Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 23 de agosto de 1995 Páx. 6.569

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 8 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. (código nº 3200012), de Ourense para o ano 1995, que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité da mesma, en xuntanza celebrada o día 8 de maio de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 8 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de Aguas de Cabreiroá, S.A.

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ambito de aplicación.

O presente convenio é de ámbito empresarial e de aplicación obrigatoria á empresa Aguas de Cabreiroá, S.A., con domicilio social en Verín (Ourense), dedicada á explotación e envasado de augas minerais naturais. Igualmente afectará ás factorías, dependencias, sucursais ou delegacións que a empresa teña con persoal ó seu servicio, incluído en nómina dentro da provincia ou fóra dela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa a que fai mención o artigo 1º, agás as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será de un ano, comezando os seus efectos económicos o 1 de xaneiro de 1995 e rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 1995.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se non fose denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación polo menos ó termo da súa vixencia. As condicións da denuncia serán as que determine o Estatuto dos traballadores, permanecendo vixente o texto ata a sinatura dun novo.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras que se implanten por norma legal serán compensadas e absorbidas ata onde alcancen as do presente convenio de forma individualizada e en cómputo anual.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviñeron na negociación e elaboración do convenio.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Complétase a ordenanza vixente coa definición das seguintes categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que co título de facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análises e traballos de laboratorio que, sen título facultativo, leva a cabo as funcións indicadas como auxiliar do técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa labores que requiren para a súa realización esforzo físico, sen necesidade de práctica operaria ningunha. Esta categoría só se poderá aplicar ó persoal contratado por temporada para carga e descarga e non ó ingresado como fixo de cadro de persoal como operario de embotellado.

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

Establécese unha xornada de traballo de 1.800 horas efectivas de traballo en cómputo anual, equivalente a 40 horas efectivas de traballo semanais. A xornada diaria será de 8 horas de luns a venres. A dita xornada será flexible e a empresa distribuiraa ó longo do ano atendendo ás necesidades de envasado e ós períodos de maior demanda.

Poderase establecer xornada continuada ou partida, respectándose, en todo caso, os máximos legais.

En caso de realizarse xornada continuada, os traballadores terán dereito a 15 minutos para a parva por conta da empresa, o cal se computará como xornada efectivamente traballada para tódolos efectos.

A empresa poderá establecer quendas de traballo, cando as necesidades de organización do traballo así o aconsellen, sen que isto supoña variación ningunha na retribución do persoal afectado. Os representantes dos traballadores serán informados de calquera variación no sistema de quendas. Calquera cambio na composición e horario das quendas debe ser coñecida polos interesados o penúltimo día laboral da semana anterior.

As quendas na sección de extrusión traballarán 8 horas efectivas de luns a xoves. O venres, último día da xeira laboral, traballarán 6 horas 45 minutos sendo a hora e 15 minutos restantes o tempo de compensación da parva.

Na organización das quendas teranse en conta as circunstancias persoais de cada empregado sempre que non deterioren a organización do traballo.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a 30 días naturais de vacacións durante o ano 1995.

O salario a percibir durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio.

As vacacións serán concedidas de acordo coas necesidades do persoal, se ben a empresa reserva para si a facultade de concedelas fóra da época de campaña, comprendida entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ambas inclusive.

Non obstante o anterior, polo menos poderanse desfrutar 7 días consecutivos no período comprendido entre os meses de maio a setembro, ambos inclusive.

O calendario laboral, no que se inclúe o período de vacacións, será negociado entre os representantes dos traballadores e a empresa.

Para o desfrute dos 23 días fóra da temporada de verán, terase en conta que deben pasar como mínimo dúas semanas entre o desfrute dos 7 días de verán e os próximos a desfrutar.

Para evitar que unha enfermidade de final de ano prive a un traballador das súas vacacións, establécese que cando o período de vacacións desfrutadas máis os días que por calquera causa estivese de baixa sexan menos de 35 días naturais, os días que lle quedan

de vacacións pendentes ó remata-lo ano desfrutaranse no seguinte.

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución convida constará de:

-Salario base

-Complementos salariais

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salarios anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade consistente en trienios do catro por cento sobre o salario base.

Artigo 12º.-Plus de carencia de incentivos.

Establécese o plus de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

O plus de carencia de incentivos consistirá na percepción por cada traballador, individualmente e por cada día laborable, das cantidades que constan na táboa de salarios do presente convenio por este concepto. O dito plus en vacacións aboarase polos días naturais do período vacacional.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción, que non poderá ser menos en cómputo anual dos establecidos neste convenio como plus de carencia de incentivos.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en dúas pagas extraordinarias, de unha mensualidade de salario base máis antigüidade, cada unha, pagadeiras unha en xullo e outra en decembro.

Ademais a empresa pagará, en concepto de participación de beneficios, outra mensualidade de salario base máis antigüidade que deberá facerse efectiva no primeiro trimestre de cada ano e por anos vencidos.

A percepción de cada unha das pagas realizarase dentro dos 15 primeiros días do mes que corresponda.

Artigo 15º.-Xubilación.

Cando cese o traballador na empresa por xubilación concederáselle unha indemnización de salario base máis antigüidade en proporción ós seus anos de servicio na empresa conforme a seguinte escala:

-5 anos: dúas mensualidades.

-10 anos: tres mensualidades.

-15 anos: catro mensualidades.

-20 anos: cinco mensualidades.

-25 anos: seis mensualidades.

-De 30 anos en diante: unha anualidade.

Artigo 16º.-Plus de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade establécese un plus para os que exerzan as ditas funcións, consistente no 10% do salario base.

Artigo 17º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós seis anos de exerce-las ditas funcións na empresa, deberán ascender á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 18º.-Seguro de vida e accidentes.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado por convenio que cubra as seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 1.000.000 de pesetas.

-Morte por calquera outra causa: 500.000 pesetas.

Os beneficiarios deste seguro serán o cónxuxe viúvo ou, se é o caso, os dereito habentes do traballador asegurado.

O prazo para concretar este seguro para o persoal de novo ingreso será de seis meses a partir do día en que o traballador cause alta na empresa.

Artigo 19º.-Gratificación por matrimonio.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de menos de tres anos na empresa, terán dereito cando casen a unha gratificación de un mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores e a empresa comprométense a facilita-la xubilación anticipada ós 60 anos, acolléndose ós convenios e normativas que poidan establecerse co réxime da Seguridade Social.

A empresa permitirá a xubilación anticipada do seguinte xeito:

-Xubilación ós 61 anos: catro mensualidades.

-Xubilación ós 62 anos: tres mensualidades.

-Xubilación ós 63 anos: dúas mensualidades.

-Xubilación ós 64 anos: unha mensualidade.

Artigo 21º.-Salario anual.

En función do establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, establécese un salario anual para a categoría de peón en función das 1.800 horas anuais de 1.182.045 pesetas, sen conta-la antigüidade.

Para efectos do presente convenio entenderase por mensualidade unha doceava parte da anualidade.

Revisión salarial.

No caso de que o índice de prezos ó consumo (IPC) establecido polo INE rexistrase o 31 de decembro de 1995 un incremento superior ó 4,5% respecto á cifra que resultase do dito IPC o 31 de decembro de 1994 produciríase unha revisión salarial tan pronto se constatase oficialmente a dita circunstancia, no exceso sobre a indicada cifra. Tal incremento aboarase con efecto a 31 de decembro de 1995, servindo como base de cálculo para o incremento salarial de 1996. A dita revisión salarial, de chegar a producirse, aboarase nunha soa paga, durante o primeiro trimestre de 1996.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída de tres días por falecemento de pais, cónxuxe, fillos ou irmáns, segundo establece o artigo 37 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo e o seu correspondente na ordenanza laboral.

Igualmente poderá asistir á consulta da Seguridade Social en Verín (incluso para acompañar a fillos menores de 12 anos), obrigándose a entregar xustificante emitido polo médico en calquera caso.

Artigo 23º.-Excedencias.

Todo persoal afectado por este convenio ten dereito a excedencia de acordo coas normas establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Vestiario.

A empresa subministrará ós traballadores dous equipos de traballo ó ano.

É obrigación dos empregados coida-los equipos de traballo e preocuparse da súa limpeza e correcto uso.

Artigo 25º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores afiliados ás centrais ou sindicatos, a empresa descontará nas nóminas mensuais dos traballadores o importe das cotas sindicais correspondentes. O traballador interesado en tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato ó que pertence, a contía da cota, así como o número da conta corrente á que deberá ser transferida a correspondente cantidade.

95-5526