Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 176 Mércores, 13 de setembro de 1995 Páx. 6.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 1995 pola que se convocan dúas bolsas de investigación sobre patrimonio sonoro galego.

O Consello da Cultura Galega, considerando a importancia que ten para o mundo da cultura a organización e difusión selectiva das fontes sonoras existentes no noso país e a preparación de materiais específicos que no mundo do ensino contribúan a un mellor coñecemento da nosa realidade lingüística,

ACORDOU:

Convocar dúas bolsas cunha contía mensual de 90.000 ptas. cada unha, cunha duración de catro meses a partir do primeiro de setembro do ano en curso, para traballar en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, na realización dun proxecto que prevé a preparación para edición conxunta entrámbalas dúas institucións de materiais didácticos que incluirán casetes con testemuños das principais variedades dialectais do idioma e as súas correspondentes transcricións.

1. Orzamento.

Para atender ó gasto que supoñen as bolsas existe crédito suficiente nas aplicacións 03.01.111D.480 do orzamento vixente.

2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas bolsas tódolos cidadáns comunitarios, maiores de idade e con plena capacidade para obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Non seren traballadores por conta propia ou allea, nin recibiren remuneración de ningún tipo nin gozaren dunha bolsa ou axuda semellante.

b) Non teren sido separados do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

c) Seren licenciados en filoloxía hispánica (galego-portugués).

3. Solicitudes.

Os solicitantes entregarán na sede do Consello da Cultura Galega, Pazo de Raxoi (2º andar), Santiago de Compostela, dentro do prazo de dez días hábiles contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI.

-Instancia de solicitude dirixida ó presidente do Consello da Cultura Galega.

-Fotocopia do expediente académico correspondente.

-Currículum vitae con indicación dos estudios, actividades e documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non estar desempeñando ningún traballo por conta propia ou allea e de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

4. Selección dos bolseiros.

Para a selección dos bolseiros considerarase mérito e valorarase de acordo coa súa significación a participación en proxectos de recollida e transcrición da lingua galega oral, así como a realización de investigacións propias sobre esta mesma materia.

5. Comisión avaliadora.

A comisión que avaliará as solicitudes e entenderá na súa resolución estará composta por dous membros da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega e mailo coordinador do programa Arquivo Sonoro de Galicia do propio consello.

6.Nomeamento.

Os bolseiros serán nomeados polo presidente do Consello da Cultura Galega por proposta da Comisión Avaliadora, quen tamén seleccionará os suplentes que xulgue oportunos. Os/as bolseiros/as seleccionados/as deberán presentarse na sede do consello dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección co obxecto de recolleren as súas credenciais e comezaren a súa actividade.

7.Desenvolvemento da investigación.

Os bolseiros desenvolverán a súa actividade baixo a dirección do coordinador do programa Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega e de Francisco Fernández Rei como representante do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e como responsable do Arquivo Dialectal da Lingua Galega da devandita institución. Entrambos sinalarán o tempo de dedicación, o modo de realiza-lo traballo, e dictarán tódalas directrices necesarias para cumpri-lo proxecto. Neste sentido poderán establecer un horario fixo máximo de traballo que en ningún caso poderá exceder das 40 horas semanais e que se desenvolverá na sede do Instituto da Lingua Galega, na sede do Consello da Cultura Galega ou onde for preciso. Estes bolseiros deberán de render mensualmente un informe da súa actividade que co aval do coordinador do programa servirá de base para xustifica-lo pagamento da bolsa.

8. Pagamento das bolsas.

O pagamento das bolsas realizarase en catro mensualidades logo de informe do coordinador do programa conforme os traballos se desenvolven con normalidade e de acordo coas prescricións técnicas establecidas.

9. No caso de incumprimento continuado das tarefas obxecto da bolsa, o coordinador do programa elevará un informe ó presidente do consello, quen despois da audiencia do interesado, adoptará a decisión que corresponda.

A solicitude de bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

A condición de bolseiro/a non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 1995.

Mª Xosé Rodríguez Galdo

Secretaria do Consello

95-6019