auxilios, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos:

Os cursos teñen por obxectivos: coñece-lo significado da técnica asistencial, evidenciar dominio na práctica das técnicas de rescate e auxilio e coñece-la importancia de traumatismos, queimaduras, conxelacións, tratamento en caso de infarto, etc., e a súa gravidade, así como clarifica-la actuación da Policía Local neste tema.

Destinatarios:

Os cursos van dirixidos ós membros dos corpos da Policía Local de Galicia e á unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrición:

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas:

O número de prazas que se ofertarán por curso será de 45.

Solicitudes:

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará ás 14 horas das seguintes datas:

-Santiago de Compostela: o día 6 de novembro.

-Ourense: o día 8 de novembro.

3. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, s/n Polígono de Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992 do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración:

Os cursos celebraranse en sesións de tarde, de luns a venres, e neles trataranse, entre outros, os seguintes temas: a) Traumatismos craneoencefálicos e da columna. b) Traumatismos toraco-abdominais. c) Resucitación cardiorespiratoria. Masaxe cardíaca e respiración artificial. d) O infarto. Anxina de peito. e) Primeiros auxilios. Hemorraxias. Hemostasia. Feridas. f) Primeiros auxilios. Queimaduras. Conxelación. g) Enfermidades infectocontaxiosas: SIDA. Hepatite. Enfermidades de transmisión sexual. h) Intoxicacións por substancias inxeridas. Drogas e estupefacientes. Envelenamento por ácidos e álcalis, etc.

Datas:

Os cursos celebraranse nas seguintes datas:

-Santiago de Compostela: do 13 ó 17 de novembro de 1995.

-Ourense: do 20 ó 24 de novembro de 1995.

O horario será de 16 a 20 horas.

Relación de admitidos:

A relación de admitidos publicarase nas seguintes datas:

-Santiago de Compostela: o día 8 de novembro,

-Ourense: o día 13 de novembro, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar:

Os cursos celebraranse nos seguintes lugares:

-Santiago de Compostela: sede da Academia Galega de Seguridade.

-Ourense: nos locais da Policía Local.

Certificado de asistencia e aproveitamento:

Ó remate de cada curso entregaráselle un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este e non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, e a non superación das correspondentes probas de coñecementos, impedirá a expedición do certificado.

Modificacións:

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento dos cursos para adapta-los ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 9 de outubro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

6665