Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Xoves, 24 de agosto de 1995 Páx. 6.589

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de agosto de 1995 pola que se modifica a do 15 de maio de 1990, pola que se desenvolve o Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, regulador dos tratamentos con opiáceos de persoas dependentes deles.

Ó abeiro das competencias recoñecidas no artigo 33 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos artigos 4 e 5 do Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro (BOE nº 20, do 23 de xaneiro), a través da Orde do 15 de maio de 1990 (DOG nº 112, do 11 de xuño), a entón denominada Consellería de Sanidade desenvolvía o disposto no referido Real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, regulamentando a denominación, composición, funcións e outros aspectos da Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos, que viría substituí-la inicial Comisión Galega Reguladora dos Tratamentos con Metadona, creada pola Orde do 1 de xullo de 1986, (DOG nº 136, do 15 de xullo).

Polo Decreto 33/1993, do 19 de febreiro (DOG nº 39, do 26 de febreiro de 1993), creábase o Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias (CPAD) como unidade administrativa aglutinadora de tódalas actuacións de loita contra a droga que se desenvolven desde a Administración autonómica.

Hoxe precísase, para unha maior homoxeneización da loita contra a droga, adecua-la composición e adscrición da Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos, creada pola xa referida Orde do 15 de maio de 1990.

Por todo isto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 3 e 4 da Orde do 15 de maio de 1990 (DOG nº 112, do 11 de xuño), pola que se desenvolve o real decreto 75/1990, do 19 de xaneiro, regulador dos tratamentos con opiáceos de persoas dependentes deles, que quedan redactados do seguinte xeito:

«Artigo 3º.-Composición da comisión.

A composición da Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos será a seguinte:

-Presidente: o Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

-Vicepresidente: o xefe do Servicio de Asistencia, Formación e Investigación do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

-Vocais:

O xefe de Servicio de Prestacións e Asistencia Farmacéutica, da Dirección Xeral de Organización Sanitaria.

O xefe do Servicio de Ordenación Sanitaria da Dirección Xeral de Organización Sanitaria.

Dous directores de unidades de asistencias de drogodependencias designados polo presidente da comisión.

Un representante da Administración central designado pola delegación territorial do Ministerio de Sanidade e Consumo en Galicia.

Un representante da Inspección Sanitaria (inspector farmacéutico) designado pola secretaría xeral por proposta da Xefatura de Inspección Sanitaria.

-Secretario: un funcionario do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, con voz pero sen voto.

Artigo 4º.-Réxime de funcionamento da comisión.

1. A Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos, adscríbese á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. A Comisión Galega de Acreditación, Avaliación e Control do Programa de Tratamento con Opiáceos rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que poida elaborar normas propias de funcionamento.

3. Para a súa válida constitución, requirirase a presencia do presidente e do secretario ou de se-lo caso, a dos seus substitutos, e a de polo menos a metade máis un dos seus membros».

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para adopta-las medidas necesarias para o cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 1995.

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

9505611