Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Luns, 02 de outubro de 1995 Páx. 7.351

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 1995 pola que se convoca un curso básico de capacitación para policías locais dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1995, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso básico de capacitación para policías locais, segundo o provisto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos: o curso ten por obxectivos dota-los policías dunha formación teórico-práctica que complemente os coñecementos adquiridos na súa preparación das correspondentes probas de oposición, que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios: o curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron recentemente as correspondentes probas de acceso á categoría de garda da policía local dos diferentes concellos de Galicia.

Inscrición: a inscrición dos participantes será totalmente gratuíta, e deberase comunicar, antes do 20 de outubro de 1995 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas: sen límite.

Solicitudes:

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade no que soliciten a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de garda da policía local e os datos persoais das persoas incluídas na lista referidos ás probas de oposición, para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 20 de outubro.

3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: Rúa de Madrid, 2-4 Polígono das Fontiñas 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración: o curso celebrarase na sede da Academia Galega de Seguridade en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outras as seguintes materias:

-Área xurídica.

Dereito constitucional.

Dereito procesual-penal.

Dereito administrativo policial.

Dereito penal.

Dereito estatutario.

-Área humanística.

Ética e función policial.

Psicoloxía.

Técnicas asistenciais de urxencia.

Protección civil.

-Área técnica policial.

Normativa sobre seguridade vial.

Investigación de accidentes de tráfico.

Intervención e prevención policial.

Policía científica.

-Área operativa policial.

Defensa persoal policial.

Educación física.

Tiro policial.

O curso terá unha duración de seis meses, catro de formación teórica na sede da Academia Galega de Seguridade e dous de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Datas: o curso principiará o vindeiro día 3 de novembro de 1995.

O horario será de 9.30 a 20 horas.

Desenvolvemento do curso: os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia na academia rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado: para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable superar tanto a fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar tódalas materias que figuren no programa, como a fase de prácticas.

Modificacións: a Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 1995.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade