Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Mércores, 23 de agosto de 1995 Páx. 6.567

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 31 de xullo de 1995 pola que se aproba o deslindamento parcial do monte Medo no concello de Baños de Molgas (Ourense).

Examinado o expediente de deslindamento parcial do monte Medo, do concello de Baños de Molgas (Ourense), e tendo en conta os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Que o Xurado Provincial de Montes de Ourense, en Resolución do 31 de outubro de 1979,

declarou como veciñal en man común o monte Medo pertencente á comunidade de Francos, Froufe e Vide, rectificando máis tarde, o 28 de maio de 1980, esta resolución no sentido de dar participación tamén no mencionado monte Medo ós veciños de Foncuberta, do concello de Maceda.

Segundo.-Que o día 18 de marzo de 1986 o conselleiro de Agricultura, Pesca e Alimentación aprobou a realización do deslidamento parcial do monte Medo.

Terceiro.-Que despois dunha primeira fase e ó presentarse un documento no momento do apeo que foi tido en conta no informe do enxeñeiro operador aínda que non fora dictaminado, como é preceptivo, polo Gabinete Xurídico Territorial, o D.X. do Forestal e do Medio Ambiente Natural, o día 18 de abril de 1988 dictou resolución na que acordaba retrotrae-lo expediente de deslindamento parcial do monte Medo ó momento de presentación da documentación.

Cuarto.-Que iniciado de novo o expediente no momento de presentación de documentación, e comunicado tal feito ás partes interesadas, estas presentaron a que estimaron adecuada á defensa dos seus intereses, que foi remitida ó Gabinete Xurídico Territorial para o seu preceptivo informe, que foi emitido o 31 de outubro de 1988, coas seguintes conclusións:

1.-Que a propiedade e posesión exclusiva do terreo que circunda o santuario, nun cadro de 200 varas (167 metros) contado desde cada un dos catro lados do santuario, non resulta fidedignamente acreditada dos documentos examinados. A cuestión formulada excede da competencia dun expediente de deslindamento e ten que ser diferida á xurisdicción ordinaria.

2.-Que a posesión da comuindade relixiosa, respecto dos demais terreos, deriva dunha simple situación de precario, non de usufructo, nin de ningún outro dereito real, correspondendo a súa propiedade ás comunidades veciñais.

3.-Que a titularidade dos edificios, ós fins específicos para os que foron construídos e, mentres se cumpran, corresponde á comunidade dos P.P. Pauis.

4.-Que neste suposto non ten aplicación o artigo 34 da Lei hipotecaria.

Quinto.-Que o enxeñeiro operador estimou que non existían motivos que desvirtuasen o levantamento topográfico feito na primeira fase, polo que non se repetiu o mesmo aínda que se lles deu ós interesados a oportunidade de reclama-lo que fixo José Ferreño Cid no nome da Comunidade Veciñal de Francos, Froufe e Vide manifestando a súa disconformidade co deslindamento e apeo realizados.

Sexto.-Que o 16 de xaneiro de 1989 emitiu o seu informe o enxeñeiro operador, dándose a seguir un período de vista do expediente e de reclamacións nas que habería que manifestar que se apuraba a vía administrativa como trámite previo á xudicial civil.

Sétimo.-Que se presentaron os seguintes escritos:

Un da comunidade veciñal de Francos, Froufe e Vide no que amosa a súa total conformidade co informe

do Gabinete Xurídico Territorial e ratificando os seus anteriores escritos, en especial o do 11 de xaneiro de 1987 e manifesta que é unha reclamación previa á vía xudicial civil.

Outro da comunidade relixiiosa dos P.P. Pauis no que se critica o mesmo informe do Gabinete Xurídico Territorial refutando todos e cada un dos puntos do mesmo. Tamén manifestan apurada a vía administrativa previa á xudicial civil.

Oitavo.-Que o 18 de xullo de 1989 o xefe do Servicio de Producción Forestal de Ourense emite o preceptivo informe-proposta de resolución.

Fundamentos de dereito:

I

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes é competente para dicta-la presente orde de aprobación do deslindamento parcial do monte Medo, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei de montes, do 8 de xuño de 1957, e o 126 do regulamento para a súa aplicación, en relación co Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

I

Na tramitación do expediente observáronse tódolos requisitos legais e procedementais contidos na Lei de montes, Regulamento de montes, Lei de procedemento administrativo do 17 de xullo de 1958 e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

III

Da documentación aportada polos interesados queda patente a controversia existente entre a comunidade relixiosa dos P.P. Pauis e os veciños comuñeiros do monte Medo sobre os terreos que circundan o santuario dos Milagres. Pódese apreciar que a comunidade relixiosa vén desfrutando do santuario e dun terreo, en cadro, de 200 varas castelás (uns 167 metros) contadas desde cada un dos catro lados do santuario, en concepto de foro desde o 24 de febreiro de 1792, e que o foro foi redimido o 1 de xullo de 1923, aínda que o documento de redención non describe o predio redimido e tamén existen indicios racionais suficientes para pensar que o predio aforado era desfrutado tamén polos veciños dos lugares próximos ó santuario.

IV

Na documentación aportada pola comunidade relixiosa aparece unha escritura de constitución dun dereito real de foro e non de doazón, como a comunidade pretende, e a maior abastanza nun documento, tamén aportado por eles, do 16 de febreiro de 1905 asinado unicamente polo entón superior administrador do santuario, manifesta «... consultando os papeis favorables e en contra que hai arquivados no santuario coñecido o estado pacífico e favorable do alcalde de Baños e dos principais veciños de Vide, Froufe e Francos... procedeuse ó acoutamento das duascentas varas

castelás do terreo monte...», do que se deduce que foi máis por boa vontade do alcalde e algúns veciños que por dereitos de propiedade polo que se coutou o cadro das 200 varas castelás.

V

Da mesma documentación aportada, dedúcese que a posesión pola comunidade relixiosa dos demais terreos, deriva dunha simple situación de precario, non de usufructo nin de ningún outro dereito real, correspondendo a súa propiedade ás comunidades veciñais propietarias do monte Medo, e no referente ós edificios construídos nestes terreos, a titularidade corresponderá á comunidade dos P.P. Pauis mentres se destinen ós fins para os que foron construídos.

Vistos:

A Lei de montes do 8 de xuño de 1957 e o regulamento para a súa aplicación do 22 de febreiro de 1962.

A lexislación vixente en materia de montes veciñais en man común.

O Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, de traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza.

A Lei de procedemento administrativo do 17 de xullo de 1958.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Esta Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural,

DISPÓN:

1) Aproba-lo deslindamento parcial do monte Medo dos terreos que circundan o santuario dos Milagres nun cadro de 200 varas castelás (uns 167 metros), e que queda definido no apeo polos piquetes nº 1 ó 21 de conformidade coas actas, rexistro topográfico e plano que figuran no expediente, e que posúe a comunidade relixiosa dos P.P. Pauis.

2) Declarar que dos documentos aportados polos interesados, non resulta fidedignamente acreditada a propiedade dos terreos que forman o cadro de 200 varas castelás por ningunha das comunidades, polo que terá que se-la xurisdicción ordinaria a que a outorgue. Non ocorre o mesmo co resto dos terreos que circundan o cadro de 200 varas castelás, dos que si hai probas suficientes para outorga-la propiedade ás comunidades veciñais propietarias do monte Medo, e no referente ós edificios construídos nestes terreos, a titularidade corresponde á comunidade relixiosa dos P.P. Pauis mentres se destinen ós fins para os que foron construídos.

3) Declarar, expresamente, que no referente ás reclamacións de propiedade, a presente resolución esgota a vía administrativa e que queda expedita a xudicial civil.

4) Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e encontra dela só cabe interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día da súa entrada en vigor.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 1995.

P.D. (Orde 13-12-1993)

Antonio Luis Rosón Pérez

Secretario xeral da Consellería de Agricultura,

Gandería e Montes

95-4448