Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Xoves, 19 de outubro de 1995 Páx. 7.770

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscripción no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo de Conresa.

Visto o expediente do convenio colectivo Conresa que tivo entrada nesta delegación provincial o día 8-8-1995 subscrito en representación da parte económica pola empresa e, da parte social, polo comité de empresa o día 28-7-1995 e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegació provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de agosto de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Conserveros Reunidos, S.A. (Conresa)

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación á totalidade dos traballadores do cadro de persoal da empresa Conresa, de Santa Uxía de Ribeira (A Coruña), así como ós que ingresen a vixencia deste.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración de doce meses: entrando en vigor para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1995, e durante a súa vixencia non poderá ser afectado polo disposto en convenio de ámbito distinto, todo isto ó abeiro de canto prevén o artigo 84 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores.

Artigo 3º.-Prórroga.

Ó cumprirse a data do seu vencemento o convenio colectivo prorrogarase tacitamente de ano en ano, de non mediar denuncia por calquera das partes, cunha antelación de un mes á data do seu vencemento.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectarnse as condicións persoais máis beneficiosas cás asinadas neste convenio, e manterase o dito respecto en forma estrictamente ad personam.

Artigo 5º

Retribucións.

Os salarios base establecidos neste convenio colectivo son os que se adxudican na táboa salarial anexa.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os aumentos por antigüidade ó servicio da empresa quedan constituídos por dous trienios do cinco por cento e quinquenios do dez por cento calculados, en todo caso, sobre o salario base de cada categoría profesional.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordinarias.

Tódolos traballadores da empresa percibirán dúas gratificacións extraordinarias ó ano, que se demoninarán de verán e Nadal. As ditas gratificacións percibiranse os días 15 de xullo e decembro, respectivamente, e a súa contía será de unha mensualidade do salario base, incrementado coa antigüidade correspondente.

Artigo 8º.-Paga de beneficios.

Tódolos traballadores da empresa percibirán, en concepto de paga de beneficios e dentro do primeiro trimestre do ano, a cantidade correspondente a 25 días do salario base incrementando coa antigüidade correspondente.

Artigo 9º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias que se realicen serán aboadas cos recargos seguintes:

85 por cento, as horas extraordinarias realizadas en días laborables.

160 por cento, as horas extraordinarias que se realicen en domingo ou días festivos ou as prestadas despois das vintedúas horas.

Para calcula-lo valor das horas extraordinarias recorrerase á seguinte fórmula:

Salario hora individual.

(365 + G) (S + A)

Horas ano

Na dita fórmula:

365 son os días do ano.

«G» é o número de días de retribución por cada paga extraordinaria, verán Nadal e beneficios.

«S» é o salario base diario.

«A» é a antigüidade.

Horas ano é o número total de horas que hai que traballar durante o ano.

O salario base que resulta da aplicación da fórmula anterior servirá de base para determina-lo importe das horas extraordinarias.

Artigo 10º

Polas especiais circunstancias que concorren nas actividades da empresa, que ten que transformar artigos perecedoiros, as partes recoñecen a ineludible necesidade de traballar un número de horas extraordinarias en relación co artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, e concordante todo iso co previsto no artigo 13, apartados a) e b) do Acordo Interconfederal (AI).

Estas horas extraordinarias traballadas terán a consideración de estructurais, de acordo co preceptuado no artigo 7 do Real decreto 1858/1981, do 20 de agosto.

En concordancia co anteriormente disposto, polos representantes dos traballadores, darase cumprimento ó disposto no artigo 4 da Orde do 1 de marzo de 1983.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Queda fixada en 40 horas semanais, tanto en xornada partida como en continua; polo tanto para ámbolos casos queda establecida na mesma duración semanal.

Para os traballadores que realicen as súas actividades en quenda de xornada continua, establécese un descanso de quince minutos de duración de maneira que non se suspenda o proceso de producción neste tempo.

En cumprimento do determinado no apartado 4 do artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, queda fixado un calendario laboral de 225 días efectivos de traballo, suma á que se chega por exclusión de domingos, sábados, festivos e período vacacional de todo o persoal.

Artigo 12º.-Plus de nocturnidade.

Para o persoal en xornada nocturna establécese un plus consistente no 25% do salario base, incrementando, segundo casos, coa antigüidade correspodente.

Artigo 13º.-Percepcións en caso de ILT.

Os traballadores que padezan enfermidade percibirán desde o primeiro día e durante un prazo máximo de un ano o complemento necesario para que, sumado as prestacións da Seguridade Social, alcance o cen por cen do seu salario. Esta percepción procederá unicamente nos supostos de Incapacidade Laboral Transitoria, que requiran en todo o caso hospitalización. Nos procesos de tratamento, haberá que aterse ó disposto no Real decreto 53/1980, do 18 de xaneiro. Nos casos de accidente de traballo, a empresa completará ata o cen por cen as indemnizacións que correspondan mentres dure esta situación de ILT que requira hospitalización ou non.

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 8/1980, do 10 de marzo, a empresa poderá verificar en todo momento o estado de enfermidade ou accidente do traballador, mediante o persoal facultativo que para estes efectos designe a empresa.

Toda a negativa ó dito recoñecemento determinará a suspensión dos dereitos económicos que puidesen existir con cargo ó empresario polas ditas situacións.

Artigo 14º.-Vacacións.

Tódolos traballadores desfrutarán dun período de 30 días naturais, retribuídos en salario real. A dirección da empresa elaborará de mutuo acordo cos traballadores un calendario de vacacións antes do día 30 de marzo, que se exporá no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento dos traballadores.

Artigo 15º.-Licencias retribuídas.

O persoal da empresa terá dereito a licencias retribuídas nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador: 16 días naturais.

b) Parto da esposa: tres días. No suposto de que este teña lugar fóra do domicilio ou residencia habitual do interesado, aumentarase un día máis.

c) Falecemento do cónxuxe, fillos, pais, pais políticos e demais familia ata o segundo grao de consaguinidade ou afinidade: tres días. Se precisase, por tales causas, facer un desprazamento, o total do permiso alcanzará cinco días naturais.

d) Nos demais casos ou supostos haberá que aterse ó que prevé o artigo 37 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 16º.-Traballo da muller.

A muller terá iguais dereitos e obrigas có home. Se a realización de traballos tóxicos, penosos ou perigosos afectase á situación de embarazo ou á maternidade, estes deberán ser excluídos para a muller.

Artigo 17º.-Roupa de traballo.

A empresa facilitaralle a cada traballador dous buzos ó ano, a duración dos cales se calcula para tal período, e entregarán estas dúas pezas de roupa no mes de xaneiro; con esta medida permitarase que tales pezas de roupa poidan ser sometidas ó lavado semanal obrigatorio. Ó finaliza-lo ano, os traballadores terán que facerlle entrega á empresa das pezas de roupa recibidas no seu día, sexa cal fose o seu estado de conservación, por canto son propiedade da patronal.

Artigo 18º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá un seguro colectivo de vida e invalidez, en favor dos seus traballadores, cunha cobertura de 1.500.000 ptas. en caso de morte e de 2.500.000 ptas. para os casos de invalidez.

Artigo 19º.-Persoal fixo.

Os traballadores que nun prazo de dez anos permanecesen na empresa máis de cinco anos como persoal contratado, pasarán a fixos no cadro de persoal.

Artigo 20º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será o órgano de interpretación, vixilancia, arbitraxe e conciciliación do convenio. Estará constituída por un representante da empresa e un dos traballadores.

Artigo adicional.

En cumprimento do previsto no artigo 26.5º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, que aproba o Estatuto dos traballadores, faise constar, en función:

a) O número de horas de traballo durante a vixencia do convenio será de 1.800 de traballo efectivo.

b) Que a remuneración anual dos traballadores, en función do dito número de horas, é a seguinte:

Categoría profesionalTotal pesetas

Xerente2.928.955
Axudante titulado2.584.142
Xefe administrativo2.584.142
Xefe producción2.584.142
Contable1.958.509
Administrativo1.718.975
Encargado1.745.283
Auxiliar administrativo1.692.518
Aspirante administrativo1.070.281
Mecánico1.668.864
Oficial1.645.077
Chofer1.645.077
Axudante1.627.207
Peón1.589.109

ANEXO

Táboa de salarios

CategoríaSalario mes

Xerente197.502
Axudante titulado174.251
Xefe administrativo174.251
Xefe producción174.251
Contable132.064
Administrativo115.912
Encargado117.686
Auxiliar administrativo114.128
Aspirante administrativo72.170
Mecánico112.533
Oficial110.929
Chofer110.929
Axudante109.724
Peón107.155

Disposición adicional segunda.-Os salarios establecidos na táboa salarial, serán revisados se o IPC de decembro de 1995 superase con respecto ó 31 de decembro de 1994 o 4,40 por cento.

O dito incremento aplicarase con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 1995.

Composición da comisión paritaria:

-En representación da empresa:

José Lino Rivas Pena.

-Pola representación dos traballadores:

José Ramón Pérez Amor.

Santa Uxía de Ribeira, 28 de xullo de 1995. Seguen as sinaturas.

95-06043