Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Venres, 13 de outubro de 1995 Páx. 7.603

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 264/1995, do 29 de setembro, polo que se determina o calendario laboral para o ano 1996 na Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, segundo a redacción dada polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito nacional, de carácter retribuído e non recuperable.

Respecto dalgunhas das festas de ámbito nacional, as comunidades autónomas teñen facultades de opción ou substitución por outras que por tradición lles sexan propias.

Facendo uso desas facultades e ó coincidir en domingo o 8 de decembro, a Inmaculada Concepción, considérase oportuno substitui-lo descanso laboral correspondente á dita festividade, incorporando á relación de festas da nosa Comunidade Autónoma para 1996 o 17 de maio, Día das Letras Galegas, que pola súa significación foi xa implantada como festa laboral noutras ocasións, seguindo así o criterio de manter unha certa estabilidade na determinación do calendario anual para conmemorar todo aquilo que forma parte da nosa historia e da nosa cultura.

En virtude do establecido na Constitución española e no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios á Comunidade Autónoma de Galicia, asumidas e asignadas polo Decreto 117/1982, do 5 de outubro, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Conforme o establecido no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores, na súa redacción dada polo Real Decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e no artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, modificado polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, de non producirse modificación no calendario laboral de carácter nacional, as festas laborais de carácter retribuído e non recuperable no territorio de Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996 serán as seguintes:

1 de xaneiroAninovo

6 de xaneiroEpifanía do Señor

4 de abrilXoves Santo

5 de abrilVenres Santo

1 de maioFesta do Traballo

17 de maioDía das Letras Galegas

25 de xulloSantiago Apóstolo, Día Nacional de Galicia

15 de agostoAsunción da Virxe

12 de outubroFesta Nacional de España

1 de novembroTódolos Santos

6 de decembroDía da Constitución Española

25 de decembroNatividade do Señor

Artigo 2º

Conforme o disposto no artigo 37.2º do Estatuto dos traballadores e no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, que serán determinadas polo delegado da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais en cada unha das provincias da Comunidade Autónoma, por proposta do pleno dos respectivos concellos,

e publicaranse nos boletíns oficiais de cada provincia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

De acordo co que dispón o artigo 48.7º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o calendario laboral anual terá efectos como calendario de días inhábiles en canto ó cómputo de prazos administrativos en Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto surtirá efectos a partir do día un de xaneiro de mil novecentos noventa e seis.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinto.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Míguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

95-06425