Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Xoves, 31 de agosto de 1995 Páx. 6.720

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 14 de agosto de 1995 pola que se desestiman as reclamacións presentadas por Jesús María Fernández Posse en nome e representación de parte dos afectados polo sinistro do Mar Exeo, ó abeiro do artigo 120 da Lei de expropiación forzosa.

En relación coas reclamacións presentadas por Jesus María Fernández Posse en nome e representación de parte dos afectados polo sinistro do Mar Exeo exponse o seguinte:

Feitos:

Primeiro.-O día 2 de decembro de 1992 naufragou o buque petroleiro Mar Exeo nas proximidades da Torre de Hércules, cando se dirixía ó Porto da Coruña.

Segundo.-Como consecuencia do naufraxio, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura dictou a Orde do 4 de decembro de 1992 sobre medidas transitorias urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Mar Exeo, prohibindo, no seu artigo 1, toda actividade pesqueira na zona comprendida por dentro da liña imaxinaria que une cabo Prioriño e punta Langosteira, na Coruña.

Terceiro.-Con data do 23 de maio de 1995 teñen entrada na delegación territorial desta consellería os escritos de reclamación de indemnización de danos e perdas, ó abeiro do artigo 120 da Lei de expropiación forzosa, contra a Administración autonómica da Xunta de Galicia presentados polos prexudicados por razón

das medidas adoptadas por esta consellería, estando todos eles representados polo letrado Jesús María Fernández Posse.

Fundamentos de dereito:

I.-Nestes momentos tramítase un procedemento xudicial no que se dilucida a responsabilidade penal do capitán do buque Mar Exeo, Stravridis, e do práctico do porto. Neste proceso os afectados reservaron para si as correspondentes accións de tipo civil para exercelas contra os que sexan se é o caso declarados responsables. En ningún caso esta acción poderá afectar á Administración autonómica, por non ser parte demandada e non encontrarse acusado ningún funcionario dela, tendo en conta, ademais, que esta Administración comparecen personada no proceso como acusación particular polos feitos sucedidos.

Por maior abastanza, o carácter preferente da xurisdicción penal impide calquera pronunciamento administrativo ó respecto.

II.-O artigo 120 da Lei de expropiación forzosa regula unha situación completamente distinta á exposta polos afectados, e non ampara a súa reclamación.

Efectivamente, o dito precepto parte da existencia da privación dun dereito dun particular, xa que se refire á «destrucción, detrimento efectivo ou requisa». E non é este o efecto da actuación administrativa no sinistro do Mar Exeo, xa que os empresarios do sector non se viron privados de dereito ningún.

A actuación administrativa ten nestes casos unha incidencia que non modifica os dereitos subxectivos afectados senón que opera exclusivamente sobre as condicións de exercicio deles polas necesidades da comunidade. Xa que logo estivo, en todo momento, encamiñada a servi-los intereses xerais e a protección da saúde pública, todo de acordo cos preceptos da vixente Constitución (Arts. 103, 43.2º e 51.1º), da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade (Art. 40.2º), da Lei 26/1984, do 19 de xullo, xeral para a defensa dos consumidores e usuarios (Arts. 3.1º e 5.1º.g), do Real Decreto 308/1993, do 26 de febreiro, polo que se aproba a Regulamentación técnico sanitaria que fixa as normas aplicables á comercialización de moluscos bivalvos vivos e do Real decreto 345/1993, do 5 de marzo, que regula a calidade das augas e da producción de moluscos e invertebrados vivos.

As competencias a que se refiren as normas regulamentarias precitadas corresponden na actualidade á nosa Comunidade Autónoma en virtude das transferencias operadas sobre a base dos artigos 148.1.11 CE, e 27.15º e 28.4º do Estatuto de autonomía de Galicia,en virtude dos reais decretos 1634/1980, do 31 de xullo, e 3318/1982, do 24 de xullo.

Estamos falando dunha intervención administrativa que de acordo coa normativa sinalada, debe ser soportada polo administrado, como unha carga da vida social sen contraprestación económica ningunha. É reiteradísima a xurisprudencia do Tribunal Supremo que determina que o dereito á indemnización presupón a producción dunha lesión resarcible, é decir «un

detrimento patrimonial antixurídico que só se dá cando quen o sofre non ten o deber xurídico de soportalo» (STS do 4 de marzo de 1992). Tal doutrina ven sendo seguida desde principios dos anos 70, resultando arquetípica a tal respecto a sentencia da Sala cuarta do Tribunal Supremo do 27 de xaneiro de 1971 na que o Alto Tribunal sinalaba que «... a institución xurídica da indemnización administrativa ofrécese á marxe de todo funcionamento irregular e ten a súa orixe na acción administrativa exercida legalmente, fundamentada na idea común de lesión que causa un prexuízo que non é antixurídico pola maneira de producirse, senón polo efecto do reflexo obxectivo, porque o titular do ben ou dereito lesionado non ten o deber xurídico de soportalo, aínda cando o axente que o ocasione obre dentro do marco da licitude...».

Neste sentido a Administración actuou, no presente caso, cun escrupuloso respecto á legalidade vixente, aplicando as normas que regulan o outorgamento e as condicións de explotación das concesións, e entre elas as que regulan a materia sanitaria e que impoñen unha serie de limitacións de natureza administrativa que afectan ás citadas concesións desde o seu nacemento. Tales limitacións, en tanto integrantes do contenido definitorio dos dereitos concesionais, non implican privación ningunha de dereitos o que é o orzamento básico da expropiación (Art. 1 da Lei de expropiación forzosa), polo que non xorde dereito ningún a indemnización.

III.-En relación coa contía das indemnizacións pretendidas, estas, en ningún caso, poderían alcanza-las cantidades sinaladas polos reclamantes, xa que as reclamacións inclúen conceptos (que se ocasionaron unicamente como consecuencia do derrame do petróleo -por exemplo: gastos de revisión, reparación, limpeza das diversas instalacións, etc.-) que nada teñen que ver coa actuación administrativa desta consellería, limitada á prohibición de extracción e comercialización de productos pesqueiros.

A falta de nexo causal entre as medidas adoptadas e os danos dos que se solicita a reparación é nítida e polo tanto é absurdo pretender indemnización algunha da Administración autonómica.

En consecuencia e en función de todo o exposto a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura,

RESOLVE:

Desestimar na súa totalidade as reclamacións presentas por Jesús María Fernádez Posse en nome e representación de parte dos prexudicados polo sinistro do Mar Exeo.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo na forma e prazos previstos na Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa do 27 de decembro de 1956 (artigo 58 e concordantes).

Santiago de Compostela, 14 de agosto de 1995.

Juan Caamaño Cebreiro

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

4620