Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 192 Xoves, 05 de outubro de 1995 Páx. 7.421

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 21 de setembro de 1995, da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, pola que se dictan normas para regula-lo desenvolvemento dos ciclos formativos e a experimentación de módulos profesionais no curso 1995-1996.

As necesidades de actualización e ampliación da oferta de ensinanzas de formación profesional que, cada día máis, demanda a sociedade galega veñen sendo dinamizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por medio de distintas disposicións. Así pola Orde do 17 de marzo de 1995 (DOG do 10 de abril), e resolucións dos días 5 e 13 de xuño de 1995, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, actualizáronse as ensinanzas de formación profesional específica. De forma análoga amplíanse as ofertas de Ensinanza Secundaria Obrigatoria e dos novos bacharelatos como formación profesional de base.

O permanente afán renovador da formación profesional que caracteriza a esta Comunidade Autónoma, inducido polas demandas do mundo productivo, coincide cos obxectivos sinalados polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo para Galicia no período de 1994-99. Estas circunstancias permiten experimenta-las novas titulacións de formación profesional ó abeiro do Decreto 239/1995, do 28 de xullo, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas de formación profesional. Como consecuencia, impóñense tamén novas situacións académicas e económico-administrativas que requiren fixar un marco de referencia que permita ós centros axusta-la súa organización e funcionamento.

Por todo isto, de conformidade co disposto no artigo 7.1º do Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de

Educación e Ordenación Universitaria e coa habilitación concedida a esta Dirección Xeral na Orde do 1 de setembro de 1995, pola que se regula a avaliación e acreditación académica do alumnado que cursa a formación profesional específica na Comunidade Autónoma de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro.-Matrícula.

Os alumnos/as admitidos para cursar ciclos formativos de grao medio ou de grao superior, así como aqueles alumnos/as admitidos para cursar módulos profesionais de nivel II ou III, xa sexa por acceso directo ou despois de supera-la proba correspondente, realizarán a matrícula nos prazos que se establecen no apartado sétimo da Orde do 9 de xuño de 1995 (DOG do 5 de xullo).

A matrícula realizarase para todo o ciclo formativo ou módulo profesional independentemente da súa duración. Cando estas ensinanzas abarquen máis dun período académico o alumnado deberá aboa-lo importe do seguro escolar en cada un deles.

Os alumnos/as poderán renunciar á matrícula dun ou varios módulos cando concorran circunstancias que o xustifiquen, como incorporación laboral, servicio militar, enfermidade grave e aquelas que o equipo docente considere pertinentes como conclusión da súa avaliación.

Segundo.-Constitución de grupos.

Para cada ciclo formativo ou módulo profesional constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos/as por centro. O número de alumnos/as de cada grupo estará comprendido entre 15 e 30, e dependerá das características pedagóxico-didácticas, das posibilidades das instalacións e dos medios didácticos cos que conte o centro, aspectos que serán concretados pola inspección educativa.

A implantación dun ciclo formativo ou módulo profesional con matrícula inferior ou superior ó que se establece no parágrafo anterior require a autorización expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. Para tal efecto, a dirección do centro, á vista do número de candidatos en condicións de matricularse, formalizará a petición diante do delegado provincial, indicando os aspectos que xustificarían a variación das prazas. Esta solicitude será informada pola inspección educativa en relación cos medios didácticos, equipo docente, disposición das empresas do contorno para realiza-la Formación en Centros de Traballo (FCT) e aqueles outros aspectos que inflúan no proceso formativo.

Terceiro.-Horario do ciclo/módulo.

A formación no centro educativo para os diferentes ciclos formativos deberá coincidir co número total de horas que se dispoñen no decreto polo que se establece o Documento Base do Título (DBT). A temporalización non ten que coincidir necesariamente coa duración do curso académico ordinario.

A distribución horaria dos diferentes módulos que constitúen o ciclo formativo corresponderase coa que se indica no anexo II desta norma. Non obstante, o centro educativo poderá establecer no seu proxecto curricular de centro unha distribución horaria e unha secuenciación diferente que deberá ser aprobada pola inspección educativa. Para tal efecto, o centro remitirá o proxecto curricular de centro e a distribución horaria prevista antes do día 30 de setembro para a resolución que proceda.

O horario de libre disposición do centro utilizarase para reforza-los contidos de carácter científico-tecnolóxico da formación profesional de base e complementa-los módulos asociados a unidades de competencia.

Cuarto.-Profesorado.

Constitúe o equipo docente o conxunto de profesores que imparten docencia nos diferentes módulos do ciclo formativo; e no caso dos módulos profesionais, os profesores/as que imparten as diferentes áreas profesionais que o compoñen.

Coa finalidade de favorece-la coordinación e a integración dos contidos dos diferentes módulos do ciclo formativo ou áreas do módulo profesional, o número de profesores/as que constitúan o equipo docente será o menor posible (con carácter xeral, entre tres e cinco). Os equipos docentes cun número de membros diferente deberán ser autorizado polo delegado provincial, a solicitude razoada do centro e logo de informe da inspección educativa.

Cada módulo dun ciclo formativo constitúe unha unidade de oferta formativa, e polo tanto será impartido, con carácter xeral, por un só profesor/a. Este criterio non condiciona en modo ningún as posibilidades de desdobre do grupo naqueles módulos que se indican no anexo II sempre que o número de alumnos/as sexa superior a 20 por grupo.

Os módulos de cada ciclo formativo poderán impartilos os profesores/as coa titulación requirida. Entre tanto non se determine a adscrición do profesorado ás novas especialidades, o profesorado que poderá impartir docencia nos diferentes módulos será o que se establece como anexo II desta norma.

O equipo docente dun ciclo formativo ou módulo profesional deberá establecerse procurando a continuidade dos seus compoñentes ó longo de todo o ciclo, e en todo caso por profesores/as que teñan destino definitivo no centro. A inspección educativa resolverá sobre as posibles excepcións a esta norma.

Para a constitución do equipo docente terán prioridade os profesores con destino definitivo no centro no momento de presenta-lo proxecto-solicitude do ciclo formativo ou módulo profesional e que, posuíndo a titulación requirida, manifesten o seu interese en imparti-la docencia naqueles. No caso de que o número de profesores/as interesados sexa superior ó requirido, seguiranse os criterios que se establecen no apartado 3.5 da Orde do 24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto).

O número de períodos lectivos de docencia directa de cada profesor/a no ciclo formativo ou módulo profesional é o que se establece na Orde do 1 de setembro de 1987.

A xefatura de estudios, na declaración horaria de cada profesor/a, establecerá unha hora semanal para que o equipo docente poida realizar reunións de programación, coordinación e seguimento.

Quinto.-Profesor/a titor/a.

5.1. Cada grupo de alumnos/as dun ciclo formativo ou módulo profesional terá un profesor/a titor/a, que será un membro do equipo docente ó longo de todo o proceso formativo, salvo causas debidamente xustificadas, nomeado polo director/a do centro e que asumirá as seguintes funcións:

-Convocar e coordina-las reunións do equipo docente e a coordinación interáreas ou intermódulos, levantando as correspondentes actas.

-Elaborar, baixo a supervisión do xefe de estudios, o horario lectivo, atendendo ás necesidades de temporalización e organización docente de cada unha das áreas do módulo ou módulos do ciclo.

-Coordinar, orientar e asesora-la avaliación, os procesos de ensino-aprendizaxe; así como a orientación profesional do alumnado en relación á súa evolución escolar, métodos de traballo, técnicas de estudio e de busca de emprego, saídas académicas e profesionais, posibles validacións. Sempre co apoio do profesorado do módulo de formación e orientación laboral e, no seu caso, do departamento de orientación do centro.

-Convocar e presidi-las correspondentes sesións de avaliación do seu grupo.

-Informar do proceso educativo dos alumnos e alumnas, tanto a eles mesmos como ós seus pais ou titores legais, a través do procedemento que o centro determine.

-Realiza-lo seguimento educativo do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración do resto do equipo docente do ciclo.

-Realiza-la avaliación do módulo de formación en centros de traballo, coa colaboración do responsable designado para tal efecto pola empresa. A colaboración do titor de empresa consistirá nun informe que valore a actividade realizada e o grao de consecución das capacidades atribuídas ó dito módulo. Se a formación en centros de traballo se desenvolve en varios centros ou empresas, solicitarase un informe de cada unha delas.

-Informa-las peticións de validación ou exención formuladas polos alumnos/as do ciclo.

-Concretar e tramita-la documentación relativa á formación en centros de traballo.

-Identificar, no caso dos módulos profesionais, xunto co equipo educativo, as necesidades concretas de colaboración de expertos, establecendo un calendario de intervencións e atendendo ó seu cumprimento.

-Coordina-lo desenvolvemento da programación das actividades complementarias previstas para os alumnos/as.

-Actuar como interlocutor entre o equipo docente e os distintos servicios da Administración, colaborando con esta no desenvolvemento e seguimento da experiencia educativa.

-Propoñe-la distribución da asignación económica destinada a estas ensinanzas, unha vez elaborada polo equipo docente a relación de necesidades.

-Propoñe-la adquisición do material necesario para a impartición das ensinanzas.

-Informar á dirección das horas de prácticas realizadas polos alumnos/as.

-Redacta-la memoria de final de curso.

5.2. O profesor/a titor/a disporá dunha reducción horaria para o desempeño das súas funcións. Esta reducción será de 4 horas á semana ademais das horas complementarias se se trata de ciclos ou módulos de ata 1.400 horas de duración. Se a duración fose de 1.700 ou máis horas a reducción será de 2 horas no primeiro período e de 4 no segundo, ademais das horas complementarias.

Sexto.-Expertos en módulos profesionais.

6.1. Co fin de procurar un maior nivel de actualización nas novas técnicas e procesos de traballo, imprescindible en determinadas áreas da formación profesional específica, o equipo docente poderá solicitar autorización para contar coa colaboración de expertos, alleos ó centro, para a impartición de relatorios/conferencias sobre temas puntuais. Para isto, os centros remitirán a súa solicitude á inspección educativa, especificando as áreas, temas e horas concretas que vai impartir cada experto, xustificación da necesidade de recorrer a esta colaboración externa e o currículum da persoa proposta.

A autorización previa da inspección educativa será requisito imprescindible para poder contar coa colaboración de expertos.

6.2. O número máximo de horas de relatorio que poderán impartir estes expertos será o 5% da duración total do módulo. Calquera incremento sobre esta cifra requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

6.3. Dadas as características específicas desta colaboración, en ningún caso poderán figurar como expertos os profesores/as dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

6.4. No caso de centros públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o pagamento destas colaboracións, que se aboarán con cargo ós gastos de funcionamento a xustificar ante o F.S.E., farase de acordo co seguinte procedemento:

6.4.1. Unha vez realizada a colaboración, o centro aboaralle ó experto a cantidade correspondente, que non poderá superar en ningún caso as 8.000 ptas.

por hora de colaboración. A esta cantidade deduciráselle a retención correspondente de IRPF.

6.4.2. O experto asinará un xustificante de ter recibido esa cantidade ó que se lle engadirán:

-Datos de cada experto, horas de colaboración en cada módulo e datas en que se produciu esa colaboración.

-Autorización previa da inspección educativa.

-Xustificante do pagamento asinado polo experto.

-Xustificante (modelo 110) de ter ingresado en Facenda a retención correspondente.

6.5. A Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos expedirá, a petición dos expertos que o soliciten, unha certificación acreditativa dos relatorios ou conferencias impartidas.

Sétimo.-Profesores especialistas nos ciclos formativos.

Naqueles ciclos formativos nos que, segundo o real decreto que establece as correspondentes ensinanzas, sexa necesario o concurso dun profesor/a especialista para impartir algún módulo, por non existir no centro profesores/as con perfil idóneo, a súa selección será realizada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, unha vez recollidas as propostas formuladas polo equipo docente do ciclo.

No caso de centros privados será a titularidade do centro a que propoña a selección correspondente á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Con esta finalidade os centros remitirán o currículo dos candidatos e certificacións que acrediten a súa experiencia no correspondente campo profesional.

Oitavo.-Proxecto curricular.

O equipo docente coordinado polo titor/a, cos apoios que considere necesarios da comisión de coordinación pedagóxica do centro, elaborará o proxecto curricular do ciclo formativo a partir das ensinanzas mínimas establecidas pola Administración educativa procurando que os obxectivos, contidos, criterios de avaliación, secuenciación e metodoloxía respondan ás características do alumnado, ás posibilidades formativas que ofrece o contorno do centro e, no seu caso, ó proxecto educativo do centro.

O proxecto curricular incluirá os obxectivos xerais que se pretenden acadar no ciclo formativo, así como os obxectivos específicos, as capacidades terminais, os contidos que se van desenvolver e os criterios de avaliación para cada módulo, ademais da metodoloxía que se vai empregar e a distribución temporal da materia que se vai impartir.

Para cada módulo deberán concretarse:

-Os contidos mínimos esixibles, que permitirán en todo caso a adquisición das capacidades terminais correspondentes.

-Os criterios e procedementos para o establecemento de medidas de reforzo educativo e, se é o caso, de adaptación curricular.

-O sistema de avaliación e recuperación, se é o caso.

-Os criterios de cualificación que posibiliten unha avaliación obxectiva deste, conforme se establece no artigo 6 da Orde do 1 de setembro de 1995 e no artigo 13 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño), polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos/as.

No caso do módulo de formación en centros de traballo, o proxecto curricular incluirá ademais o perfil básico das empresas nas que se deba realiza-la formación, engadindo relación das existentes no contorno do centro nas que sería posible realizala.

Para os módulos profesionais estableceranse:

-Obxectivos xerais que se pretenden acadar.

-Obxectivos específicos e contidos de cada área.

-Criterios de avaliación e cualificación.

-Criterios de cualificación que posibiliten unha avaliación obxectiva deste, conforme se establece no artigo 6 da Orde do 1 de setembro de 1995 e no artigo 13 do Real decreto 732/1995, do 5 de maio (BOE do 2 de xuño) polo que se establecen os dereitos e deberes dos alumnos/as.

O proxecto curricular do ciclo formativo, asinado por tódolos membros do equipo docente, remitirase á inspección educativa antes do 20 de outubro, e deberá incorporarse á programación xeral anual do centro. Se algún membro estivese disconforme con el, manifestarao en escrito razoado, sen que isto exima inicialmente do seu cumprimento. A inspección educativa responderá no prazo de un mes.

Dado o carácter orientador que para o alumno/a ten o proxecto curricular, a xefatura de estudios procurará a oportuna publicidade deste.

Noveno.-Formación en centros de traballo.

9.1. A formación en centros de traballo na que se perseguirán as finalidades que se indican no artigo 2 do Decreto 239/1995, desenvolverase nun ámbito productivo e ten carácter obrigatorio en tódolos ciclos formativos e módulos profesionais. Desenvolverase procurando que o alumno complemente e aplique as competencias profesionais adquiridas no centro educativo, razón pola que, con carácter xeral, se desenvolverá como última fase de formación do alumnado.

9.2. A formación en centros de traballo, con carácter xeral, realizarase unha vez superada a formación en centros educativos, conforme se establece nos artigos 7 e seguintes da Orde do 1 de setembro de 1995.

9.3. A duración da formación en centros de traballo será, como mínimo, a que se establece no anexo II para ciclos formativos e de 200 horas, como mínimo, no caso dos módulos profesionais.

O centro proporalle á inspección educativa para a súa aprobación, se procede, cunha antelación mínima de dous meses, o seu calendario previsto, relación de empresas e titores/as nelas, relación de alumnos/as e horario de formación.

9.4. O período de formación en centros de traballo constitúe unha parte obrigatoria dos currículos dos ciclos e módulos experimentais. Consecuentemente, a súa realización non dá dereito á percepción por parte dos alumnos/as de compensación económica ningunha distinta das bolsas e axudas ó estudio de carácter xeral.

Non obstante, estes alumnos/as poderán solicitar de forma transitoria as axudas previstas para as prácticas en alternancia, e quedará a súa concesión supeditada á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

Décimo.-Exencións.

10.1. Os alumnos/as que, pola súa experiencia laboral, consideren que teñen superados os obxectivos, expresados en termos de capacidades terminais, dos módulos que segundo o respectivo real decreto sexan susceptibles de correspondencia coa práctica laboral, poderán solicitar na secretaría do centro a posible exención destes dentro dos primeiros quince días do comezo do ciclo.

Deste xeito se procederá no caso dos módulos profesionais para a área de formación en centros de traballo.

Para poder solicitar esta exención será preciso acreditar, polo menos, unha experiencia laboral de seis meses no mesmo campo profesional.

Esta acreditación consistirá nun certificado de cotización á S.S., e nun certificado de empresa no que se indiquen as funcións, actividades e tarefas desenvolvidas, así como a duración destas.

No caso de traballadores/as autónomos/as, a certificación da empresa substituirase por unha declaración do propio interesado/a acompañada de canta outra documentación de apoio á súa solicitude considere oportuna.

O titor/a do ciclo ou módulo profesional realizará un informe de cada unha das solicitudes presentadas, sobre a pertinencia ou non da exención, contrastando a documentación achegada polo solicitante coas capacidades terminais que hai acadar en cada caso.

Os informes serán remitidos á inspección educativa.

10.2. A inspección educativa poderá, se o considera procedente, ordena-la realización dunha proba, proxecto ou outro tipo de traballo individual mediante o cal o alumno/a poida demostrar que acadou os obxectivos correspondentes.

Unha vez informadas pola inspección, as solicitudes serán remitidas á Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos para a resolución que proceda. No caso de ser positiva, farase constar no expediente persoal do alumno/a.

Décimo primeiro.-Ensinanza a distancia.

11.1. O tratamento administrativo correspondente a esta modalidade educativa é o mesmo có seguido para a modalidade presencial, coa particularidade imposta polas características específicas da ensinanza a distancia, no referido ó número de alumnos/as matri

culados por grupo, o seguimento da aprendizaxe e a correspondente avaliación continua.

Co fin de que o alumno/a poida adapta-la súa formación ó seu tempo, o modelo de formación profesional a distancia posúe as seguintes peculiaridades:

-A matrícula pódese realizar na totalidade ou só en parte das áreas que configuran o módulo.

-A cualificación positiva en cada unha das áreas dá lugar á obtención de certificacións independentes. Estas só teñen validez para continuar estudios deste módulo e na mesma modalidade.

Os alumnos/as que reúnan os requisitos de acceso recollidos na Orde do 9 de xuño de 1995 (DOG do 5 de xullo), teñen a consideración de alumnos/as oficiais no centro no que se matriculen.

O alumno/a poderá matricularse nunha área dúas veces como máximo. En casos excepcionais, poderá solicitar a delegación provincial unha convocatoria de gracia.

O proxecto curricular do centro incluirá un apartado dedicado a esta oferta educativa que seguirá o mesmo tratamento cá modalidade presencial.

Como norma xeral, para poder impartir un módulo profesional determinado, a media mínima de alumnos/as matriculados nas distintas áreas, ha de ser de 20 e o número de admisión non poderá exceder de 60 en ningunha área.

Para calquera excepción da norma xeral, o director/a do centro solicitará autorización mediante un informe dirixido á delegación provincial.

11.2. O equipo docente do módulo profesional a distancia estará integrado por profesores/as que imparten o mesmo módulo en réxime presencial.

Cada un deles será o profesor-titor da área ou áreas que imparta.

O profesor-titor/a debe realiza-las seguintes funcións:

-Programar, preparar e imparti-las actividades correspondentes á súa área.

-Comunicarlles ós seus alumnos/as o día, hora e lugar de realización de todos e cada un dos encontros, titorías, probas, etc.

-Atende-las cuestións que o alumno/a presente sobre contidos propios da súa área.

-Cualifica-las actividades e probas realizadas polos alumnos/as.

-Levar un rexistro de incidencias da titoría que porá a disposición do responsable da coordinación cando este o solicite.

Un dos profesores-titores/as é responsable da coordinación do módulo e as súas funcións son:

-Orienta-lo proceso formativo.

-Canaliza-las relacións con organismos, institucións e empresas relacionadas coas ensinanzas que se van impartir.

-Manter contacto coas empresas onde se realicen as prácticas.

-Supervisa-la programación das actividades no centro.

-Establece-lo calendario e horario de actividades e titorías no centro en colaboración co xefe de estudios deste, e facelo público para coñecemento xeral do alumnado.

-Encargar, distribuír e controla-lo material para o alumnado, deseñado para esta ensinanza, así como o necesario para a realización das actividades no centro.

-Realizar un informe da documentación que o alumno puidese presentar para acredita-la súa experiencia laboral co fin de solicita-la exención do período de formación en centros de traballo.

O labor titorial adaptarase á oferta formativa na que se realiza, en función dos obxectivos, alumnado, medios e métodos.

Segundo o anterior cómpre organizar un sistema que dispoña dunha titoría individual (telefónica ou presencial) e outra colectiva de tipo presencial para a realización das actividades.

Os períodos e tipo de titoría estarán determinados polos contidos e serán reflectidos no calendario xeral do módulo. Ó remata-lo período de titoría de cada área, aplicarase a proba de avaliación final que será sempre presencial.

A atención titorial, segundo o contido de cada área, será individual (cando os contidos poidan adquirirse de modo autosuficiente) e colectiva (se os contidos precisan da realización de actividades no centro educativo).

11.2.1. Titoría individual.

O apoio titorial individual, estableceuse co fin de que o alumno/a poida consultar co titor/a da área correspondente as dúbidas que xurdan no seu proceso de aprendizaxe e seren resoltas por medio dunha chamada telefónica ou unha entrevista persoal.

Para tal efecto, o titor/a terá unha dedicación de unha hora á semana.

Ó remata-la impartición normal do módulo, haberá un período de recuperación para aqueles alumnos que non superasen a área. Neste período, que será de un mes como máximo, realizarase a proba correspondente.

11.2.2. Titoría colectiva.

Nas áreas con necesidade de asistencia presencial, o titor/a preparará as actividades que considere máis axeitadas en función dos contidos, do perfil profesional dos alumnos/as e do material dispoñible no centro.

As actividades realizaranse de modo presencial cando se considere preciso, para resolve-las cuestións presentadas polos alumnos/as, tanto sobre contidos prácticos como teóricos. O número máximo de horas por área é o especificado no anexo III.

Ó remata-la impartición da área, o titor/a avaliará ós alumnos/as apoiado polos datos de avaliación continua obtidos durante as actividades e por unha proba presencial que versará sobre contidos teóricos e prácticos.

11.3. Organización temporal do módulo.

A diferente extensión das áreas e a diversidade de contidos esixen facer un coidadoso deseño, previo á impartición do módulo no que se estructuren as diferentes variables que inciden no proceso de aprendizaxe. Para isto, o equipo educativo debe establecer un calendario xeral e outro detallado que porán á disposición do alumno/a coa antelación suficiente.

11.3.1. O calendario xeral confeccionarase para optimiza-la preparación, tanto na secuencia como na cantidade e profundidade dos contidos e ofrecerá unha visión de conxunto sobre a distribución do módulo. No seu deseño ha de terse en conta:

-Orde de impartición das áreas. En moitos casos os contidos dunha área deben ser superados para poder acceder a outra cunha base suficiente.

-Número de áreas que o alumno/a debe cursar simultaneamente.

-Grao de dificultade dos contidos. Débese intentar que o alumno/a manteña un réxime de traballo uniforme.

-Distribución das actividades e probas presenciais. O alumno/a debe asistir ó centro, como máximo, unha vez á semana.

11.3.2. O calendario detallado permitirá coñecer en cada momento as tarefas inmediatas, así como poder adiantarse ás incidencias a medio prazo. Debe estar a disposición do alumno/a cunha antelación mínima dun mes e ten que reflectir:

-Día, hora, aula e/ou teléfono de cada actividade.

-Información sobre as actividades, obxectivos, etc.

A reducción horaria para o coordinador/a, será de 6 horas á semana.

Décimo segundo.-Xustificación das accións cofinanciadas polo F.S.E.

Como a maioría das accións de renovación da formación profesional, tanto específica como de base, se están a cofinanciar con recursos do Fondo Social Europeo, debe terse en conta que o dito fondo lles esixe ós países beneficiarios a adopción das medidas necesarias para asegura-lo cumprimento e desenvolvemento dos plans cofinanciados. Neste senso debe prestarse especial atención ós sistemas de control e xestión que garantan a correcta aplicación das cantidades recibidas, así como da difusión das referidas accións.

Para unha maior simplificación do control, tódolos xustificantes dos custos imputables a estas accións, deben ser contabilizados e arquivados de maneira diferenciada ou, polo menos, estar claramente identificados.

12.1. Delimitación de gastos.

O custo anual destas accións está formado por todos aqueles gastos que interveñen directa ou indirectamente na realización delas.

12.2. Gastos de centros docentes.

Diferenciarase entre gastos directos e gastos indirectos.

12.2.1. Gastos directos.

Considéranse gastos directos os realizados en:

-Amortizacións e adecuación de espacios.

-Retribucións ó persoal docente.

-Retribucións de expertos.

-E aqueles gastos que se recollen no apartado de gastos de funcionamento e que son específicos dos módulos.

O Fondo Social Europeo non admite o gasto realizado en edificios e outras construccións. Non se pode, polo tanto, computar como tal a amortización deste inmobilizado. Si deben terse en conta os gastos en:

-Adecuación de espacios.

-Amortización de equipamento didáctico.

-Amortización de mobiliario administrativo.

12.2.2. Gastos indirectos.

Os gastos indirectos dos centros subdivídense en gastos de funcionamento e gastos de administración e xestión.

12.2.2.1. Gastos de funcionamento dos centros.

Son os que compoñen a conta de xestión de cada centro polos seguintes conceptos:

-Reparación e conservación de edificios e outras construccións.

-Reparación e conservación de maquinaria, instalacións e utensilios.

-Reparación e conservación de mobiliario e aparellos.

-Reparación e conservación de equipos de procesos de información.

-Material de oficina.

-Subministracións.

-Comunicacións.

-Axudas de custo e locomoción.

-Primas e seguros.

-Gastos diversos.

-Adquisición de equipos non incluídos nos programas centralizados e que están recollidos na Orde do 12 de xaneiro de 1988 (DOG do 21 de xaneiro).

12.2.2.2. Gastos de administración e xestión.

Este concepto refírese á función que desempeñan os compoñentes do equipo directivo como tarefa propia

do seu cargo e ó traballo que realiza o persoal non docente dos centros. Estes gastos imputaranse en proporción á dedicación que requira a actividade cofinanciada en relación co resto das accións do centro.

Polo tanto son gastos correspondentes a:

-Persoal directivo.

-Persoal non docente.

Compoñen o equipo directivo o director, secretario, xefe de estudios e, no seu caso, o vicedirector, vicesecretario e administrador.

O persoal non docente está integrado polo persoal administrativo de secretaría, subalterno, limpeza, mantemento e calquera outro adscrito ó centro.

12.3. Normas xerais para cuantifica-los gastos.

Unha vez determinados os diferentes tipos de gastos que interveñen na consecución das diferentes accións, é necesario cuantificalos. Para iso, teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Hai gastos que a súa imputación á formación destes alumnos/as é total. (Gastos en retribución de expertos, etc.).

b) Outros gastos realízanse para tódolos alumnos/as do centro ou da Administración educativa. Neste caso calcularase a parte correspondente ós alumnos implicados na formación cofinanciada. Estableceranse criterios de imputación en función do tempo e do número de alumnos/as.

c) Nos gastos referentes ó persoal, tanto docente como non docente, ha de terse en conta, ademais das retribucións brutas, as cantidades aportadas pola Administración como «empregadora» en concepto de cota empresarial por gastos sociais (contribucións á Seguridade Social, mutualidades de funcionarios, clases pasivas, etc.).

As cantidades que hai que considerar varían segundo o grupo ó que se pertenza, a antigüidade (trienios, sexenios), se se é persoal laboral ou funcionario ou se se está acollido ó réxime da Seguridade Social ou non.

d) A xustificación de gastos ha de facerse por ano natural. Nel coinciden dous cursos escolares, o que implica, xeralmente, variación no número de alumnos/as, profesores/as, horas lectivas dedicadas polo profesorado ás diferentes ensinanzas, cargos directivos e tipos de ensinanzas.

De aí a necesidade de considerar, para determinados gastos, dous períodos: un de xaneiro a setembro e outro de outubro a decembro, o que obriga a face-lo cálculo dúas veces, unha para o primeiro período e outra para o segundo.

Para os gastos de funcionamento dos centros, o cálculo realizarase para cada un dos seguintes períodos: xaneiro-marzo, abril-agosto e setembro-decembro.

e) Cumprimentarase un formulario para cada un dos gastos co obxecto de facilitar, na medida do posible, o cálculo destes.

Os formularios establecidos por gasto, que conforman o anexo I, son os seguintes:

-Formulario 1: gastos en retribucións ó persoal docente. 1A e 1B.

-Formulario 2: gastos en retribucións de expertos.

-Formulario 3: gastos directos de funcionamento dos centros.

-Formulario 4: gastos indirectos de funcionamento dos centros.

Santiago de Compostela, 21 de setembro de 1995.

Antonio Peleteiro Fernández

Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

6325