Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Luns, 16 de outubro de 1995 Páx. 7.643

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 28 de agosto de 1995 pola que se regulan as subvencións a salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade.

As salas de exhibición cinematográfica son un foro cultural particularmente importante na sociedade actual. É sabida que no presente o sector da exhibición cinematográfica atravesa unha importante crise, que ten como principal efecto o crecente peche de salas, particularmente en zonas rurais. Na actualidade, son as comunidades autónomas a Administración competente para convocar e conceder axudas á exhibición cinematográfica, conforme os criterios establecidos no Real decreto 1282/1989 e a Orde do 12 de marzo de 1990 do Ministerio de Cultura. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a salas de exhibición cinematográfica situadas en zonas rurais ou de baixa rendibilidade, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353C.470.05 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995.

Artigo 2º

Poderán optar ás subvencións os titulares de salas de exhibición cinematográfica situadas en Galicia, en localidades con poboación inferior a 50.000 habitantes, que durante 1994 tivesen actividade, cando menos, durante catro meses, e obtivesen unha recadación anual bruta inferior a 3.000.000 de pesetas, e que estean inscritos no rexistro de empresas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

Artigo 3º

A contía das axudas será proporcional ó número de semanas de actividade realizada por cada sala durante o ano 1994, sen que, en ningún caso, a contía da axuda poida ser superior á recadación bruta obtida no dito ano.

Artigo 4º

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nos rexistros das delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Xuntaranse os seguintes documentos:

1. Instancia.

2. Fotocopia do DNI do solicitante.

3. Acreditación suficiente da súa titularidade sobre a sala.

4. Documentación acreditativa da inscrición da sala no rexistro de empresas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais.

5. Fotocopia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

6. Cédula de identificación fiscal.

7. Acreditación da actividade mediante a presentación dos partes-declaración de exhibición semanal debidamente cubertos pola Sociedad General de Autores de España.

8. Relación nas que se indique o número de semanas de actividade e a recadación bruta por semana.

9. Para efectos de posibilita-la liquidación do importe da subvención que correspondese, deberán aportar certificación de estar ó día nas súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social, así como de non ter débedas coa Xunta de Galicia. Así mesmo, deberán achegar certificado bancario da existencia da conta na que o solicitante sexa o titular.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura e o director xeral de Cultura elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura, que resolverá.

Artigo 6º

Unha vez resolta e notificada a concesión da subvención librarase a cantidade adxudicada sempre e cando consten na Dirección Xeral de Cultura as certificacións sinaladas no punto 9 do artigo 4º.

Artigo 7º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 8º

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase rexeitada a petición correspondente e poderá o solicitante a partir desa data retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións considere precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 1995.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

Sr. Director Xeral de Cultura

95-05636