Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 200 Mércores, 18 de outubro de 1995 Páx. 7.722

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 10 de outubro de 1995 sobre axudas ós estudios náutico e marítimo-pesqueiros nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, para o curso académico 1995-1996.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, ó amparo das normas constitucionais, estatutarias e legais correspondentes, traspasa á Comunidade Autónoma de Galicia funcións e servicios da Administración do Estado en materia de ensinanzas profesionais marítimo-pesqueiras.

O Decreto 206/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura atribúe á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación a organización e xestión nas ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

Co obxecto de fomentar e potencia-la formación da poboación mariñeira, é necesario artella-las accións que faciliten o acceso á formación náutico e marítimo-pesqueira, con especial incidencia na formación permanente de adultos, ciclos formativos de grao medio e superior e formación profesional de 2º grao. Neste sentido é fundamental a dotación de axudas

ó transporte, de comedor e residencia. Esta acción é cofinanciada polo Fondo Social Europeo.

En virtude das atribucións conferidas no artigo 24 do Decreto 428/1993, do 17 de decembro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico-pesqueira,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convocar axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo para os alumnos que cursen estudios de formación náutico e marítimo-pesqueira nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

O pagamento do presente programa de axudas farase a cargo da aplicación orzamentaria 12.04.322K.480.04. e 12.04.322K.480.09. Esta orde regula a súa concesión dentro dos preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade.

Artigo 2º.-Fins.

Os estudios para os que se poderán solicitar axudas, no curso académico 1995/1996, son os seguintes:

a) Marítimo-pesqueiros:

-Formación profesional de 2º grao, nas especialidades de máquinas, pesca marítima e navegación de cabotaxe.

-Ciclos formativos de grao medio e superior de formación profesional específica.

b) Náutico-pesqueiros:

-Mecánico naval maior, mecánico naval 1ª e 2ª clase, capitán de pesca, patrón de pesca de altura, patrón de pesca litoral 1ª clase, patrón maior de cabotaxe e patrón de cabotaxe.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas tódolos alumnos que cursen os estudios sinalados no artigo 2º en centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e que reúnan os seguintes requisitos:

-Ser cidadán de calquera país da Unión Europea.

-Non estar en posesión de título académico que habilite para actividades profesionais, agás que o dito título supoña un nivel ou grao inferior ó dos estudios que se pretendan realizar ou que estes estudios constitúan unha especialización dos xa realizados.

-Que a puntuación do baremo, establecida para o efecto, obtida polo alumno, se sitúe dentro do crédito dispoñible.

Artigo 4º.-Clases e contía das axudas.

As axudas poderán te-los seguintes compoñentes:

a) Axuda para gastos determinados por razón da distancia entre o domicilio familiar do bolseiro e o centro docente.

b) Axudas para gastos derivados da residencia do alumno durante o curso escolar, fóra do domicilio familiar.

c) Axudas de manutención para alumnos que cursen estudios nos centros de Ribeira e a Illa de Arousa sempre que reúnan os requisitos esixidos.

Artigo 5º.-Axudas para transporte.

As axudas por razón da distancia no transporte diversificaranse na súa contía segundo a seguinte escala:

De 5,00 a 10,00 km: 20.000 ptas.

De 11,00 a 30,00 km: 40.000 ptas.

De 31,00 a 50,00 km: 82.000 ptas.

Máis de 50,00 km: 100.000 ptas.

En ningún caso serán compatibles as axudas por razón da distancia no transporte interurbano coa axuda de residencia.

Artigo 6º.-Axudas por residencia.

1. Para a adxudicación de axudas para gastos derivados da residencia do alumno fóra do domicilio familiar, requirirase que o solicitante acredite que por razón da distancia entre o domicilio familiar e o centro docente e os medios de transporte existentes, tén que residir fóra do domicilio familiar durante o curso. Para estes efectos os órganos de selección de bolseiros poderán considerar como domicilio da familia o máis próximo ó centro docente, aínda que non coincida co domicilio legal.

2. A contía das axudas por razón de residencia fóra do domicilio familiar será de 225.000 ptas.

3. Poderá ser denegada esta axuda cando existan prazas vacantes nas residencias dos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura onde o alumno vai cursa-los seus estudios.

Artigo 7º.-Axudas de manutención.

A axuda de manutención, defínese como os gastos derivados da comida do mediodía do alumno fóra do seu domicilio habitual por razón da distancia ós centros de ensino marítimo-pesqueiro de Ribeira e a Illa de Arousa.

1. Poderán solicitar axuda de comedor os alumnos que acrediten documentalmente te-lo domicilio familiar a unha distancia superior a 10 km do centro docente ou ben, que aínda sendo inferior, acrediten a imposibilidade de chegar coa puntualidade requirida ás clases da tarde.

2. Reuni-los requisitos académicos, económicos e profesionais esixidos polo ordenamento xurídico vixente.

3. A axuda de comedor será incompatible coa axuda para gastos por razón da residencia do alumno durante o curso escolar fóra do domicilio familiar.

4. A contía máxima da axuda de manutención será de 30.000 ptas.

Artigo 8º.-Adxudicación de axudas.

A adxudicación das axudas farase conforme a un baremo no que se terán en conta os seguintes conceptos: renda familiar, rendemento académico, tempo de embarque para a modalidade de formación permanente de adultos, idade e outras circunstancias familiares que se poidan xustificar. A puntuación resultante de sumar estes conceptos será a que determine a adxudicación das axudas convocadas.

1. Rendemento académico.

-Nota media de sobresaliente: 4 puntos.

-Nota media de notable: 3 puntos.

-Nota media de ben: 2 puntos.

-Nota media de suficiente: 1 punto.

-Nota media de insuficiente: 0 puntos.

Nas ensinanzas nas que existan cualificacións globais por curso, aplicarase o baremo directamente. Cando a cualificación se faga por cada unha das disciplinas cursadas, obtense a nota media de todas e despois aplicarase o baremo.

Nos ciclos formativos, onde as cualificacións se fan de 1 a 10, seguiranse as equivalencias que a continuación se indican:

10: matrícula.

9: sobresaliente.

7-8: notable.

6: ben.

5: suficiente, apto, validado.

3-4: insuficiente.

2. Tempo de embarque para a modalidade de formación permanente de adultos.

-Máis de 700 días: 5 puntos.

-De 500 a 700 días: 4 puntos.

-De 300 a 500 días: 3 puntos.

-De 100 a 300 días: 2 puntos.

-De 50 a 100 días: 1 punto.

3. Idade na formación permanente de adultos.

-Maiores de 25 anos: 3 puntos.

-Entre 20-25 anos (ámbolos dous inclusive): 2 puntos.

-Menores de 20 anos: 1 punto.

4. Renda familiar.

a) Por renda familiar entenderase a suma dos ingresos brutos obtidos no ano 1994 por tódolos membros computables da familia, calquera que sexa a súa procedencia, incluíndo no caso de bens de natureza urbana o 2% do valor catastral.

b) No caso de actividades empresariais, profesionais, artísticas, deportivas e agrarias, computaranse os rendementos netos.

c) A renda familiar dispoñible obterase despois de deducir da renda familiar o importe das retencións e ingresos a conta, os xuros de capitais investidos na adquisición da primeira vivenda, as cotizacións a Seguridade Social, dereitos pasivos e mutualidades obrigatorias, o 5% sobre os ingresos íntegros por rendementos do traballo cun tope máximo de 250.000 pesetas.

d) Os titulares de explotacións agrarias ou pesqueiras computarán ademais como ingresos os productos que utilicen para o seu propio consumo.

e) Consideraranse membros da unidade familiar: o pai e a nai, os irmáns menores de 23 anos, o solicitante, os irmáns solteiros menores de 26 anos e que convivan no domicilio familiar ou os de maior idade, cando se trate de disminuídos físicos, psíquicos ou sensoriais, así como os ascendentes dos pais que xustifiquen a súa residencia no mesmo domicilio que os anteriores co certificado municipal correspondente.

No caso de solicitantes que constitúan unidades familiares independentes, tamén se consideran membros da unidade familiar o cónxuxe, ou, se é o caso, a persoa coa que estea unido por análoga relación así como os seus fillos se os houbera.

f) No caso de que o solicitante alegue a súa independencia familiar e económica, calquera que sexa o seu estado civil, deberá acreditar esta circunstancia e o seu domicilio, así como a titularidade ou o alugueiro da vivenda e os medios económicos con que conta.

g) Ó cociente da renda familiar dispoñible computada entre o número de membros da unidade familiar, adxudicaráselle a seguinte puntuación:

Ata 400.000 ptas: 15 puntos.

De 400.000 a 450.000: 13 puntos.

De 450.000 a 500.000: 11 puntos.

De 500.000 a 550.000: 9 puntos.

De 550.000 a 600.000: 7 puntos.

De 600.000 a 650.000: 5 puntos.

De 650.000 a 700.000: 3 puntos.

De 700.000 a 750.000: 1 punto.

Máis de 750.000: 0 puntos.

5. Circunstancias familiares.

a) Ós aspirantes que teñan irmáns cursando estudios de FP 2º grao, BUP, ou universitarios fóra da súa residencia habitual, engadiránselles 3 puntos por cada un deles.

b) Ós aspirantes en condición de orfandade 2 puntos.

c) Ós aspirantes membros de familia numerosa de 1ª clase 1 punto, de 2ª clase e honra 2 puntos.

d) Os aspirantes que teñan algún membro da unidade familiar en estado de enfermidade permanente ou con discapacidade 3 puntos.

Tódolos apartados referentes ás circunstancias familiares deberán xustificarse documentalmente.

Artigo 9º.-Regras de procedemento.

1. Tódolos alumnos que soliciten axuda deberán cubri-lo impreso oficial que figura no anexo.

2. Tódolos solicitantes, xunto coa solicitude, deberán presenta-la seguinte documentación:

-DNI do solicitante e demais membros da unidade familiar maiores de idade.

-Certificado de estudios, se fose o caso.

-Certificado de ter formalizada a matrícula.

-Caderno de navegación, se fose o caso.

-Certificado de empadroamento e residencia habitual.

-Fotocopia autenticada completa das declaracións polo IRPF dos compoñentes que integran a unidade familiar e que teñan obriga de realizala, correspondentes ó ano 1994, ou certificación de que están exentos de presentala.

Artigo 10º.-Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse nos centros docentes onde os solicitantes vaian segui-los seus estudios durante o curso académico 1995-1996.

2. Así mesmo, as solicitudes poderán presentarse nas delegación territorias da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou ben, a través dos mecanismos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir da entrada en vigor desta orde.

Artigo 11º.-Comisión de valoración.

1. Para o estudio das solicitudes presentadas e selección de posibles bolseiros, constituirase en cada centro unha comisión coa seguinte composición:

Presidente: o delegado territorial correspondente.

Vocais: director do centro. Xefe de estudios. Un representante da Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación. Dous profesores membros do Consello Escolar do centro docente. Un representante dos pais de alumnos, membro do Consello Escolar.

Secretario: o secretario do centro docente.

2. Das reunións celebradas polas comisións a que se refire o punto anterior, comezando pola da súa constitución, levantarase acta, que será remitida á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

3. O funcionamento destas comisións axustarase ó disposto nas normas contidas para o efecto no capítulo II punto II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. As solicitudes de bolsa deberán ser estudiadas e comprobadas para seleccionar as que deban ser aten

didas, tendo prioridade a formación permanente de adultos e as de renovación dentro do ciclo.

5. A comisión de valoración cursará a denegación ós solicitantes que non reúnan ou acrediten os requisitos esixibles para ser bolseiros. Na notificación da denegación farase consta-la causa desta e informarase ó solicitante dos recursos que pode interpoñer, así como as revisións que poida solicitar.

6. Transcorrido o prazo de 10 días naturais, os ditos órganos elaborarán un listado de solicitantes, tendo en conta a prelación segundo o baremo establecido para o efecto, que será remitido á Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación, á vista das listas referidas no artigo anterior, determinará o número total de bolsas que poden ser concedidas en función dos recursos dispoñibles e ordenará a confección dos listados de pagamento correspondentes.

A Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación poderá denega-la axuda se se comprobase a falsidade nalgún dos documentos aportados, así como que a familia do solicitante dispoña dunha renda familiar dispoñible elevada.

A falsidade dos datos ou falsificación de documentos que se presenten, calquera que sexa o momento no que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de tódolos dereitos dos/das solicitantes que incorran en tal situación e, en consecuencia, a devolución total da cantidade percibida, ademais das responsabilidades a que houbese lugar, logo da apertura do correspondente expediente.

2. No caso de que os solicitantes obtiveran o mesmo coeficiente, terá preferencia o de renda familiar máis baixa sobre o de renda máis alta.

3. A lista definitiva de adxudicatarios farase pública nas delegacións territoriais correspondentes e no taboleiro de anuncios dos centros docentes respectivos. Esta resolución porá fin á vía administrativa.

4. Os alumnos ós que se lles denegase inicialmente a súa solicitude, ou como consecuencia da revisión formulada, poderán interpoñer, no prazo de un mes, recurso ordinario perante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, que será substanciado pola Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación.

5. A falta de notificación no prazo de tres meses determinará a súa denegación presunta.

Artigo 13º.-Pagamento.

Os pagamentos faranse dunha soa vez polo importe concedido, mediante talón nominativo e unha vez iniciado o curso académico.

Os alumnos beneficiarios terán que xustifica-la súa asistencia regular ás clases e presentación ós exames.

Artigo 14º

1. Os fillos dos que ostenten a condición de residentes no estranxeiro poderán participar na convocatoria de bolsas e axudas ó estudio cando vaian realizar estudios comprendidos nela, nos centros docentes dependentes da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

2. O limiar de renda familiar per cápita multiplicarase polo coeficiente que corresponda segundo a táboa seguinte:

Países: Estados Unidos, Noruega, Suecia, Suíza, Alemaña e Dinamarca. Coeficiente: 2,3.

Países: Francia, Austria, Italia, Holanda, Bélxica, Luxemburgo, Australia, Canadá e Reino Unido. Coeficiente: 1,5.

Demais países: coeficiente: 1,0.

3. As solicitudes de bolsa, que deberán ser formuladas no impreso oficial para o efecto, poderán consigna-los ingresos da familia, en moeda propia do país en que se obteñan. O cálculo do seu contravalor en pesetas farase aplicando o tipo oficial que dea un resultado menor e que tivera a moeda respectiva o primeiro día hábil de 1995.

4. Os servicios diplomáticos e consulares de España no estranxeiro, especialmente as consellerías de Educación, informarán e prestarán a axuda necesaria para cubrir correctamente os impresos oficiais de solicitude que deberán presentarse nos centros docentes onde se vaian face-los estudios, momento a partir do cal serán sometidas as solicitudes ós trámites ordinarios da convocatoria.

5. O desfrute de bolsa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura será, en todo caso, incompatible co desfrute de beneficios de análogo carácter procedentes da Dirección Xeral de Migracións.

Artigo 15º

Ningún alumno poderá percibir máis de unha bolsa, inda que realice simultaneamente outros estudios. As bolsas e axudas ó estudio convocadas pola presente orde son incompatibles con calquera outro beneficio da mesma finalidade que poidan recibirse doutras entidades ou persoas públicas ou privadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Formación Pesqueira e Investigación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións necesarias para o mellor cumprimento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

6659