Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Luns, 25 de setembro de 1995 Páx. 7.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Frigodis, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Frigodis, S.A., situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-7-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data do 18-7-1995, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente

nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, 21 de xullo de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo de Frigodis, S.A. 1995

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo establece as bases para as relacións laborais entre a empresa Frigodis, S.A. e os seus traballadores adscritos ós centros de traballo seguintes:

Sede central (r/ Jacinto Benavente-Vigo).

Cámara Vigo (r/ Jacinto Benavente-Vigo).

Centro de distribución (O Porriño).

Cámara de O Porriño.

Cámara de Chapela.

Reparto dentro da provincia de Pontevedra.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

O presente convenio colectivo comprende a todo o cadro de persoal nas súas distintas categorías profesionais existentes no momento da sinatura, nos centros de traballo aludidos no artigo anterior, así como os que posteriormente se incorporen ós respectivos cadros de persoal.

Exclúese o persoal de descarga de buques.

Artigo 3º.-Vixencia.

O convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1995 e cun período de vixencia ata o 31 de decembro do mesmo ano, prorrogable por un ano máis, salvo acordo noutro sentido.

Artigo 4º.-Determinación das partes que o concertan.

As partes asinantes deste convenio foron, pola parte empresarial, Fernando Ilarri Junquera, e Josefa Vilaboa, e pola parte social, os membros do comité de empresa abaixo asinantes.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

A empresa respectará as condicións máis beneficiosas de que viña desfrutando o persoal, incorporadas no seu contrato individual.

O conxunto das condicións pactadas neste convenio absorberá e compensará aquelas melloras que se puidesen establecer polas disposicións legais vixentes en cada momento.

Tódalas condicións económicas establecidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas e son as que figuran nas táboas salariais anexas.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e vixilancia das condicións xerais pactadas neste convenio crearase unha comisión paritaria composta por:

Parte social: o presidente do comité de empresa, secretario do comité de empresa e un representante de cada un dos sindicatos.

Parte empresarial: cinco membros designados pola empresa.

En caso de que existan discrepancias entre as partes e non logre chegarse a un acordo, someteranse á xurisdicción laboral competente.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente en cómputo anual.

No suposto de que a autoridade ou xurisdicción competente, no exercicio das súas facultades, non aprobase ou modificase algunha das súas cláusulas, as partes deberanse reunir para revisa-lo convenio.

Organización do traballo

Artigo 8º.-Principios xerais.

A organización práctica do traballo, respectando a lexislación vixente en cada momento, é facultade da dirección da empresa e, por delegación, dos seus mandos ou representantes legais.

Todo isto sen mingua das funcións de información que as mesmas disposicións legais atribúan ós representantes dos traballadores, comité de empresa e seccións sindicais, se é o caso.

É política común dos traballadores e da dirección o mantemento de actitudes de información, diálogo e negociación que conduzan a esquemas participativos.

A empresa manterá e fomentará a formación e promoción profesional dos seus traballadores. Anualmente comunicaráselle ó comité de empresa o plan de formación.

Artigo 9º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio da empresa, incluído no ámbito de aplicación deste convenio, queda encadrado nalgún dos seguintes grupos profesionais:

I. Persoal técnico.

II. Persoal administrativo.

III. Persoal obreiro e actividades auxiliares.

Artigo 10º.-Definición de grupos profesionais.

I. Técnicos: clasifícanse neste grupo os que realizan traballos que esixan, con titulación ou sen ela, unha adecuada competencia ou práctica, exercendo funcións de tipo facultativo, técnico ou dirección especializada.

O dito grupo, pola súa vez, clasifícase nos seguintes subgrupos:

1. Técnicos con título superior.

2. Técnicos con título non superior.

3. Técnicos non titulados.

II. Administrativos: neste concepto quedan comprendidos os que realicen traballos de mecánica administrativa, contable e outros análogos non comprendidos no grupo anterior.

III. Obreiros e actividades auxiliares: inclúe este grupo o persoal que execute fundamentalmente traballo de índole material ou mecánica e engloba o persoal de reparto, cámaras e oficios varios, así como o persoal subalterno.

Artigo 11º.-Regulación.

Os contratos de persoal, calquera que sexa a súa modalidade, adaptaranse ás formas e condicións establecidas polas disposicións legais vixentes.

Artigo 12º.-Contratos en prácticas e de aprendizaxe.

A empresa poderá contratar traballadores en prácticas e aprendices, de acordo coas disposicións legais vixentes.

No caso dos aprendices, a súa retribución será non inferior ó 80, 90 e 100% do salario base durante, respectivamente, o primeiro, segundo e terceiro ano de vixencia do contrato.

Artigo 13º.-Vacantes e postos de nova creación.

Na creación de novos postos de traballo na provisión de vacantes, cando se requira persoal de novo ingreso, a empresa terá en conta, en primeiro lugar os traballadores que no momento de iniciarse a selección conten con contratos a tempo parcial; en segundo lugar as peticións dos fillos ou fillas de traballadores en activo, falecidos, xubilados ou pensionistas, de tódalas empresas do grupo Pescanova, S.A., concedéndolle-lo emprego en todo caso se superan as probas de aptitude que corresponda. Para postos de certa responsabilidade que precise a empresa, será necesario que as súas condicións e coñecementos non sexan inferiores ós doutros candidatos.

A empresa está obrigada a informar ó comité de empresa das vacantes producidas e postos de nova creación. Así mesmo, daráselle difusión nos taboleiros de anuncios.

Artigo 14º.-Período de proba.

O persoal de novo ingreso terá carácter provisional durante un período de proba variable, segundo a índole do labor que realice, conforme a seguinte escala:

Técnicos titulados: seis meses.

Titulados grao Sup., Contr. prácticas: dous meses.

Titulados grao Med., Contr. prácticas: un mes.

Contratos de aprendizaxe: un mes.

Resto do persoal: un mes.

Durante os períodos que se sinalan, tanto o traballador como a empresa poderán desistir da proba ou proceder á rescisión do contrato, sen previo aviso nin dereito a indemnización. Será nulo o pacto que estableza un período de proba cando o traballador desempeñase xa as mesmas funcións con anterioridade na empresa, e dentro da mesma categoría profesional, baixo calquera modalidade de contratación.

O traballador desfrutará, durante o período de proba, da retribución que corresponda á categoría profesional do traballo no que se clasificase. O período de proba será computado para efectos de antigüidade.

Superado o período de proba, o traballador pasará a integrarse na empresa, coa categoría que corresponda en cada caso.

Artigo 15º.-Postos especiais.

E empresa procurará emprega-lo persoal con capacidade física ou intelectual diminuída pola idade ou outros inconvenientes ocorridos antes da súa xubilación en destinos adecuados ás súas condicións reais, en caso de que existan estes postos. Igual criterio se seguirá con quen se encontre na situación de invalidez permanente parcial para a súa profesión habitual.

Artigo 16º.-Postos ou áreas de traballo.

Enténdese por postos ou áreas de traballo o conxunto de funcións, deberes, atribucións e responsabilidades asignadas a un ou máis traballadores. Os postos de traballo forman a unidade básica organizativa de cada centro de traballo. Cada posto clasificarase no grupo profesional que proceda.

Artigo 17º.-Execución do traballo.

Cada traballador deberá desempeñar basicamente as funcións propias do seu posto de traballo.

Non obstante, se as ditas funcións non ocupasen plenamente a súa xornada laboral, os traballadores realizarán os traballos que se lle asignen, sempre de acordo coa súa experiencia, formación e clasificación profesional.

É deber básico do traballador cumprir coas obrigas completas do seu traballo, de conformidade coas regras de boa fe e dilixencia, así como observa-las medidas de seguridade e hixiene e os procedementos de calidade que se adopten.

Artigo 18º.-Mobilidade funcional.

Regularase polo disposto no artigo 39 do Estatuto dos traballadores.

Cando se produzan cambios de centro de traballo dentro de Frigodis, S.A. e isto significase para o traballador un incremento de gastos, debidamente acreditado, a empresa deberao de compensar por iso. Igual criterio se seguirá cando se produza unha modificación de horario, salvo que estea previsto ou pactado no contrato individual.

Artigo 19º.-Incorporación a outras empresas do grupo.

Os traballadores da empresa Frigodis, S.A. poderán ser destinados a outras empresas do mesmo grupo de empresas, cando existan razóns organizativas, técnicas e productivas que o xustifiquen, sempre que se respecten os límites da mobilidade funcional e o traslado non implique cambio de domicilio.

A decisión de incorporación á nova empresa deberáselle comunicar ós afectados e ó comité de empresa cunha anticipación de 30 días naturais, salvo acordo noutro sentido.

Os traballadores afectados por esta decisión incorporaranse ó cadro de persoal da empresa do novo destino, conservando a súa categoría profesional, antigüidade e salario anual, a excepción dos complementos vinculados ó posto de traballo.

Se a incorporación prevista neste artigo significase para o traballador un incemento dos seus gastos, debidamente acreditado, a empresa deberao compensar.

Artigo 20º.-Excedencias.

Terá dereito á situación de excedencia todo o persoal afectado polo presente convenio, de acordo coas normas reguladas no Estatuto dos traballadores.

Xornada, vacacións e licencias

Artigo 21º.-Xornada anual e horario.

A xornada de traballo será de 1.749 horas de traballo efectivo ó ano. Para tal efecto non se computarán como tempo efectivo de traballo os descansos obrigatorios ou pactados.

O tempo de traballo computarase ó inicio e ó final da xornada no posto de traballo.

A xornada anual desenvolverase nos horarios seguintes:

-Centros do Porriño, Chapela e Vigo.

* De 6 a 14 horas.

* De 8 a 16 horas.

* De 8 a 14 e de 15 a 17 horas.

* De 10.30 a 15 e de 17 a 20.30 horas.

* De 14 a 22 horas.

* De 18 a 2 horas.

* De 22 a 6 horas.

* De 24 a 8 horas.

* De 6.45 a 14.45 horas.

Todos eles de luns a venres.

-Sala de máquinas.

* De 7 a 14 horas.

* De 14 a 22 horas.

* De 22 a 7 horas.

-Oficinas primeira quenda.

* De 8 a 15 horas de luns a venres e de 8 a 13 os sábados.

-Oficinas segunda quenda.

* De 8 a 13.30 e de 14.15 a 16.45 horas, de luns a venres.

A xornada intensiva de verán para o persoal de oficinas estenderase desde o 12/6 ó 16/9 para o ano 1995. Estableceranse as quendas para cubir-las necesidades do servicio, fóra do horario fixado.

O horario de traballo, como consecuencia das necesidades do servicio, adaptarase de acordo cos cambios organizativos de cada momento. Previamente a isto, informaráselle ó comité e comunicaránselle as razóns xustificativas.

A comunicación individual destes cambios efectuarase con 30 días de anticipación, salvo pacto noutro sentido.

Os traballadores retribuídos polo sistema de tarefa non se rexerán por este réxime xeral de xornada.

Nas cámaras que teñan que estar a -18 C ou menos cunha oscilación de máis ou menos 3, a permanencia no interior delas será de 6 horas.

Cada 45 min. de traballo ininterrompido no interior das cámaras, ou entrando ou saíndo continuamente (carretilleiros), concederáselle un descanso de recuparación de 15 min.

Completarán a xornada normal en traballos a realizar no exterior das cámaras.

Artigo 22ºº.-Horas extraordinarias.

É firme vontade de ámbalas partes a reducción ó mínimo de horas extraordinarias.

Para o suposto de que fose necesaria a súa realización, retribuiranse segundo o valor de unha hora ordinaria incrementada nun 75%.

Non se terán en conta, para efectos da duración máxima da xornada ordinaria laboral, nin para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes ou por causa de forza maior, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratasen de horas extraordinarias.

Consideraranse horas extraordinarias estructurais as realizadas nos seguintes casos:

-Incidencias nas quendas de traballo provocadas por licencias retribuídas ou I.T.

-Ausencia imprevista do relevo no traballo por quendas.

-Reparacións perentorias.

-Peches de exercicio contable e confección de orzamentos.

-Períodos punta de reparto.

Artigo 23º.-Vacacións.

Todo o persoal afectado polo presente convenio terá trinta días naturais de vacacións, aboándose estas coa retribución do salario da táboa anexa máis antigüidade.

No ano de comezo da relación laboral, o persoal de novo ingreso desfrutará dentro do mesmo a parte proporcional que corresponda segundo o número de meses traballados durante o ano, computándose para estes efectos a fracción de mes como mes completo.

As vacacións desfrutaranse de acordo coas datas solicitadas polo traballador, adaptándose ás necesidades do servicio. En cada servicio confeccionarase un plan de vacacións.

Cando por falta de acordo entre os traballadores sexa preciso establecer unha orde, esta determinarase por sorteo; ó ano seguinte os desfavorecidos no sorteo terán prioridade.

As vacacións non comezarán no día festivo ou véspera, salvo petición do interesado.

Se durante o desfrute das vacacións o traballador xustificase ter sufrido internamento clínico, non se computarán para efectos de vacacións os días que durase o dito internamento.

Neste suposto, os días de vacacións pendentes desfrutaranse cando as necesidades do servicio o permitan.

Anualmente elaborarase un calendario laboral que comprenderá o período de vacacións.

Artigo 24º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado polo presente convenio terá dereito a solicitar licencias retribuídas nos seguintes casos:

a) Matrimonio: 15 días naturais.

b) Parto da esposa: 3 días naturais.

c) Enfermidade con internamento ou intervención cirúrxica, tamén con internamento do cónxuxe, pais, fillos: cinco días naturais. Pais políticos: tres días naturais. (Deben presentar certificado médico).

d) Falecemento do cónxuxe, pais, fillos e irmáns: 3 días retribuídos e 2 sen retribuír, se residen na provincia de Pontevedra; 4 días retribuídos e 1 sen retribuír, se é no resto de Galicia e 5 días retribuídos no resto de España.

e) Falecemento de avós, netos e pais políticos: 2 días.

f) Falecemento de irmáns políticos, avós políticos: 2 días, tios e tías políticos: 1 día.

g) Por invervención cirúrxica, sen internamento ou recoñecemento médico de pais, cónxuxe e fillos: 1 día.

h) Por cambio de domicilio: 1 día.

i) Cando haxa que acudir a probas ou recoñecementos médicos en centros sanitarios, con xustificante médico: 1 día.

Nos casos en que se teña que acompaña-lo cónxuxe e fillos a recoñecemento médico a Santiago de Compostela por enfermidade: 1 día, a Madrid ou outras cidades fóra da rexión: 3 días, e cando esta saída fose a Madrid a consecuencia de operación ou intervención cirúrxica con internamento: 5 días, acreditándose, en todo caso, con certificado médico.

Consulta médica: tres horas e se esta consulta médica se realiza en Moaña, Pontevedra, Ponteareas, Salvaterra, Salceda, Domaio ou Cangas, o tempo total da consulta, así como o tempo de desprazamento de regreso, debidamente acreditados. Igual criterio se seguirá con respecto ó persoal destinado no Porriño que teña que se desprazar a Vigo.

Concédenselle-los mesmos dereitos á compañeira/o que á esposa/o.

Tódolos días indicados anteriormente considéranse días naturais.

Réxime económico

Artigo 25º.-Crecemento salarial.

A partir do primeiro de xaneiro de 1995 rexerán para tódolos efectos os salarios que figuran na táboa anexa ó convenio, na que se inclúen tódolos conceptos salariais, pluses e demais e que supuxo un incremento do 5%.

Artigo 26º.-Principios xerais sobre retribución.

Tódolos conceptos salariais que figuran no presente convenio teñen a consideración de retribucións brutas, e sobre elas efectuaranse as correspondentes deduccións por seguridade social, IRPF e calquera outra que puidera corresponder por aplicación legal.

Artigo 27º.-Conceptos retributivos.

Salario base.

Plus convenio.

Plus de asistencia.

Plus de distancia.

Plus de noite.

Antigüidade.

Plus de traballos penosos, insalubres, perigosos.

Bolsa de vacacións.

Axudas de custo.

Pagas extraordinarias.

Salario base: salario por unidade de tempo ou de obra: o determinado no convenio ou no contrato e figura na táboa salarial.

Complementos salariais.

Plus convenio: salario de cualificación por categoría profesional e é o que consta na táboa salarial.

Plus de asistencia: está en relación cos días de asistencia ó traballo e é o que consta na táboa salarial.

Plus de distancia: todo o persoal afectado por este convenio percibirá, en concepto de plus de distancia, a cantidade que figura na táboa anexa.

Plus de traballos penosos, molestos, insalubres e perigosos: a todo o persoal que polas súas condicións de traballo se lles recoñeza actualmente unha prima polos ditos traballos seguiráselle recoñecendo este dereito na contía que figura na táboa salarial anexa. Os ditos traballos pagaranse proporcionalmente ó tempo traballado.

Os demais traballadores que eventualmente teñan que realizar traballos desta natureza percibirán un plus do 20% do salario base, en proporción ó tempo traballado nestas condicións.

O persoal que traballe no interior das cámaras frigoríficas cobrará un plus equivalente ó 25% do salario base.

O persoal que realice o seu traballo a temperaturas entre 0 e 10 C cobrará un plus equivalente ó 10% do salario base.

Plus de noite: regularase de acordo co artigo 36 do Estatuto dos traballadores. En canto á súa retribución, será un plus do 25% do salario base.

Bolsa de vacacións: recoñéceselle a todo o persoal afectado polo convenio unha bolsa de vacacións de 40.000 ptas. que se fará efectiva coa paga de xullo.

Axudas de custo: a empresa aboará a cada un dos traballadores procedentes de Sofitransa que viñan desfrutando de axuda de comida a cantidade de 565 ptas. por día efectivo de traballo, sempre que non perciban axudas de custo.

Para o persoal de reparto esta axuda será de 1.325 ptas.

Cando por necesidades da actividade da empresa se considere precisa a continuidade da xornada laboral habitual de traballo en tres horas ou máis, a empresa facilitará unha axuda de custo de 1.600 ptas., que comprende 1.325 ptas. en concepto de axuda de comida e 275 ptas. como compensación por gastos de transporte urbano.

Pagas extraordinarias: todo o persoal afectado por este convenio desfrutará de catro pagas extraordinarias aboadas a razón de unha mensualidade composta por salario base, plus convenio, plus de distancia, plus de traballos especiais e plus de traballos penosos,

máis antigüidade, como se vén facendo ata a data. As ditas pagas corresponden a:

a) O día 15 de marzo.

b) O día 15 de xullo.

c) O día 15 de outubro.

d) O día 15 de decembro.

As ditas pagas faranse efectivas o día laboral inmediatamente anterior á data sinalada neste artigo.

As pagas correspondentes ós días 15 de xullo e 15 de decembro serán aboadas por semestres. A paga correspondente ó 15 de marzo, para o persoal que ingrese durante o ano, farase efectiva o día 31 de decembro, aboándoselle na súa parte proporcional. A paga correspondente ó 15 de outubro seguirase devengando de acordo coa normativa da empresa, de considerala como paga de asistencia ó traballo e proporcionalmente ó tempo traballado, tendo tal consideración a situación de incapacidade temporal derivada de accidente laboral, maternidade e cando se produza a consecuencia de intervención cirúrxica ou de hospitalización.

Antigüidade: tódolos traballadores afectados por este convenio, cunha antigüidade anterior a 1.985, desfrutarán de bienios ó 5% do salario mínimo interprofesional, ata o máximo de 16 bienios, segundo o cálculo seguinte:

a) Bienios cumpridos ata o 1-11-1985, calculados a razón do 5% do salario mínimo interprofesional de 37.170 ptas.

b) Bienios a cumprir a partir do 1-1-1985, calculados a razón do 5% do salario mínimo inteprofesional vixente no momento de cumprir tal bienio.

A cantidade resultante de suma-lo calculado nos apartados a) e b) configurará o importe da antigüidade adquirida.

Todo o persoal con antigüidade na empresa posterior ó 1.11.1985 terá trienios ó 5%.

A antigüidade computarase desde o 1 de xaneiro do ano en que se cumpra.

Os traballadores afectados por este convenio procedentes de Sofitransa desfrutarán de aumentos por anos de servicio, como premio á súa vinculación á empresa. A aplicación desta norma regularase do xeito seguinte:

-Primeiro trienio ó 10%.

-Restantes ó 5% ata un máximo do 75%.

O importe de cada trienio calcularase tomando como base a táboa de cálculo de antigüidade anexa, a cal se incrementará cada ano no mesmo índice de incremento do IPC.

Os aumentos por anos de servicio comezaranse a devengar a partir do día 1 do mes en que se cumpre cada trienio.

A antigüidade calcularase como salario para tódolos efectos.

Beneficios sociais

Artigo 28º.-Idade de xubilación.

Queda establecida a xubilación con carácter obrigatorio ós 65 anos de idade, para todo o persoal da empresa.

Ó producirse a xubilación conforme o disposto no parágrafo anterior, recoñeceráselle ó traballador un premio segundo a seguinte escala:

a) traballadores cunha antigüidade de 30 anos: tres mensualidades.

b) traballadores cunha antigüidade de 20 anos: dúas mensualidades.

c) traballadores cunha antigüidade de 15 anos: unha mensualidade.

Se a xubilación se anticipa á idade de 65 anos gratificarase con quince días máis por ano de anticipación.

Artigo 29º.-Seguro.

Con independencia das indemnizacións obrigatorias da Seguridade Social, a empresa mediante a concertación de póliza de cobertura cunha entidade aseguradora garantiralles ós seus traballadores ou, se é o caso, ós seus herdeiros, e nos supostos que se especifican, as seguintes indemnizacións, cubrindo a póliza as 24 horas do día:

1.1. Por accidente non laboral.

1.1.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador, ou no seu defecto a persoa que el mesmo asignase, percibirán a cantidade de seis millóns setecentas trinta mil seiscentas corenta e nove pesetas.

1.1.2. Invalidez permanente total ou invalidez absoluta do traballador e gran invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de seis millóns setecentas trinta mil seiscentas corenta e nove pesetas para os primeiros casos, trece millóns catrocentas sesenta e unha mi duascentas noventa e sete pesetas para os segundos e vinteseis millóns novecentas vintedúas mil cincocentas noventa e catro pesetas para os terceiros.

1.2. Por accidente laboral.

1.2.1. Morte do traballador.

Os herdeiros do traballador ou, no seu defecto, a persoa que el mesmo designase, percibirán a cantidade de seis millóns setecentas trinta mil seiscentas corenta e nove pesetas.

1.2.2. Invalidez permanente total, invalidez permanente absoluta e gran invalidez.

O traballador percibirá a cantidade de seis millóns setecentas trinta mil seiscentas corenta e nove pesetas para os primeiros casos, trece millóns catrocentas sesenta e unha mil duascentas noventa e sete pesetas para os segundos e vinteseis millóns novecentas vintedúas mil cincocentas noventa e catro pesetas para os terceiros.

Entenderase por invalidez permanente total a incapacidade que inhabilite o traballador, de modo permanente, para realizar todas ou as fundamentais tarefas da súa profesión habitual, aínda que se poida dedicar a outra distinta.

Entenderase por invalidez permanente absoluta a incapacidade que inhabilite o traballador de modo permanente para toda profesión ou oficio.

Entenderase por gran invalidez a situación do traballador para efectos de incapacidade permanente absoluta e que por consecuencia de perdas anatómicas ou funcionais precise a asistencia doutra persoa para realiza-los actos máis esenciais da vida, como son vestirse, desprazarse, comer ou análogos.

As condicións quedan establecidas na póliza de seguros, da que se lle entregará copia oficial ó comité de empresa.

Artigo 30º.-Complemento I.T.

Cando o persoal da empresa sufra un accidente de traballo terá un complento de ata o 100% do salario como se estivese traballando.

Para suposto de incapacidade como consecuencia de enfermidade, a empresa aboará o 100%, condicionado a que no mes anterior á súa baixa o absentismo da empresa non supere o 5% do total de traballadores, no téndose en conta as horas que utilicen os cargos sindicais para o desempeño das súas funcións para efectos do referido cálculo, continuando o resto do persoal da empresa percibíndoo como ata a data.

Artigo 31º.-Tenda de peixe.

Todo o persoal pertencente ó cadro de Frigodis, S.A., ou pensionistas dela, terá dereito á adquisición de productos comercializados por Pescanova, na tenda establecida para o efecto, nas condicións de pagamento seguintes:

A) Pagamento crédito.

1. Productos elaborados/precociñados/vexetais, prezo de lista oficial de Pescanova, cun desconto do 5%.

2. Marisco: prezo de lista oficial de Pescanova, cun desconto de 20 ptas./kg.

3. Peixe enteiro/filetes/granel: prezo de lista oficial de Pescanova.

Sobre os prezos anteriores incrementarase o IVE do 6% sobre prezo de lista.

B) Pagamento de contado.

1. Productos elaborados/precociñados/vexetais, prezo de lista oficial de Pescanova, cun desconto do 7,5%.

2. Marisco: prezo de lista oficial de Pescanova, cun desconto de 30 ptas./kg.

3. Peixe enteiro/filete/granel: prezo de lista oficial de Pescanova, cun desconto de 3 ptas./kg.

Sobre os prezos anteriores incrementarase o IVE do 6% sobre prezo de lista.

Cando a empresa faga unha promoción dos seus productos nas grandes áreas de alimentación da zona, esta farase igualmente na tenda da factoría.

Dentro de cada mes natural, cada empregado ten un tope de compras equivalente a unha mensualidade do seu salario (a crédito ou de contado).

Seguridade e saúde laboral

Artigo 32º.-Principio xeral.

As partes asinantes do presente convenio comprométense a adopta-las medidas necesarias para asegura-la eficaz prevención dos riscos para a saúde e integridade física dos traballadores, actuando sobre os métodos e as condicións de traballo, así como sobre a actitude das persoas.

Artigo 33º.-Recoñecementos médicos.

Será obrigatoria a realización dun recoñecemento médico, con carácter previo á incorporación ó traballo, que será efectuado polo servicio médico da empresa ou por unha entidade coa que se concerte tal prestación.

Anualmente, e en todo caso sempre que así proceda, efectuarase un recoñecemento médico a tódolos traballadores.

A empresa, a través do seu servico médico ou por entidades especializadas, poderá comproba-lo estado de saúde dos traballadores en situación de I.T., respectando en todo caso o dereito á intimidade persoal.

Artigo 34º.-Roupa e medios de protección pesoal.

A empresa proporcionaralles ós traballadores os medios e roupa de protección persoal que resulten esixibles para cada situación de risco.

Artigo 35º.-Vestiario.

Polas circunstancias do traballo, será preciso que certo persoal utilice vestiarios adecuados ó traballo que efectúa. En tal caso, a empresa proverá o vestiario correspondente. A definición de tal vestiario e a súa calidade, así como os prazos de entrega, será consecuencia das disposicións vixentes, dos requirimentos especiais de traballo e do estudio técnico-sanitario do mesmo, oído o comité de seguridade e hixiene da empresa. O vestiario renovarase cando sexa preciso.

Dereitos sindicais

Artigo 36º.-Garantías sindicais.

A empresa garantirá o correcto exercicio de tódolos dereitos dos representantes legais dos traballadores

recoñecidos no Estatuto dos traballadores, texto refundido (R.D. lei 1/1995, do 24 de marzo).

Non serán contabilizadas no cómputo de horas sindicais as destinadas a reunións coa empresa.

O crédito horario poderase acumular en un ou varios traballadores trimestralmente, logo de aviso e negociación coa empresa.

O crédito horario non se computará para efectos de cálculo do índice de absentismo.

Infraccións e sancións

Artigo 37º.-Facultade disciplinaria.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación de faltas e sancións establecidas no presente capítulo.

Artigo 38.-Graduación de faltas.

As faltas cometidas polo traballador serán cualificadas segundo a súa importancia, transcendencia e intención en leves, graves e moi graves.

Artigo 39º.-Faltas leves.

Consideraranse falas leves as accións ou omisións seguintes:

a) Ata tres faltas de puntualidade en trinta días, na asistencia ó traballo, con retraso superior a dez minutos e inferior a trinta no horario de entrada.

b) Faltar ó traballo un día sen xustificación.

c) Non cursar en tempo oportuno o documento correspondente, cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de telo efectuado.

d) Non lle comunicar á dirección da empresa a residencia e domicilio, así como os cambios neles.

e) As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da compañía. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderase considerar falta grave ou moi grave.

f) Pequenos descoidos na conservación do material e utensilios.

g) O abandono do posto de traballo sen causa xustificada e sen notificación ó inmediato superior, aínda cando sexa por breve tempo. Se o dito abandono implicase risco de prexuízo de consideración á empresa ou de accidente ou constituíse un quebrando da disciplina, poderá ser considerada a falta como grave ou moi grave.

h) Non asisir ós recoñecementos médicos anuais, ou a aqueles outros para os que fose requirido polo servicio médico como consecuencia de procesos de incapacidade temporal.

Artigo 40º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves as accións ou omisións seguintes:

a) Máis de tres faltas inxustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, superiores a dez minutos e inferiores a trinta, durante un período de trinta días.

b) Ausencia ou retrasos superiores a trinta minutos, sen causa xustificada, por dous días durante un período de trinta.

c) Faltar ó traballo dous días nun período de trinta sen xustificación.

d) Non comunicar, coa puntualidade debida, os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social, á Facenda Pública ou teren calquera repercusión económica. A falta maliciosa nestes datos considerarase como falta moi grave.

e) Entregarse a xogos, distraccións ou dormir durante a xornada de traballo. Se a falta se cometese nun posto de responsabilidade poderase cualificar como moi grave.

f) A simulación de enfermidade ou accidente.

g) A desobediencia ós superiores en materia de traballo. Se implicase quebranto da disciplina ou deles se derivase prexuízo notorio para a empresa, poderase cualificar como falta moi grave.

h) Simula-la presencia doutro traballador, asinar ou fichar por el.

i) A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a súa boa marcha.

j) A imprudencia no traballo. Se implicase risco de accidente para as persoas ou as instalacións, poderase cualificar como moi grave.

k) Realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares durante a xornada, así como empregar para usos propios ferramentas ou materiais da empresa.

l) A embriaguez ou toxicomanía ocasional durante o traballo. Se disto se derivase perigo para as persoas ou instalacións, poderase cualificar de falta moi grave.

m) A reincidencia en faltas leves, excluída a de puntualidade, aínda que sexa de distinta natureza, dentro dos tres meses seguintes á sanción anterior.

Artigo 41º.-Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves as accións ou omisións seguintes:

a) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade, superior a dez minutos, cometidas nun período de seis meses ou vinte durante un ano.

b) Faltar tres días ó traballo, durante un período de sesenta días, sen causa que o xustifique.

c) A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa como ós seus traballadores ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa.

d) Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar desperfectos en materias primas, vehículos, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, obxectos, vestiarios, documentos ou calquera outra propiedade da compañía.

e) A embriaguez habitual ou toxicomanía durante o traballo.

f) Viola-lo segredo de correspondencia ou de documentos reservados ou revelar datos de reserva obrigada.

g) Os maos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou faltas graves de respecto ou consideración ós superiores, compañeiros, subordinados e ós seus familiares, así como a persoas alleas á empresa con ocasión da actividade laboral.

h) Causar accidente grave por neglixencia ou imprudencia.

i) Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

j) A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal do traballo.

k) Orixinar frecuentes liortas e pendencias cos compañeiros de traballo.

l) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos doce meses seguintes de ter sido sancionado pola anterior.

m) O abuso de autoridade por parte dos superiores será sempre considerado falta moi grave. O que o sufra poderao pór directamente en coñecemento da dirección ou do comité de empresa.

n) Ordenar expresamente a realización de traballos ou tarefas en forma tal que implique a vulneración dos procedementos escritos con risco grave para as persoas ou instalacións.

ñ) Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas.

Artigo 42º.-Sancións.

As sancións que poderá impoñe-la dirección, atendendo á gravidade da falta e segundo as circunstancias que concorran en cada caso, serán as seguintes:

Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo por tempo non superior a dous días.

Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo por tempo non superior a vinte días.

Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo por tempo no superior a 60 días.

-Despedimento disciplinario nos supostos en que a falta se cualifique en grao máximo.

Artigo 43º.-Procedemento.

1. A sanción de faltas requirirá a comunicación escrita e motivada ó traballador.

2. A sanción de faltas moi graves requirirá a instrucción previa dun procedemento contradictorio sumario, con audiencia do traballador afectado e do comité de empresa, tendo este último quince días naturais para emitir informe previo á imposición da sanción.

3. Durante a substanciación do expediente disciplinario aludido no apartado anterior, a dirección da empresa poderá acorda-la medida cautelar de suspensión de emprego.

4. A dirección da empresa informaralle ó comité de empresa sobre as sancións impostas por faltas graves ou moi graves.

5. Cando o traballador estea afiliado a un sindicato, informarase ou oirase o delegado sindical nos casos e nos procedementos previstos nos puntos 2 e 4 do presente artigo.

6. Tratándose de delegado sindical ou membro do comité de empresa/delegado de persoal, aplicarase o disposto no artigo 68 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 44º.-Prescrición.

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días, contados a partir da data en que a dirección da empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Asínase en Chapela o 18 de xullo de 1995.

Pola empresaPolo comité

RubricadoRubricado

TÁBOA SALARIAL 1995

Salario basePlus

Asistenc.

Plus

convenio

Plus

distancia

Traballos

penosos

Total mesTotal ano

1. Titulados
Superior e asimilados69.4940108.57200178.0662.848.957
Superior en prácticas69.4940 55.45600122.3091.956.944
Medio en prácticas69.4940 35.50600105.0001.690.000

2. Administrativos
Xefe de 1ª69.4947.298 79.527 9.7610166.0802.628.083
Xefe de 2ª69.4946.983 60.390 8.9650145.8322.305.380
Oficial 1ª69.4945.329 48.75210.7530134.3282.127.926
Oficial 2ª69.4944.778 41.886 7.3440123.5021.956.906
Auxiliar Admón.69.4943.724 21.561 8.9650103.7441.645.008
Auxiliar entrada69.4942.753 10.173 8.9650 91.3861.451.164

3. Profesionais de oficio e persoal obreiro
Encargado maior69.4946.458 48.49417.70913.900156.0552.471.048
Xefe de equipo69.4946.653 23.809 8.52013.900122.3761.927.716
Especialista69.4946.326 12.938 8.28113.900110.9391.749.720
Mozo de cámaras69.4946.326 10.799 8.62413.900103.9461.700.196
Operaria69.4946.851 11.998 7.565 2.831(1) 98.7391.552.420
Operario69.4940 17.920 9.36813.900110.6821.770.912
Encargado peirao69.4940 29.862 9.36813.900122.6241.961.984
Mozo picking69.4943.071 3.030 4.50913.900 94.0041.491.780

Persoal de reparto
Repartidor69.4944.331 1.320 5.9770 81.1221.280.628

Persoal procedente de Sofitransa
Cálculo
(2)antigüidade

Maquinista113.343 0 18.00812.4071.679.137143.7582.265.490
Axte. maquinista102.062 0 22.01112.4071.510.897136.4802.046.009
Capataz106.809 0 16.25512.4071.581.343135.4712.165.938
Peón especialista93.8540 11.91012.4071.391.887117.8711.789.874
Operaria79.0170 10.84812.4071.159.746102.2711.543.319

(1) Traballos especiais

(2) Plus transporte

9505369