Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 18 de outubro de 1995 Páx. 7.737

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 1995, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo do sector do comercio da pel.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector do comercio da pel, que tivo entrada nesta delegación o día 9-8-1995, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios do Comercio do Calzado, e da parte social, por Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores e Confederación Intersindical Galega, o día 23-6-1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da revisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 28 de agosto de 1995.

Fernando Rodríguez Corcoba

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo para as empresas do sector do comercio da pel da provincia da Coruña-1995

Artigo 1º.-Ámbito funcional e persoal.

O convenio será de aplicación nas empresas dedicadas ó comercio de artigos de pel que se rexan pola ordenanza de traballo para o comercio e a tódolos traballadores a elas afectos.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Será de aplicación obrigatoria en todo o territorio da provincia da Coruña. Aplicarase tamén nos centros de traballo situados na citada provincia aínda que as empresas teñan domicilio social noutras non afectadas, así como nas empresas de nova instalación que estean incluídas no seu ámbito territorial e funcional.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio terá efectos desde o 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro do mesmo ano. A súa vixencia é de un ano e prorrogarase tacitamente por períodos anuais, de non mediar denuncia de calquera das partes, con tres meses de anticipación á data de terminación do prazo de vixencia.

Artigo 4º.-Comisión paritaria.

Constituirase unha comisión integrada por representantes dos empresarios e dos traballadores para a interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio, entre as centrais UGT, CC.OO. e CIG e a Asociación de Empresas de Comercio de Calzado.

Parte empresarial:

Vicente Villar Pispieiro.

Rosa Díaz Álvarez.

Parte social:

José Luis Paz Pena (CC.OO.).

Miguel Cagigal Fariña (UGT).

Salvador Cerqueiro Aradas (CIG).

Artigo 5º.-Cláusula de garantía.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo INE rexistre o 31 de decembro de 1995 un incremento superior ó 3,5% respecto á cifra que resultase do devandito IPC a 31 de decembro de 1994, efectuarase unha revisión salarial tan pronto como se constate oficialmente a devandita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efectos do primeiro de xaneiro de 1995, servindo, por conseguinte, como base do cálculo para o incremento salarial de 1996, e para levalo a cabo tomaranse como referencia os salarios ou táboas utilizados para realiza-los aumentos pactados no dito ano.

Artigo 6º.-Normas supletorias.

Consideraranse normas supletorias do convenio as legais de carácter xeral e maila ordenanza de traballo para o comercio.

Capítulo II

Condicións económicas

Artigo 7º.-Salarios.

A partir da vixencia deste convenio reputaranse como mínimos legais os soldos en períodos mensuais que se detallan na táboa salarial anexa a este convenio, que supón un incremento do 3,5%.

Artigo 8º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécese para tódolos traballadores afectados por este convenio o dereito a percibir tres pagas extraordinarias completas durante o ano, unha no mes de marzo, que corresponde á que como participación en beneficios sinala a ordenanza laboral de comercio, outra no mes de xullo e outra en Nadal. Todas elas, sbore os salarios deste convenio, incrementadas, de se-lo caso, pola antigüidade.

Artigo 9º.-Premios de antigüidade.

Os cuadrienios que sinala a ordenanza laboral para o comercio serán do cinco por cento sobre os salarios deste convenio.

As retribucións por este concepto non poderán supera-lo 60% do salario base.

Artigo 10º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte equivalente a 5.078 pesetas/mes.

Este plus non se incluirá nas pagas extraordinarias.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Son de carácter voluntario e retribuiranse cun incremento do 75% do salario que correspondese a cada hora ordinaria, respectando os límites, en canto a número, establecidos no artigo 35, número 2 do Estatuto dos traballadores e demais disposicións do dito artigo.

Para efectos do recargo de cotización establecido no Real decreto 1858, do 29 de agosto, consideraranse neste sector como horas extras estructurais e, polo tanto, non suxeitas a recargo, as realizadas durante o período que media entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro. Suprimiranse as horas extraordinarias habituais.

Para efectos de remuneración das horas traballadas durante este período, as empresas, de acordo cos traballadores, poderán substituí-lo pagamento das horas pola concesión de horas de asueto, sempre que se manteña a proporción de 1 hora e 45 minutos de asueto por cada hora traballada.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

O traballador, avisando previamente e xustificándoo, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e tempos seguintes:

a) Dezaseis días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento dun fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite desprazarse, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional por un período determinado, observarase o que dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica. Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador á situación de excedencia regulada no apartado 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

No suposto de que o traballador, por incumprimento do deber ou desempeño do mesmo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal, nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Dous días ó ano para asuntos propios, retribuídos, logo de solicitude e aceptación por parte da empresa.

Os traballadores, por lactancia dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas funcións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora coa mesma finalidade.

Quen, por razóns de garda legal, teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo, coa diminución proporcional do salario, entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Artigo 13º.-Premio de xubilación anticipada.

As empresas aboaranlles un complemento de xubilación a aqueles traballadores que con dez anos de antigüidade como mínimo nela se xubilen de mutuo acordo coa empresa. A súa contía irá en función da seguinte escala:

-Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 14 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 11 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 8 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 5 mensualidades (salario e antigüidade).

-Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 3 mensualidades (salario e antigüidade).

Unha vez fixada a contía do premio, a empresa poderá fracciona-lo pago ó longo dun máximo de 12 meses. Para a súa recepción, deberá solicitarse no prazo de tres meses desde o cumprimento da idade e seis meses máis. O traballador que non solicite a xubilación perderá o dereito a este complemento.

Ós 64 anos poderán facer uso os traballadores da xubilación especial co 100% dos dereitos pasivos, debendo as empresas contratar de forma simultánea a traballadores desempregados rexistrados pola oficina de emprego, para calquera das modalidades de contrato vixentes na actualidade, excepto a tempo parcial, por un período mínimo de duración en todo caso superior ó ano.

Artigo 14º.-Premio de xubilación.

As empresas satisfaranlle ó persoal que se xubile unha gratificación dunha mensualidade do seu salario, sempre que superen os quince anos ininterrompidos de antigüidade na empresa. Este premio elevarase a dúas mensualidades se supera os vinte anos nas mesmas condicións.

Artigo 15º.-Subsidio por matrimonio.

O persoal de ámbolos sexos con máis de tres anos en activo na empresa terá dereito a percibir en caso de matrimonio quince mil pesetas.

Artigo 16º

Ó persoal que estea incorporado ó servicio militar aboaráselle o vintecinco por cento do salario anual que lle corresponda por este convenio, rateándose o pago polos meses efectivos de servicio, a non ser que de mutuo acordo empresa e traballador pacten outra forma de pago.

Artigo 17º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo en cómputo anual para 1995 será de 1.818 horas, equivalente a corenta horas semanais desde o luns ata as catorce horas do sábado. Se durante a vixencia deste convenio se modificase a xornada máxima legal, a xornada pactada neste convenio adaptarase ás novas normas, logo de reunión da comisión paritaria.

No caso de que algún establecemento de tipo grandes almacéns ou similares, estivese autorizado para abrir ó público os sábados pola tarde e o levase a efecto, as empresas reservarán para si o dereito a prolongaren a xornada durante a tarde do sábado, res

pectando en todo caso a xornada anual establecida neste convenio.

As cidades de Ferrol e Santiago de Compostela manterán a xornada de traballo que habitualmente veñen realizando.

Artigo 18º.-Vacacións.

Mantéñense os períodos de trinta días naturais de vacacións establecidos na ordenanza de comercio.

Para a elección do período de desfrute de vacacións, establécese unha quenda rotatoria deixando a salvo o establecido ó respecto polo artigo 38.2º do Estatuto dos traballadores.

Artigo 19º

Os delegados de persoal terán dereito a quince horas mensuais para o exercicio das súas funcións.

Nas empresas con tres ou máis afiliados a unha central sindical que represente polo menos o 10% do cadro de persoal, recoñeceráselle á dita central a facultade de poder designar entre eles un representante como interlocutor ante a empresa, con facultade para recadar cotas.

Artigo 20º.-Seguro de accidente.

As empresas subscribirán un seguro de accidente que cubra os seguintes riscos durante as 24 horas do día:

a) Morte por accidente.

b) Invalidez absoluta e total por accidente.

O capital asegurado será de 1.000.000 de ptas., en ámbolos casos.

As empresas que contratasen o seguro correspondente cunha compañía aseguradora non responderán subsidiriamente, en ningún caso, do pagamento da indemnización correspondente ós accidentes aquí recollidos.

Este seguro entrará en vigor, neste primeiro ano de existencia, dous meses despois de publicarse o convenio no BOP.

Artigo 21º.-Cláusula de desenganche.

As empresas con perdas durante os exercicios de 1993 e 1994 e cunhas previsións similares para 1995 poderán prescindir da aplicación dos salarios pactados neste convenio. Poderanse acoller tamén a este beneficio aquelas empresas que durante o exercicio económico estean suxeitas a regulacións de emprego por causas económicas.

No prazo de dous meses desde a publicación deste convenio, as empresas que pretendan acollerse a esta cláusula deberán presenta-la solicitude á comisión mixta do convenio ante a que deberán acreditar, no caso de sociedades e empresas obrigadas pola normativa fiscal á levanza de contabilidade, as contas anuais presentadas no Rexistro Mercantil e as declaracións correspondentes presentadas ante a Axencia

Tributaria. As demais empresas deberano acreditar mediante a documentación que acredite suficientemente a súa situación a xuízo da comisión.

Poderase demanda-la presencia dos representantes dos traballadores, así como documentación aclaratoria que se coide necesaria.

De non existir acordo no seo da comisión mixta, as partes acordan o sometemento á arbitraxe da A.G.A.

As empresas acollidas a esta cláusula, de acordo cos traballadores, poderán aplicar incrementos salariais menores ós aquí pactados ou mesmo non incrementa-los salarios durante a vixencia do convenio.

Tódolos membros da comisión, así como os seus asesores, obríganse a menter na maior reserva a información recibida, observando o maior sixilo profesional.

Convenio colectivo para as empresas do sector do comercio da pel da provincia da Coruña

TÁBOAS SALARIAIS-1995

CategoríaSalariosCómputo

anual

Menor de 17 anos 41.730 686.886
Menor de 18 anos 46.408 757.056
Axudante 75.3301.190.886
Dependente de 22 a 24 anos 77.3011.220.451
Dependente maior de 25 anos 83.4691.312.971
Xefe de sección 88.1681.383.456
Xefe de almacén102.7771.602.591
Xefe de sucursal102.7771.602.591
Encargado xeral117.3141.820.646
Encargado de compras e vendas 93.5551.464.261
Mozo de almacén 75.3301.190.886
Corredor de praza 87.7661.377.426
Auxiliar caixa de 18 a 20 anos 75.3301.190.886
Auxiliar caixa de 20 a 22 anos 76.1971.203.891
Auxiliar caixa de 22 a 25 anos 78.0411.231.551
Auxiliar caixa de máis de 25 anos 78.7831.242.681
Aspir. Adm. de 16 a 18 anos 48.004 780.996
Contable caixeiro 88.0121.381.116
Xefe administrativo108.0771.682.091
Oficial administrativo 83.4701.312.986
Auxiliar administrativo 75.3301.190.886
Escaparatista 84.4481.327.656
Plus de transporte 5.078

9506719