Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Luns, 28 de agosto de 1995 Páx. 6.647

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de agosto de 1995 pola que se crea o Observatorio de Galicia sobre Drogas.

Na actualidade, practicamente tódolos organismos implicados na loita contra as drogodependencias, desde os distintos eidos que esta leva consigo, dispoñen dunha serie de sistemas de información co obxecto de coñecer e avalia-las súas actuacións e, ás veces, planificar novas estratexias de intervención.

Sen embargo, a utilización de moitos indicadores, ás veces insuficientemente contrastados cunha realidade multidisciplinar e tan dinámica como a das drogodependencias, pode xerar serias distorsións na percepción desta problemática e ocasionar graves desaxustes na planificación das medidas de intervención ante esta.

De aí, a necesidade de unifica-los datos que se obteñen de forma parcial, a través dos diversos sistemas de recollida de información existentes, para permitir unha visión global máis axustada á realidade do problema das drogodependencias na nosa comunidade.

Esta tarefa é unha das prioridades do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias (CPAD), xa que para cumprir cun dos seus principais cometidos, a planificación de medidas efectivas de loita contra este problema, requírese un coñecemento profundo deste.

En razón desta necesidade, prioritaria para o Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias (CPAD) e dado o dinamismo e continua evolución do fenómeno das drogodependencias, enténdese necesaria a creación dun grupo de traballo de expertos na materia, que teña por obxectivo fundamental proporcionar información actualizada, fiable e comparable sobre a situación actual desta problemática e a súa posible evolución.

Doutro xeito, esta necesidade, que aparecía xa recollida entre as recomendacións formuladas no dictame

da comisión non permanente do Parlamento de Galicia para o estudio da repercusión socioeconómica e sanitaria do narcotráfico na nosa Comunidade Autónoma, levou ó Consello da Unión Europea a crea-lo Observatorio Europeo contra a Droga e as Toxicomanías (OEDT), a través do Regulamento nº 302/1993, do 8 de febreiro (DOCE nº L 36/1, do 12-2-1993), para conecta-las redes nacionais de información sobre a droga dos centros especializados dos estados membros.

Por iso, precísase a creación dun grupo de traballo, que baixo a denominación de Observatorio de Galicia sobre Drogas, teña por finalidade a homoxeneización, sistematización e análise dos datos relativos á evolución do consumo de drogas e as súas consecuencias en Galicia, o que permitirá o intercambio de información coa Rede Europea de Información sobre Toxicomanías (REITOX), na coordinación co Observatorio Español sobre Drogas.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Creación do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

1. Pola presente orde créase, como grupo de traballo, o Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD) para a homoxeneización, sistematización e análise dos datos relativos á evolución do consumo de drogas e ás súas consecuencias en Galicia.

2. O dito observatorio terá a finalidade última de contribuír a proporcionar unha visión global do fenómeno das drogodependencias, nas súas diferentes vertentes, e posibilitar unha mellor adecuación da planificación das accións e medidas emprendidas pola Administración autonómica e que, contidas no Plan Autonómico sobre Drogas (PAD), son levadas a cabo a través do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogas (CPAD).

Segundo.-Obxectivo do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

O Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD) perseguirá como obxectivo, acorde cos criterios de homoxeneización a nivel nacional e internacional, propoñer un sistema de recollida de información que proporcione as bases para unha análise eficaz en tódolos aspectos referentes ó fenómeno das drogodependencias en Galicia e que teña as características de cualidade, fiabilidade e comparabilidade.

Terceiro.-Composición do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

1. A composición do Observatorio de Galicia sobre Drogas será a seguinte:

-Presidente: o Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

-Director técnico: o xefe do Servicio de Asistencia, Formación e Investigación do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias (CPAD).

-Director técnico adxunto: o xefe do Servicio de Prevención, Reinserción e Coordinación do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias (CPAD).

-Vocais: en número non superior a dez, serán designados polo Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias (CPAD), tendo en conta a necesaria representación das fontes de datos, así como de personalidades de relevancia científica en materia de investigación e avaliación en drogodependencias.

-Secretario: un funcionario do grupo A da oficina do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

2. Ás reunións do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD) tamén poderán acudir, invitadas polo seu presidente, aquelas persoas que, por razón da súa actividade e coñecementos, teñan relación coa temática que aborde o Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

Cuarto.-Actuacións do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

O Observatorio de Galicia sobre Drogas realizará as seguintes actuacións:

1. Analiza-los datos, indicadores e outros instrumentos de medida sobre a problemática relacionada co consumo de drogas, comunicados polas distintas fontes de información, tanto públicas como privadas, que interveñan en relación coa problemática das drogodependencias en Galicia. Para tal efecto, consideraranse prioritarias as seguintes áreas:

a) Área de avaliación: análise de datos procedentes do Sistema de Avaliación Asistencial (SAA) e do Sistema Estatal de Información sobre Toxicomanías (SEIT), tendencia evolutiva da demanda asistencial e proposta de elaboración de novos indicadores.

b) Área xurídico-penal: análise de datos de comisos, detencións, grao de pureza das mostras de drogas aprehendidas e sentencias xudiciais relacionadas coa problemática derivada do consumo de drogas.

c) Área epidemiolóxica: análise dos diferentes estudios epidemiolóxicos sobre o consumo de drogas realizados en Galicia, tendencias evolutivas e patoloxía asociada.

d) Área de coordinación: estratexias e políticas antidroga (plans de acción, lexislación existente), cooperación con outros organismos e entidades tanto a nivel nacional como internacional.

2. Velar pola coordinación na implantación e seguimento dos diferentes sistemas de recollida de información directa ou indirecta, que no ámbito das drogodependencias se desenvolven na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Promover e facilita-lo intercambio de información, desde un punto de vista cualitativo e cuantitativo, garantindo a comparabilidade e fiabilidade da información recollida, definindo indicadores e criterios comúns de carácter obrigatorio para os centros coordinados co Plan Autonómico sobre Drogodependencias (PAD), e tal observancia pode ser recomendada, co

fin de lograr unha mellor harmonización dos métodos de medición e avaliación do fenómeno das drogodependencias respecto dos outros recursos non coordinados co Plan Autonómico sobre Drogodependencias (PAD), tanto a nivel da nosa Comunidade Autónoma como a nivel estatal ou europeo.

4. Propoñe-la realización de investigacións, estudios piloto e de viabilidade para garanti-lo cumprimento dos seus obxectivos.

5. Impulsa-la organización de reunións de expertos e, se for necesario, de grupos especiais de traballo «ad hoc» para o mellor cumprimento dos seus obxectivos.

6. Impulsar e facilita-lo intercambio de información entre as autoridades, os investigadores, os profesionais e representantes de organizacións gobernamentais ou non gobernamentais do ámbito da loita contra as drogodependencias da nosa Comunidade Autónoma.

7. Elaboración dun informe anual de situación, evolución previsible e proposta de medidas para adoptar en relación coa problemática xerada polas drogodependencias na nosa Comunidade Autónoma.

Quinto.-Cometidos do presidente do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

Corresponde ó presidente do Observatorio de Galicia sobre Drogas:

a) A dirección do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD). A dita dirección, de ser necesario, poderá ser delegada no director técnico ou no director técnico adxunto.

b) Velar pola efectiva execución da programación de traballo do Observatorio de Galicia sobre Drogas, convocando as reunións de traballo que fosen necesarias para ese fin.

c) Velar pola efectiva coordinación entre o Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD), Observatorio Español sobre Drogas (OED) e o Observatorio Europeo contra a Droga e as Toxicomanías (OEDT).

d) Dar conta dos resultados da súa xestión ó fronte do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD) ó conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

e) Presenta-lo informe anual de situación á comisión de coordinación de interconsellerías en materia de drogodependencias.

Sexto.-Funcionamento do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD).

1. O Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD) fixará un plan de traballo de periodicidade cuadrienal e con programacións anuais.

2. O plan de traballo do Observatorio de Galicia sobre Drogas (OGD) establecerá unha orde de prioridade tendo en conta as áreas sinaladas no artigo 4.1º.

Sétimo.-Desenvolvemento e execución desta orde.

Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adoptar, no ámbito das

súas competencias, as medidas necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

4619