Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Luns, 02 de outubro de 1995 Páx. 7.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 25 de setembro de 1995 pola que se convocan varias actividades de formación para o persoal ó servicio da Administración autónomica de Galicia.

Conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo de modificación da anterior, anúnciase a convocatoria dos cursos e xornadas que figuran no anexo I, que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta en tódolos epígrafes que lles corresponda, a instancia e currículum segundo o modelo anexo II.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar é exclusión automática do curso e á imposibilidade de participar en ningún outro curso neste ano.

3. O prazo de presentación de instancias será o que se sinala para cada curso no anexo I.

4. A devandita documentación dirixirase á EGAP, rúa de Madrid, nº 2-4 (polígono das Fontiñas), 15703 Santiago de Compostela, e presentarase no rexistro da EGAP, das delegacións provinciais da Consellería da Presidencia e Administración Pública ou en calquera das oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ás actividades.

1. Poderá participa-lo persoal que cumpra os requisitos específicos esixidos para cada curso. Nos cursos que se celebran en distintas localidades terá preferencia o peroal dos servicios respectivos.

2. A lista dos seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios da EGAP.

Tercerira.-Certificacións de participación.

1. É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións dos cursos. Toda inasistencia a clase deberá ser xustificada debidamente polo interesado, sen supera-lo 15% das horas lectivas programadas para o curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do certificado.

2. Ós asistentes que superen as probas que determine a EGAP, outorgaráselles unha certificación de aproveitamento.

3. Para coñecemento e constancia no seu expediente, o interesado deberá facilitarlles unha copia ós servicios de persoal do seu centro directivo.

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 1995.

Jaime Rodríguez-Arana Muñoz

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

XORNADAS TÉCNICAS DE PUBLICACIÓNS

1.-Obxectivos.

A xornada ten por obxectivos afondar, respecto ós encargados de publicacións dos departamentos da Xunta de Galicia, nos aspectos xurídicos, técnicos, e comerciais do proceso de publicación.

2.-Destinatarios.

Encargados das publicacións dos departamentos da Xunta de Galicia; circunstancia que deberá acreditarse mediante certificación do xefe do centro directivo correspondiente.

3.-Criterios de selección.

Os criterios de selección que se terán en conta serán os que se fan públicos no apartado B) do anexo á Resolución do 27-6-1997 (DOG nº 149, do 3-8-1994).

4.-Desenvolvemento:

4.1.-Duración: 25 horas (1 sesión de 5 horas, 5 sesións de 4 horas).

4.2.-Lugar: EGAP.

4.3.-Horarios: normalmente de 10 a 14 horas.

4.4.-Datas: durante os meses de outubro e novembro de 1995.

4.5.-Prazas: limitadas por razón de organización.

5.-Contido básico:

As publicacións institucionais. A xestión do libro: correción, preproducción. O deseño e a maquetería. Os procesos da impresión. A distribución do libro.

6.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes remata ós 10 días contados a partir do seguinte ó da publicación da presente resolución.

CURSO DE SEGURIDADE E HIXIENE NO TRABALLO

1.-Obxectivos.

O obxectivo do curso é proporcionar uns coñecementos básicos en materia de seguridade e hixiene no traballo para persoal administrativo e auxiliar, que permitan unha mellora da capacidade técnica e humana no traballo, para evitar situacións de risco e saber facer fronte a accidente ou situacións concretas.

2.-Destinatarios.

Persoal funcionario dos grupos C e D e persoal laboral fixo da categoría IV ó servicio da Xunta de Galicia, Parlamento galego, Valedor do Pobo, Consello de Contas e das tres universidades galegas. Terá preferencia o persoal que estea traballando con ordenadores persoais, circunstancia que deberá acreditarse no momento de solicita-lo curso mediantes certificación do xefe do centro directivo de dependencia do solicitante.

3.-Criterios de selección.

Os criterios de selección que se terán en conta serán os que se fan públicos no apartado B) do anexo á Resolución do 27-6-1994 (DOG nº 149, do 3-8-1994).

4.-Desenvolvemento do curso:

4.1.-Duración: 12 horas.

4.2.-Lugares e datas: Santiago: 20 ó 23 de novembro; A Coruña: 27 ó 30 de novembro; Ferrol: 11 ó 14 de decembro.

4.3.-Horario: de 17 a 20 horas.

4.4.-Prazas: 25.

5.-Contido básico:

Introducción á saúde laboral. Ordenamento xurídico. O risco de incendio e explosión. O risco eléctrico. Riscos ambientais. Actuación sanitaria de emerxencia. Riscos no manexo de ordenadores.

6.-Prazo de presentación de instancias: o prazo de presenación de instancias remata un mes antes da data de comezo de cada curso.

CURSO DE INSPECCIÓN DE CONSUMO

1.-Obxectivos:

O obxectivo do curso é proporcionar ó persoal dos grupos A, B e C ó servicio da Xunta de Galicia que estean desempeñando inspección de consumo a preparación adecuada para desempeñar correctamente o seu cometido nas labores propias da inspección.

2.-Destinatarios:

Persoal dos grupos A, B e C ó servicio da Xunta de Galicia que estean desempeñando tarefas propias de inspección de consumo, o que deberá acreditarse mediante certificación do xefe do centro directivo correspondente.

3.-Criterios de selección.

Os criterios de selección que se terán en conta serán os que se fan públicos no apartado B) do anexo á Resolución do 27-6-1994 (DOG nº 149, do 3-8-1994).

4.-Desenvolvemento do curso:

4.1.-Duración: 100 horas.

4.2.-Lugar: EGAP.

4.3.-Datas: do 16 de outubro ó 14 de decembro.

4.4.-Horario: de 17 a 20 horas.

4.5.-Prazas: 75.

5.-Contido básico:

Os dereitos do consumidor. A inspección de consumo. Procedemento sancionador. Publicidade. Regulación de productos e servicios determinados respecto ós dereitos do consumidor.

6.-Prazo de presentación de instancias: o prazo de presentación de instancias remata 5 días antes da data de comezo do curso.

CURSO DE ELIMINACIÓN DE BARRERAS ARQUITECTÓNICAS

1.-Obxectivos.

O afondamento do problema das barreiras arquitectónicas.

2.-Destinatarios.

Arquitectos e enxeñeiros técnicos municipais, circunstancias que deberán acreditarse mediante certificación do xefe do centro directivo correspondente.

3.-Criterios de selección.

Os criterios de selección que se terán en conta serán os que se fan públicos no apartado B) do anexo á Resolución do 27-6-1994 (DOG nº 149, do 3-8-1994).

4.-Desenvolvemento:

3.1.-Duración: 16 horas.

3.2.-Lugar: EGAP.

3.3.-Datas: 9 e 10 de novembro de 1995.

3.4.-Horarios: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

3.5.-Prazas: 60.

5.-Contido básico:

-Mobilidade reducida e accesibilidade.

-Barreiras arquitectónicas.

-Normativa.

6.-Prazo presentación instancias: o prazo de presentación de instancias remata 15 días naturais antes da data de comezo do curso.