Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 169 Luns, 04 de setembro de 1995 Páx. 6.778

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector limpezas de edificios e locais de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo do sector de limpezas de edificios e locais (código número 3200225) de Ourense para o ano 1995, con entrada nesta delegación provincial o día 22 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpezas de Ourense e da parte social polas centrais sindicais CC.OO. e UXT, ambas con lexitimidade suficiente para asina-lo, en xuntanza celebrada o día 25 de maio de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 27 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de limpezas de edificios e locais de Ourense

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo afectará a todo o persoal de empresas que se rexan pola ordenanza laboral de limpezas e locais do 15 de febreiro de 1975, e abranguerá no seu ámbito de aplicación as da provincia de Ourense e as que no ámbito da provincia se creen ou residan.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Atópanse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores dependentes destas empresas, así coma aquelas persoas que, de acordo coa ordenanza vixente, poidan saír do seu ámbito.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio comezará a rexer para tódolos efectos o 1 de xaneiro de 1995, terminará o 31 de

decembro do dito ano e manterá a súa vixencia mentres non sexa substituído por outro convenio entre as partes, se ben o presente convenio comezará a súa negociación no mes de novembro do devandito ano, data na que se constituirá a comisión negociadora.

O presente convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano por se calquera das partes non é denunciada con tres meses de antelación ó termo da súa vixencia. A fórmula de denuncia será por medio de comunicación da parte denunciante á outra parte, na que se expresará o desexo de denunciar e negociar un novo convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contidas no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións máis beneficiosas respecto do presente convenio subsistirán para aquelas que as viñan desfrutando, pero sen que se poida interpretar que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas deba de computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Os traballadores fixos abranguidos no ámbito deste convenio desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicios prestados na mesma empresa, na contía do 5% do salario base por cada trienio.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

O persoal abranguido no presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias; unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios pagadoira no mes de marzo, na contía cada unha delas de 30 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 7º.-Plus de transporte.

En compensación polos gastos de transporte xurdidos polo presente convenio, terán dereito a 297 ptas. por cada día efectivo de traballo.

Artigo 8º.-Plus de toxicidade, peligrosidade e nocturnidade.

Estes pluses aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais; entenderanse como traballados os 15 minutos do bocadillo naquelas empresas que os viñesen desfrutando.

Artigo 10º.-Festivos.

O traballador que desenvolva a súa xornada laboral en domingo ou festivo, de mutuo acordo coa empresa, poderá:

a) Desfrutar, en compensación, de un día de descanso semanal.

b) Percibi-lo pagamento correspondente segundo a normativa laboral vixente.

c) Acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

Consideraranse festivos, para tódolos efectos, os días seguintes:

Para os traballadores que teñan xornada de luns a sábado: 10, 11 e 31 de outubro; 5, 7, 9, 23 e 30 de decembro. Para aqueles traballadores que teñan xornada de luns a venres: 10, 11 e 31 de outubro; 5, 7 e 9 de decembro.

As devanditas datas poderán ser modificadas logo dun acordo entre a empresa e o traballador.

Artigo 11º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio, non se farán horas extraordinarias de carácter normal; non obstante, poderán facerse horas extraordinarias debidas a forza maior e ás de carácter estructural.

Considéranse horas extraordinarias as motivadas por forza maior, as traballadas e empregadas na reparación de desastres ou as que se fagan para prevelos. E horas estructurais, as que con carácter extraordinario e esporádico se fagan no seo dunha empresa para cubri-la realización dun traballo que non fose posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas pola lei.

Enviarase á Delegación Provincial de Xustiza, Interior e Relacións Laborais informe mensual destas horas, que farán conxuntamente o comité de empresa e a dirección e, no seu caso, os delegados de persoal.

O incumprimento do pactado neste artigo, así como todo o referente ó artigo 35 da Lei 8/1980, do 10 de marzo ou o Real decreto de 1958, do 20 de agosto, considerarase como unha falta grave para os efectos do disposto no artigo 57 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 12º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída en tempo que se indica nos seguintes casos:

Por matrimonio do traballador: 15 días naturais.

Por matrimonio dos fillos: 1 día natural.

Por parto da muller: 2 días naturais se é na provincia e 5 se é fóra dela.

Morte de cónxuxe ou familiares en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir: pais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos e netos políticos: 3 días naturais se é na provincia e 5 se é fóra dela.

Por morte dos parentes en terceiro grao, é dicir: tíos, bisavós, bisnetos políticos, bisavós políticos e sobriños políticos: 1 día natural.

Nos demais casos, haberá que aterse á lexislación vixente.

En caso de asistencia ó médico, o tempo necesario con xustificación e cun máximo de tres horas. No caso de desprazamento ó especialista, terase en conta a distancia e, en consecuencia, o tempo indispensable (entenderase o especialista da Seguridade Social).

Artigo 13º.-Excedencias.

Todo traballador cunha antigüidade na empresa de, polo menos, un ano, terá dereito a que lle recoñeza a situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos; non perderá, en ningún caso, a antigüidade que mantiña no momento de solicitala e será obrigatoria para a empresa a concesión da dita excedencia.

Artigo 14º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a cambiar de posto de traballo a fin de que, en ningún caso, estean obrigadas a desempeña-las súas funcións nos lugares radioactivos ou infecciosos que supoñan perigo para o seu estado.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

Darase a todo o persoal axeitada e regulamentaria roupa de traballo: fundas para os homes e batas para as mulleres cada seis meses, zapatillas cada tres meses, luvas cada 20 días e zocos cada nove meses. O persoal terá que devolve-la roupa e os utensilios usados no momento en que se produza a substitución.

Artigo 16º.-Incapacidade laboral transitoria.

O traballador que cause baixa por accidente laboral percibirá o 100% do salario do convenio desde o primeiro día da baixa.

Por incapacidade laboral transitoria derivada de enfermidade, será en cada momento o que establezan as normas vixentes, agás no suposto de que a enfermidade se prolongase por riba dos 25 días; neste caso, a empresa cubrirá o 100% do salario do convenio ata os 128 días.

No caso de incapacidade laboral transitoria por enfermidade, a empresa completará igualmente o 100% do salario do traballador no suposto de que esta requira hospitalización e, en todo caso, mentres dure aquela. Igualmente, o traballador terá dereito ó 100% do seu salario no caso da convalencia na súa casa por un período máximo de 38 días e sempre que estivese hospitalizado 7 días.

Artigo 17º.-Extinción do contrato da contrata correspondente.

O persoal de limpeza que faga a súa xornada nun centro de traballo durante un período mínimo de catro meses, no caso de que cese a contrata, terá dereito a seguir coa nova empresa adxudicataria, cos servicios de limpeza do dito centro. Esta nova empresa adxudicataria terá a obriga de absorber este persoal, respectándolle a antigüidade e demais dereitos adquiridos.

Artigo 18º.-Garantía dos cargos sindicais.

Con motivo de situacións concretas, como son a confección do cadro horario, calendario de vacacións e acordo para a negociación colectiva, o empresario facultará os traballadores e os seus representantes sindicais para se xuntaren nos locais da empresa durante a xornada de traballo, sen que poida exceder de unha

hora nos devanditos casos e de común acordo para a designación de traballos urxentes que poidan xurdir.

Artigo 19º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días naturais ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas.

O persoal que desfrute das vacacións nos meses de outubro a abril, ambos inclusive, de 30 días ininterrompidos por necesidades da empresa, percibirá unha bolsa extrasalarial de 8.000 ptas.

Farase un calendario de vacacións en cada empresa de acordo entre empresa, traballador e comité, de tal xeito que os traballadores desfruten das súas vacacións rotativamente, respectando a lexislación vixente.

No caso de que un traballador cause baixa antes de desfruta-las vacacións, estas posporanse, fixarase un novo período e o traballador afectado pasará a desfrutalas segundo as quendas, sen ter dereito o traballador á bolsa de vacacións se o novo período fixado cadrase dentro dos meses que dan dereito á devandita bolsa. No caso contrario, se a baixa se producise durante as vacacións, estas seguirán correndo ata cumprirse o período correspondente.

Artigo 20º.-Control médico.

Os traballadores que fagan o seu traballo en lugares radioactivos ou infecciosos terán dereito a realizar un control médico cada seis meses, de acordo coas normas sanitarias vixentes. O resto dos traballadores terán dereito ó dito control, polo menos unha vez ó ano.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

Para interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio e, en xeral, para cantas cuestións se deriven da aplicación deste, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polos membros que compoñen a comisión negociadora do presente convenio.

A devandita comisión paritaria reunirase no prazo de tres meses desde a sinatura do presente convenio co fin de analiza-lo intrusismo existente no sector que está a producir unha grave competencia desleal, con graves prexuízos, tanto para os traballadores como para as empresas, para instar ás autoridades pertinentes a que leven a cabo as accións legais que cumpran, así como analizar e concretar aquelas cuestións que redundan en beneficio para o sector.

Artigo 22º.-Xubilación.

Todo traballador afectado polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos ó abeiro do previsto no Real decreto-lei 14/1981, do 28 de agosto; nese suposto, a empresa verase na obriga de contratar outro traballador perceptor de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego a través dun contrato de idéntica natureza.

Artigo 23º.-Póliza de seguros.

As empresas abranguidas no ámbito de aplicación deste convenio establecerán para tódolos traballadores unha póliza de seguros de morte e invalidez por acci

dente de traballo que lles garanta ós seus traballadores 1.500.000 ptas. en caso de morte e 2.200.000 ptas. en caso de invalidez permanente, total, absoluta e gran invalidez.

Artigo 24º.-Incremento salarial.

Os salarios do presente convenio foron incrementados con respecto ós de 1994 nun 4,3% sobre o salario base e o plus de transporte de cada categoría.

Artigo 25º.-Período de proba.

Poderá concertarse por escrito un período de proba que, en ningún caso, poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, agás para os non cualificados. Neste caso, a duración máxima será de 15 días laborables.

Artigo 26º.-Axudas de custo.

Establécese un importe mínimo para as axudas de custo establecidas no artigo 42 da ordenanza de 3.859 ptas., cando se teña que comer ou pernoctar fóra da casa. De 2.503 ptas. cando se realicen as dúas comidas principais fóra do domicilio e de 1.252 ptas. cando se realice unha soa comida. En todo caso, as devanditas contías son mínimas e tamén poderá establecerse o sistema de gastos a xustificar.

Artigo 27º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito (*). Nos supostos nos que se leve a cabo servíndose da relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, sección sindical ou representantes dos traballadores e a dirección de persoal da empresa, velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a e procurarán silencia-la súa intimidade cando así fose requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente, poderá seguir a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988.

Disposicións xerais

Primeira.-En todo o non previsto no presente convenio, haberá que aterse á ordenanza laboral de traballo para as empresas dedicadas á limpeza de edificios e locais, aprobada o 15 de febreiro de 1975, en canto non sexa substituída por un acordo colectivo subscrito por ambas partes, así como as demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar deste, así como a copia dos boletíns de cotización á Seguridade Social, no taboleiro de anuncios da empresa, para coñecemento de tódolos

traballadores, co fin de que constaten a súa situación laboral mensual.

Terceira.-As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Limpeza de Edificios e Locais de Ourense e as centrais sindicais CC.OO. e UXT, ambas con capacidade suficiente e lexitimación de conformidade co disposto no real decreto lexislativo que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Cuarta.-Cláusula de sumisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais e elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UXT, CC.OO e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a vixencia deste, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos nos que están formuladas.

Disposición derradeira

No suposto de modificación dos textos da ordenanza laboral do 15-2-1975, texto refundido da lei do Estatuto dos traballadores e a Lei 11/1985, do 2 de agosto, os aspectos non reflectidos neste convenio e contidos nas devanditas leis, pasarán a formar parte deste.

Cláusula de revisión salarial

Establécese unha cláusula de revisión salarial co obxecto de garanti-lo posible aumento do IPC de 1995; en consecuencia, no caso de que o IPC de 1995 resultase, o 31 de decembro do dito ano, superior ó 4,3%, unha vez que sexa constatado polo INE, aboaranse os correspondentes atrasos, se os houber, con efectos do 1-1-1995, e actualizaranse as táboas salariais para 1996.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL

Persoal directivo e técnico

-Subgrupo I. Persoal directivo
Director173.749 ptas.
Director comercial157.080 ptas.
Director administrativo157.080 ptas.
Xefe de persoal157.080 ptas.
Xefe de compras157.080 ptas.
Xefe de sección157.080 ptas.

-Subgrupo II. Persoal titulado
Titulado de grao superior128.634 ptas.
Titulado de grao medio112.370 ptas.
Titulado Lab. ou Prof.96.436 ptas.

-Administrativos/as
Xefe de 1ª107.424 ptas.
Xefe de 2ª84.936 ptas.
Caixeiro84.936 ptas.
Oficial de 1ª83.894 ptas.

Oficial de 2ª82.956 ptas.
Auxiliar81.652 ptas.
Cobrador81.292 ptas.

-Mandos intermedios
Encargado xeral97.069 ptas.
Supervisor encargado de zona84.354 ptas.
Supervisor encargado de sector81.173 ptas.
Encargado de grupo ou Edif.2.432 ptas./día
Responsable de equipo2.612 ptas./día

-Persoal subalterno
Ordenanza78.342 ptas.
Almacenista78.342 ptas.
Listeiro78.342 ptas.
Vixiante78.342 ptas.
Botones56.269 ptas.

-Persoal obreiro
Especialista2.613 ptas./día
Peón especializado2.646 ptas./día
Limpadora2.591 ptas./día
Conductor limpador/ra2.613 ptas./día

-Persoal de oficios varios
Oficial2.616 ptas./día
Axudante2.580 ptas./día
Peón2.580 ptas./día

Traballadores menores de 18 anos S.M.I.

9504888