Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 18 de outubro de 1995 Páx. 7.727

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 10 de outubro de 1995 pola que se convocan axudas económicas para a realización de prácticas en alternancia e formación en centros de traballo para alumnos e alumnas que cursan ensinanzas en formación profesional de segundo grao, certificado profesional de acuicultor e ciclos formativos de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

As prácticas en empresas do sector pesqueiro, ademais do seu carácter obrigatorio como módulo de formación nos centros de traballo para os ciclos formativos de formación profesional específica e a súa conveniencia para os certificados profesionais de acuicultor e os alumnos do último curso de FP2, teñen un enorme interese polo seu valor didáctico-pedagóxico e a posibilidade, no eido socio-laboral, de acerca-los alumnos e alumnas ó mundo no que se desenvolverá a súa vida profesional.

Por todo isto, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, para a realización de prácticas en alternancia ou formación en centros de traballo, destinadas a alumnos e alumnas dos últimos cursos de formación profesional de segundo grao, certificado profesional de acuicultor e ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Segundo.-Serán requisitos indispensables para solicitar estas axudas:

2.1. Que exista un concerto de colaboración formativa para a realización de prácticas entre o centro educativo e a empresa ou centro colaborador.

2.2. Que os/as solicitantes estean matriculados no último curso de formación profesional de segundo grao, nun ciclo formativo de formación profesional específica ou acrediten o certificado profesional de acuicultor en centros dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. Esta actividade poderá desenvolverse nunha ou varias empresas con implantación dentro ou fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que exista o correspondente convenio de cooperación.

2.3. Que as solicitudes, que se farán no modelo de impreso que figura no anexo, teñan o informe favorable do director do centro.

2.4. Que o centro presente un proxecto de expediente económico viable, de prácticas en alternancia ou formación en centros de traballo, no que se integren tódalas solicitudes dos alumnos e alumnas do último

curso de formación profesional de segundo grao, certificado profesional de acuicultor e ciclos formativos de formación profesional específica.

2.5. Que cada solicitude veña acompañada do correspondente concerto, asinado polo director do centro, a empresa colaboradora, o alumno ou alumna, e a xefatura de ensinanzas náutico-pesqueiras. Os contactos coas empresas colaboradoras poderán ser feitos a iniciativa dos alumnos ou alumnas solicitantes ou a través do coordinador de emprego, persoa que para tal fin nomeará o director do centro educativo

Terceiro.-A contía solicitada por día estará en función da distancia que exista entre a empresa e o domicilio do alumno ou alumna, segundo o baremo seguinte:

-Dentro dun radio de 5 km da residencia do alumno ou alumna300 ptas.

-De 6 km ata 15 km500 ptas.

-De 16 km ata 30 km700 ptas.

-De 31 km ata 50 km1.100 ptas.

-Máis de 50 km (con retorno no día)1.300 ptas.

-Máis de 50 km (sen retorno no día)5.000 ptas.

Cuarto.-O número máximo de xornadas para a formación profesional de segundo grao e certificado profesional de acuicultor será de quince e para os ciclos formativos, as suficientes para completa-las horas que fixa o módulo de «formación nos centros de traballo». A contía da axuda para os ciclos formativos non poderá supera-las 125.000 ptas.

Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para reaxusta-la contía en razón da distancia e do orzamento dispoñible, neste caso comunicaráselles ós interesados a modificación efectuada.

O alumno ou alumna estará acollido á mutualidade do seguro escolar e á póliza de seguro de accidentes de traballo e responsabilidade civil, subscrita polo centro educativo onde cursa as ensinanzas.

Este tipo de axuda é incompatible coas de residencia por razón de estudios.

Quinto.-As solicitudes (anexo) presentaranas os interesados nos centros onde estean matriculados, no prazo de 10 días naturais a partir da entrada en vigor da presente orde.

Sexto.-Os secretarios dos centros remitirán a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación o proxecto de expediente económico, para prácticas en empresas ou centros de traballo no curso académico 1994/1995, no prazo de 10 días naturais desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, unha vez revisadas as solicitudes e os concertos, elevará as propostas á Comisión de Selección e Seguimento de Prácticas en Centros de Traballo, que os reexpedirá, unha vez feita a selección, á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para que proceda á súa tramitación.

Sétimo.-A selección das peticións levarase a cabo por unha comisión integrada por:

-O delegado territorial da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou persoa en quen delegue.

-O xefe do Servicio de Ensinanzas Náutico-Pesqueiras

-Os directores dos centros onde se impartan os ciclos formativos

-Os xefes de estudio dos centros onde se imparten os ciclos formativos

-Un funcionario da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, que actuará como secretario/a, con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará a correspondente proposta de adxudicación de axudas á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Noveno.-A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación comunicaralles ós centros a concesión ou denegación provisional das axudas, e, se é o caso, a modificación da contía solicitada, segundo o establecido no apartado cuarto desta convocatoria. A partir da data de comunicación abrirase un prazo de reclamación de 10 días.

As reclamacións serán resoltas no prazo dun mes pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Décimo.-Resoltas as reclamacións formuladas, a dirección xeral dictará resolución na que se fará consta-las adxudicacións definitivas. Contra esta resolución poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura no prazo dun mes.

A falta de notificación no termo de tres meses determinará a súa denegación presunta.

Décimo primeiro.-O pagamento das axudas farase dunha soa vez, logo da certificación do centro de que as xornadas de prácticas para as que se solicitou axuda se están desenvolvendo de forma axeitada. Neste sentido o centro poderá xustificar cambios de empresas sempre e cando non supoña aumento da contía aprobada. Ó final das prácticas, a directora do centro certificará perante a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a total realización desta actividade.

O pagamento farase con cargo á aplicación orzamentaria 12.04.322K.480.04 e 12.04.322K.480.09, ata unha contía máxima de 120.000 ptas por alumno.

Décimo segundo.-O desfrute destas axudas é compatible con outras de carácter xeral a cargo de fondos públicos, sen que supere a suma das axudas concedidas o custo do proxecto.

Décimo terceiro.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a desenvolve-lo disposto nesta orde, que entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

95-5615