Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 191 Mércores, 04 de outubro de 1995 Páx. 7.400

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 31 de agosto de 1995 pola que se anuncia a convocatoria para a provisión dun posto de traballo no Centro de Recursos de Noia.

Producida unha vacante no Centro de Recursos de Noia procede a súa cobertura, respectando o perfil establecido para a devandita vacante no último concurso convocado, co fin de garanti-la complementariedade nas especialidades dos profesores que están á fronte dos centros de recursos en cada provincia, sobre todo para a elaboración e intercambio de material didáctico específico. En consecuencia, esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Convocar concurso de méritos para cubir un posto de traballo no Centro de Recursos de Noia, na provincia da Coruña para funcionario do corpo de mestres especialista en lingua castelá e francés.

Así mesmo cubrirase, de se-lo caso, a vacante que puidera producirse pola resolución do presente concurso. Para tal efecto, os interesados poderán relacionar na súa solicitude calquera centro de recursos da Comunidade Autónoma ó que queiran optar, en caso de resultar vacantes.

Segundo.-Poderán tomar parte no concurso os funcionarios de carreira do corpo de mestres con destino no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que conten con catro anos de experiencia docente e o requisito da especialidade da praza solicitada.

Terceiro.-Os profesores xa adscritos a centros de recursos da provincia poderán optar a cubri-la vacante, sen ter en consideración o perfil da praza indicada, perfil que se aplicará á resulta producida, dado que o obxectivo que se persigue é a complementariedade das especialidades dentro da provincia. No caso de que opten desde outra provincia distinta deberán reuni-lo requisito de especialidade da praza solicitada.

3.1. O prazo para a presentación das instancias para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, será de quince días naturais desde a publicación da presente orde e poderán presentarse no rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou nas delegacións proviciais, ou ben na forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.2. As instancias deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Certificación de habilitación expedida pola delegación provincial.

-Folla de servicios certificada e pechada na data de remate de presentación de instancias.

-Currículum vitae coas fotocopias compulsadas dos méritos alegados.

-Proxecto sobre funcións e plans de traballo anual dun centro de recursos, cun máximo de 25 folios.

Cuarto.-A selección dos aspirantes será realizada por unha comisión, que presedirá o director xeral de Persoal ou persoa en quen delegue, e da que formarán parte:

-O subdirector xeral de centros.

-O xefe do Servicio de Ordenación Educativa.

-Un inspector coordinador de centros de recursos.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderá nomear un representante para asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto.

Os membros da comisión terán dereito a percibir asistencias e axudas de custos por concorreren ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Quinto.-A comisión poderá convocar, para a celebración dunha entrevista, ós aspirantes que considere conveniente, para mellor aprecia-las circunstancias que concorren neles, e que versará acerca do proxecto presentado.

Sexto.-A comisión elevaralle ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a relación dos méritos dos concursantes, con expresión das puntuacións parciais e totais que cada un lle fosen asignadas, de aocordo co baremo explicativo no anexo I desta orden.

Sétimo.-A consellería fará pública a relación de admitidos coas puntuacións e especialidades correspondentes, que se exporá nos taboleiros da consellería e das delegacións provinciais, así como a relación de excluídos e a causa, establecendo un prazo de dez días desde a súa exposición para presenta-las reclamacións que procedan.

Oitavo.-Transcorrido o prazo de reclamación, e dentro dos cinco días seguintes, a comisión resolverá as reclamacións e proporá ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria a adxudicación de destinos que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, e pola que se entenderán notificados, para tódolos efectos, os concursantes ós que lles afecten.

Noveno.-O profesor que resulte seleccionado será nomeado en comisión de servicios ata o 31 de agosto de 1996, podendo renovarse o nomeamento, logo da avaliación do traballo desenvolvido, e axustarase ás funcións e demais requistos que para tal fin dispón a Orde do 23 de xaneiro de 1985 (DGO do 15 de febreiro), e a Ode do 30 de maio de 1994 (DOG do 9 de agosto).

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 1995.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

BAREMO

1. Experiencia docente: ata 4,5 puntos.

a) Por cada ano de servicio con nomeamento en comisión de servicios en centros de recursos: 0,5 puntos. Ata un máximo de 2,5 puntos.

b) Por cada ano de servicio activo como mestre. Non se contibilizan os anos do apartado a): 0,2 puntos, ata un máximo de 2 puntos.

2. Méritos académicos: ata 4,5 puntos.

2.1. Por titulación académica e outros estudios:

a) Por cada diplomatura ou especialidade distinta da alegada para o acceso ó corpo: 0,5 puntos.

b) Título de licenciado (sempre que non servise para ingresar no corpo de mestres): 1 punto.

c) Polo grao de doutor: 1,5 puntos.

2.2. Por titulación de galego:

a) Polo certificado de especialista en lingua galega: 1,5 puntos.

b) Polo certificado de perfeccionamento en lingua galega: 1 punto.

c) Polo certificado de iniciación en lingua galega: 0,5 puntos.

Estas puntuacións non son acumulables.

3. Cursos e actividades de formación: ata 4,5 puntos.

3.1. Por impartición de curos e labor de investigación: ata 2 puntos.

3.2. Por publicación: ata 1,5 puntos.

3.3. Por actividades de perfeccionamento: ata 1 punto.

4. Proxecto e entrevista: ata 1,5 puntos.

6288