Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 13 de outubro de 1995 Páx. 7.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 263/1995, do 29 de setembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo concello de Cambados (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de accesos e dotación de servicios a Corbillón de Arriba.

O Concello de Cambados (Pontevedra), en sesión celebrada o día 27 de marzo de 1995, aprobou o proxecto de accesos e dotación de servicios a Corbillón de Arriba e na sesión do día 30 de marzo de 1995 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de setembro de 1995 baixo o nº 7865.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18 setembro 1995, baixo o nº 8414.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, polos seguintes motivos:

Que tal dotación de infraestructuras necesarias vén a solventar -xunto coa mellora de servicios xerais á totalidade dunha parroquia que supera os 2.000 veciños-, as dificultades de tránsito pola vía provincial Deiro-Tragove, estreitada xustamente nese tramo, no que vehículos en circulación ou aparcamentos e persoas camiñando, compiten polo espacio entre fachadas ou muros de peche. Faise notoria a necesidade de que sen dilacións uns e outras dispoñan de zonas separadas e a distinto nivel. Que, sobre todo no cruzamento no que se demanda a autorización, a urxente ocupación faise evidente polo perigo que supón obrigar ós conductores a invadi-la metade da calzada cos seus vehículos, -o que deu e dá lugar a innumerables accidentes-, cando acceden procedentes da igrexa parroquial e precisa dirixirse á CC-550 ou á parte

máis concorrida da poboación. E de acudi-las comitivas transportadas en autobús, tanto ó saír como ó entrar, as peripecias que se ocasionan, os atascos e as perrenchas dos atinxidos, xustifican sobradamente a máis rápida actuación. Que é tal o perigo existente nese estreito tramo que a urxencia queda xustificada polo feito de que en calquera momento pode producirse un accidente de incalculables consecuencias. Que as referidas obras adxudicadas á empresa COVSA, 7-4-1995, para executarse nun prazo de 4 meses, unha vez postos os terreos á disposición dela, teñen como remate o 30-11-1995, segundo o referido contrato, o que constantemente limita o tempo de que se dispón para levalas a cabo. Que a autorización para a urxente ocupación faise imprescindible, ademais a prol de poder executar en prazo e dentro das previsións do artigo 10, do Decreto 353/1994, de 2-12-1994, da Consellería de Economía e Facenda, de corporación coas entidades locais para 1995, que regula o Programa de Pequenas

Ingraestructuras e Equipamentos Locais distribuíndo as cantidades asignadas a cada municipio.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Cambados (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de accesos a dotación de servicios a Corbillón de Arriba.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Míguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

95-06465