Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 196 Mércores, 11 de outubro de 1995 Páx. 7.564

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 257/1995, do 29 de setembro, polo que se modifica parcialmente o do 120/1982, do 5 de outubro, polo que se crea o Instituto Galego de Bacharelato a Distancia.

Polo Decreto 120/1982, do 5 de outubro, creouse o Instituto Galego de Bacharelato a Distancia. Este decreto desenvolveuse pola orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 26 de xuño de 1991, da que foron declarados nulos pola sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia número 938/1994, do 23 de novembro de 1994, os apartados cuarto (parágrafo primeiro e segundo), noveno, décimo, vixésimo e a disposición transitoria.

Coa finalidade de adecua-la normativa do Ingabad á mencionada sentencia, de acordo coa previsión do artigo 1.2º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da Función Pública de Galicia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os artigos 4 e 5 do Decreto 120/1982, do 5 de outubro, polo que se crea o Instituto Galego

de Bacharelato a Distancia, que quedan redactados como segue:

«Artigo 4º

1. A sede central do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia terá como órganos unipersoais de goberno, un director, un vicedirector, un xefe de estudios, un secretario e un vicesecretario, que serán nomeados polo delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de entre os profesores que presten servicios no instituto e de acordo co procedemento previsto no artigo 5 e seguintes do Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario.

2. As extensións do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia terán como órganos unipersoais de goberno un director, un xefe de estudios e un secretario, que serán nomeados conforme o establecido no apartado anterior.

3. Nos centros colaboradores haberá un xefe de estudios para os alumnos do Ingabad, nomeado entre os profesores que impartan ensinanzas a estes alumnos. Percibirá polo desempeño do cargo o mesmo complemento específico que o xefe de estudios do centro».

«Artigo 5º

O profesorado do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia estará constituído por funcionarios de carreira ou de emprego do corpo de profesores de ensino secundario e, se é o caso, profesores técnicos de formación profesional, que serán nomeados, en réxime de comisión de servicios, por un período improrrogable de seis anos, renovándose por terceiras partes, cada dous anos».

Artigo 2º

Engádeselle un novo artigo ó Decreto 120/1982, do 5 de outubro, co seguinte texto:

«Artigo 7º

1. Os órganos colexiados de goberno do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia e das súas extensións son o Consello Escolar e o Claustro de Profesores.

2. O Consello Escolar estará integrado por:

a) O director do centro, que será o seu presidente.

b) O xefe de estudios.

c) Un representante do concello do termo municipal onde está situado o centro.

d) Cinco profesores elixidos polo claustro.

e) Tres representantes dos alumnos.

f) Dous representantes dos pais.

g) Un representante do persoal de administración e servicios.

h) O secretario do centro, que actuará como secretario do Consello Escolar, con voz e sen voto.

3. O Consello Escolar e o Claustro de Profesores terán as competencias establecidas nos artigos 56 e 59 do Decreto 92/1988, do 28 de abril».

Disposición transitoria

As comisións de servicio do profesorado que está a impartir docencia na sede central do Instituto Galego de Bacharelato a Distancia ou nunha das súas extensións quedan prorrogados ata o 15 de setembro de 1998, agás renuncia expresa do interesado ou revogación daquela por parte da Administración educativa.

A partir do curso 1998-99 iníciase a renovación por tercios a que fai referencia a nova redacción do artigo 5 do Decreto 120/1982, do 5 de outubro.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

9506521