Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 194 Luns, 09 de outubro de 1995 Páx. 7.491

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 7 de setembro de 1995 pola que se modifica a Resolución do 1 de xuño de 1995 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras.

Co obxecto de adapta-la liquidación ó beneficiario á operativa do convenio de mediación ICO-entidades financeiras e de simplifica-la xestión da liquidación ó Igape, é necesario face-las oportunas modificacións na cláusula oitava do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras.

Visto o exposto e de conformidade coas entidades financeiras asinantes do convenio e en virtude das facultades que teño conferidas,

DISPOÑO

Artigo único.-Modifícase a Resolución do 1 de xuño de 1995 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras, publicado no Diario Oficial de Galicia número 118 bis, do 21 de xuño de 1995 da seguinte maneira:

O texto da cláusula oitava. Liquidación, substitúese pola seguinte redacción:

«Cláusula oitava. Liquidación.

a) Liquidación ó beneficiario.

A liquidación da cota de xuro por parte da entidade financeira ó beneficiario efectuarase, ó igual que as amortizacións, semestralmente, calculándose os xuros en función do capital vivo ou capital disposto.

Para préstamos a xuro fixo, o devengo de xuros será por días comerciais, con liquidacións semestrais que comezarán a computarse desde o primero día 15 inmediato posterior á data de disposición. Por conseguinte o primero período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a 6 meses polos días que transcorran desde a data de disposición ata o primero día 15.

Para préstamos a tipo de xuro variable, o devengo de xuros será por días naturais, base 365, e a liquidación deles será por períodos semestrais que comezarán a computarse a partir do primero día 15 inmediato posterior á data de disposición. Por conseguinte o primero período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a 6 meses polos días que transcorran desde a data de disposición ata o primero día 15.

b) Liquidación ó Igape.

A liquidación das subsidiacións por parte da entidade financeira ó Igape efectuarase semestralmente, calculándose sobre o saldo vivo teórico semestral do préstamo, excepto para o período de xustificación do investimento no que a liquidación das subsidiacións se condiciona á xustificación, por parte dos beneficiarios, da realización e pagamento do investimento subvencionable, e de acordo co establecido a continuación:

Primeira ou, se é o caso, única liquidación de xustificación: devengarase cando o investimento xustificado (realizado e pagado) acade unha contía igual ou superior o 50% do investimento subvencionable. Esta liquidación será única cando a dita contía acade o 100%.

Segunda liquidación de xustificación: devengarase cando o investimento subvencionable estea totalmente xustificado.

A entidade financeira, previamente á liquidación da subsidiación, esixirá ós beneficiarios copias compulsadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable, así como dos medios utilizados para o seu pagamento, enviando esta documentación ó Igape acompañada dunha certificación bancaria, datada, selada e asinada pola dita entidade, na que se fará constar que se acreditou a realización e pagamento do investimento subvencionable e cumpridos os requisitos para practica-la primera e, se é o caso, segunda liquidación de xustificación.

Para o cálculo dos xuros tomarase como data de inicio da subsidiación o día primeiro do mes seguinte ó da data da certificación bancaria e os puntos subsidiados aplicaranse á cantidade resultante de multiplica-la porcentaxe de financiamento, que figura na resolución de concesión, polo investimento subvencionable xustificado.

O devengo de xuros será por días comerciais para préstamos a tipo de xuro fixo e por días naturais para préstamos a tipo de xuros variable. O primero período de liquidación da subsidiación será irregular e computarase polos días transcorridos desde a data de inicio ata o primero día 15 correspondente segundo o establecido na cláusula oitava a).

O período de xustificación do investimento non poderá ser superior a un ano a partir da data de formalización».

Santiago de Compostela, 7 de setembro 1995.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

95-06349