Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 16 de agosto de 1995 Páx. 6.449

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector do comercio de alimentación de Ourense para o ano 1995.

Visto o texto do convenio colectivo do sector do comercio de alimentación (código nº 3200545), de Ourense para o ano 1995, con entrada nesta delegación provincial o día 13 de xuño do ano en curso, subscrito en representación da parte económica pola Confederación Provincial de Empresarios de Ourense e da parte social polas centrais sindicais UGT, CCOO e USO, todas con lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o día 17 de abril de 1995, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995 do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do convenio colectivo no libro rexistro desta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP.

Ourense, 19 de xuño de 1995.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de comercio de alimentación da provincia de Ourense

Artigo 1º.-Ambito funcional.

O presente convenio afecta a tódalas empresas de alimentación da provincia de Ourense, incluíndo nelas almacenistas e distribuidores, retallistas, supermercados e autoservicios, economatos, charcuterías, carnicerías e pescaderías e, en xeral, tódalas empresas dos sectores comercio-alimentación e comercio-gandería rexidos pola ordenanza laboral do comercio.

Artigo 2º.-Vixencia.

A duración do presente convenio será de un ano comezará a rexe-lo 1 de xaneiro de 1995 e rematará o 31 de decembro de 1995.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, mentres non sexa modificado por outro que o substitúa,

ó non mediar denuncia por calquera dos representantes empresariais ou sindicais que interviñeron na negociación, con dous meses de antelación como mínimo á finalización da vixencia.

Producida a denuncia do convenio nos termos establecidos no parágrafo anterior, as partes comprométense a constituí-la comisión negociadora antes de finaliza-lo mes de febreiro, e a inicia-la negociación efectiva na primeira quincena do mes de marzo.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

As condicions que se establecen nesta convenio serán compensables e absorbibles en cómputo anual conforme a lexislación vixente, respectando as situacións presenciais de igual forma.

Artigo 4º.-Xornada laboral.

A xornada máxima de traballo queda establecida en 1.820 horas por ano.

Respectando o número de horas anuais de traballo convidas, cada empresa poderá realizar unha distribución irregular de xornada en períodos de catro meses.

Neste período cuadrimestral a distribución semanal poderá supera-las 40 horas diarias, co límite de 9 horas diarias. O exceso de horas traballadas compensaranse nos períodos de menor traballo. Antes do inicio de cada período de distribución iregular de xornada publicarase, con 15 días de antelación, o calendario corespondente ó dito período.

Artigo 5º.-Vacacións.

O personal comprendido neste convenio desfrutará dun período anual de vacacións de 30 días naturais.

As vacacións poderanse desfrutar no transcurso do ano, sendo obrigatorio para a empresa conceder 15 días destas durante o período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro de forma rotativa.

O calendario de vacacións fixarase en cada empresa. O traballador coñecerá as datas que lle corresponden dous meses antes, polo menos, do comezo do desfrute, e anunciaranse no taboleiro de anuncios do centro de traballo, preferentemente no primeiro trimestre do ano.

Artigo 6º.-Horas extras.

Terán a consideración de horas extraordinarias cada hora de traballo que se realizase sobre a duración máxima da xornada ordinaria de traballo.

As horas extraordinarias realizadas retribuiranse con incremento do 75% e as realizadas en domingo e días festivos retribuiranse ó 100%.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a 80 ó ano. A prestación de traballo en horas extraordinarias será voluntaria.

A realizaicón de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizarase semanalmente, entregando copia do resumo ó traballador no parte correspondente, e ó comite de empresa e /ou delegados de persoal.

Artigo 7º.-Licencias e permisos.

Todo traballador, avisándoo coa suficiente antelación e posterior xustificación terá dereito ós seguintes permisos retribuídos, sen prexuízo dos establecidos na lexislación vixente:

a) Por matrimonio civil ou relixioso: 15 días.

b) En caso de nacemento, falecemento ou enfermidade grave de parentes en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade : 3 días. se mediase desprazamento : 5 días.

c) Por traslado de domicilio habitual: 1 día.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) No caso de saídas ó médico, o tempo empregado cando a visita coincida co horario de traballo.

Artigo 8º.-Excedencias.

Poderán solicitar excedencia tódolos traballadores da empresa, sempre que leven, como mínimo, un ano de servicio por un prazo non inferior a un ano e non maior de cinco.

O termina-la situación de excedencia, o traballador terá dereito a ocupa-la primeira vacante, de igual ou similar categoría á súa, que houbese ou se producise na empresa.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

Todo o persoal afectado percibirá tres pagas extraordinarias consistentes nunha mensualidade dos salarios bases vixentes en cada momento máis a antigüidade.

Estas pagas serán abonadas:

A. Paga de verán, antes do 20 de xullo.

B. Paga de Nadal, antes do 20 de decembro.

C. Paga de beneficios, antes do 21 de marzo.

Artigo 10º.-Condicións económicas.

Os salarios bases serán os establecidos na táboa salarial anexa e terán a súa aplicación desde o 1 de xaneiro de 1995 ata o 31 de decembro de 1995.

O incremento do presente convenio é dun 4,75% sobre as táboas de 1994.

Artigo 11º.-Antigüidade.

O concepto de plus de antigüidade establécese en cuadrienios na contía do 5% sobre o salario base do convenio vixente en cada momento e por cada categoría.

Artigo 12º.-Axudas de custo.

Terán dereito a estas, tódolos traballadores que mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexan obrigados a realizar viaxes ou traballos de carácter profesional por conta e baixo a dependencia da empresa, con desprazamentos a lugares distantes ó centro de traballo e que impo

sibiliten o seu regreso e sexa preciso efectuar comidas fóra do seu domicilio habitual ou teñan necesidade de desprazarse a localidades onde tamén esixa a misión encomendada unha permanencia que obrigue a tomar aloxamento.

A contía desta será a seguinte:

Axuda de custo completa: 4.000 ptas.

Xantar: 1.500 ptas.

Cea: 1.000 ptas.

Cama: 1.500 ptas.

Almorzo: 300 ptas.

Ou bien por acordo coa empresa gastos a xustificar.

Artigo 13º.-Complemento asistencial en caso de enfermidade ou accidente.

En caso de incapacidade laboral por enfermidade ou accidente, debidamente acreditado pola Seguridade Social, do persoal comprendido no réxime asistencial desta, a empresa complementará o salario ata o importe íntegro das súas retribucións ata o límite dos 12 meses aínda que o traballador fose substituído.

O persoal que con carácter obrigatorio non estivese comprendido na Seguridade Social e opte por desfruta-la cobertura do réxime xeral percibirá con cargo á empresa os mesmos beneficios económicos que regulamentariamente, estean inscritos no dito seguro, isto é, deducirase en todo caso o importe das prestacións que recibisen da Seguridade Social no suposto de que voluntariamente se inscribisen.

Ó persoal, no caso de enfermidade común ou accidente non laboral, que non teña cumprido un período de cotización de 180 días dentro dos cinco anos inmediatamente anterior ó feito concernente, a empresa verase obrigada a satisface-la retribución básica, ata que sexa cuberto o dito período de carencia.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

As empresas veranse obrigadas a facilitarlles ós seus traballadores un mínimo de dúas pezas de traballo por ano, ós choferes e repartidores facilitaralles uniformes de traballo acondicionados ás temperaturas de verán e inverno, así como roupas de auga. O seu uso será obrigatorio.

Artigo 15º.-Traballadores en cámaras de conxelación.

O traballador que traballe en cámaras de conxelación, con independencia de que sexa dotado de pezas adecuadas ó seu cometido, percibirá un plus do 20% do seu salario, sempre e cando traballe máis do 25% da súa xornada nas ditas cámaras.

Artigo 16º.-Servicio militar.

O persoal comprendido no presente convenio ten dereito a que se lle respecte o posto de traballo durante o tempo que dura o servicio militar e dous meses máis.

Artigo 17º.-Retirada do carné de conducir e multas.

No caso de retirada do carné de conducir por causa non imputable ó traballador, a empresa comprometerase a facilitarlle ó traballador afectado un posto de traballo idóneo, de acordo coa súa categoría profesional sen que con iso vexa minguado o seu salario.

A empresa pagará as multas orixinadas por excesos de carga, mal aparcamento en caso de carga e descarga e número de viaxeiros excesivo que teñan condición de ser persoal de sevicio da empresa, así como cando no tacógrafo aparece un exceso do horario autorizado.

Artigo 18º.-Garantía «ad personam».

As condicións laborais pactadas neste convenio, enténdense con carácter de mínimas e deberán ser respectadas as condicións de todo tipo que veñan desfrutando os traballadores, en canto sexan máis beneficiosas que as aquí establecidas.

A este respecto, aclárase que o denominado plus familiar para aqueles traballadores que o teñan recoñecido en nómina o 31 de maio de 1991, manterase na súa contía actual, deixando de percibilo ou diminuíndo no momento en que desaparezan legalmente as circunstancias da súa aplicación e non sufrirá ningunha modificación.

Artigo 19º.-Descanso semanal.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a un descanso semanal de día e medio, que como regra xeral comprenda a tarde do sábado ou no seu defecto, a mañá do luns e o día completo do domingo, agás que por acordo entre empresa e traballadores se acorden outras condicións.

As festas laborables terán carácter retribuído e non recuperable.

Cando coincida o persoal de ruta con festa local, a empresa compensará ese día co descanso do día seguinte, sempre e cando este non sexa festivo, neste caso será o martes.

Artigo 20º.-Plus de actividade.

Tódolos traballadores percibirán en concepto de plus de actividade a cantidade de 5.035 ptas. mensuais, e aplicarase a dita cantidade en 12 mensualidades.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación, vixilancia e cumprimento do pactado por ámbalas partes no presente convenio, créase unha comisión paritaria integrada por cinco membros das asociacións empresariais, dous da Unión Xeral de Traballadores, un de Comisións Obreiras, un da CIG e un de USO.

Artigo 22º.-Delimitacións da función do conductor.

Chofer de 1ª.-É o traballador que con coñecementos e permisos necesarios conduce vehículos dos que para o seu manexo se esixe o permiso de conducir de 1ª especial ou 1ª, cobra a mercadoría de acordo coas instruccións que recibe, e debe participar na carga e descarga.

Chofer de 2ª.-É o traballador, que cos coñecementos e permisos necesarios conduce vehículos dos que para o seu manexo se esixe o permiso de conducir de 2ª ou 3ª clase, cobra a mercadoría de acordo coas instruccións que recibe e debe participar na carga e descarga.

O conductor de 1ª terá a categoría de oficial de 1ª, o de 2ª o oficial de 2ª.

Artigo 23º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos, e non se admitirán discriminacións por razóns de idade, sexo, ideoloxía, raza, minusvalidez, etc.

Artigo 24º.-Dereitos sindicais.

En tódalas empresas afectadas polo presente convenio con máis de 250 traballadores, as centrais sindicais poderán nomear un delegado sindical sempre que teñan representación no comité.

Artigo 25º.-Xubilación.

As empresas concederán un complemento por xubilación a aqueles traballadores que, con dez anos como mínimo de antigüidade nesta, se xubilen durante a vixencia do convenio; o dito complemento consistirá nas mensualidades que a continuación se indican, consistentes no salario base, antigüidade e plus de actividade.

Xubilación voluntaria ós 60 anos: 6 mensualidades.

Xubilación voluntaria ós 61 anos: 5 mensualidades.

Xubilación voluntaria ós 62 anos: 4 mensualidades.

Xubilación voluntaria ós 63 anos: 3 mensualidades.

Xubilación voluntaria ós 64 anos: 2 mensualidades.

Considérase obrigatoria a xubilación ós 65 anos para tódolos traballadores afectados polo presente convenio, e percibirán 2 mensualidades de salario base, antigüidade e plus de actividade.

Artigo 26º.-Recoñecementos médicos.

As empresas velarán polas prácticas de recoñecementos médicos, incluíndo análises de sangue e ouriños, tanto iniciais como periódicos, conforme o establecido nas disposicións vixentes e como mínimo un ó ano.

Pola súa parte, os traballadores estarán obrigados a someterse a cantos recoñecementos médicos dispoñan as empresas a cargo destas, tanto en situación activa como en situación de ILT ou análoga.

Os recoñecementos médicos orientaranse preferentemente ás enfermidades máis habituais do sector e farán entrega a este do resultado do recoñecemento.

Serán entregados nun prazo máximo de cinco días desde a data de recibo destes.

A comisión mixta velará polo seu cumprimento.

Artigo 27º.-Réxime disciplinario para acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto á intimidade e/ou contra a liberdade das

traballadoras/es, conductas de acoso sexual verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves en función da repercusión do feito (*). Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical, ou representante dos/das traballadores e a dirección da empresa velará polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa identidade, cando así fora requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988.

Atigo 28º.-Período de proba.

Establécese un período de proba para tódolos traballadores contratados durante a vixencia do presente convenio que será o seguinte:

Grupos de tarifa 1 e 2......6 meses.

Grupos de tarifa 3 ó 8......3 meses.

Grupos de tarifa 9 e seguintes..15 días laborables.

Artigo 29º.-Sumisión á AGA.

Ante a importancia que pode ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 30º.-Clasificación do persoal.

O persoal ó servicio das empresas afectadas por este convenio colectivo queda encadrado nalgúns dos seguintes grupos profesionais en función das súas titulacións académicas, aptitudes profesionais e contido xeral da prestación laboral requirida.

As definicións contidas para cada grupo profesional non son exhaustivas senón meramente enunciativas:

Grupo I. Están comprendidas neste grupo aqueles traballadores que coordinan, dirixen, establecen e crean políticas xerais, prácticas normativas e procedementos amplos, con alto grao de autonomía a partir de directrices xerais. Exercen a supervisión a través de mandos intermedios, co fin de consegui-los obxectivos operacionais marcados.

Grupo II. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores con actividade desenvolvida baixo especificacións precisas e con certo grao de autonomía, e poderán coordina-lo traballo dun equipo, e para este desenvolvemento requírese unha pericia ou habilidade sistemática en actividades e/ou procesos técnicos, comerciais, informáticos ou administrativos, os cales estarán ou non estandarizados.

Grupo III. Están comprendidos neste grupo aqueles traballadores en postos que se executan baixo instruccións concretas con dependencia xerárquica e funcional total. Esíxese o coñecemento total do seu oficio, e as funcións poden implicar incomodidade temporal ou esforzo físico.

Artigo 31º.-Modalidades de contratación.

A) Contratos de aprendizaxe.

Poderanse celebrar contratos de aprendizaxe con traballadores máis vellos de dezaseis e máis novos de vintecinco anos.

O salario de contratación destes traballadores será igual ó 90%, 95% e 100% do salario base da súa categoría durante, respectivamente o primeiro, o segundo ou o terceiro ano de vixencia do contrato.

B)Contratos en prácticas.

A retribución dos traballadores cun contrato en prácticas será do 85% ou do 95% do salario base da súa categoría profesional durante, respectivamente o primeiro ou segundo ano de vixencia do contrato.

C) Contratos de duración determinada.

(Regulados no artigo 15.b, Estatuto dos traballadores).

Estes contratos poderán ter unha duración máxima de doce meses, dentro dun período de quince meses.

Artigo 32º.-Mobilidade xeográfica.

Desprazamento: as empresas poderán despraza-lo seu persoal a outros centros de traballo distintos a aquel en que presten os seus servicios durante calquera prazo de tempo, fundamentando o dito desprazamento en razóns técnicas, organizativas, de producción ou de contratación.

Traslado: enténdese por traslado o desprazamento a outro centro de traballo que implique un cambio de domicilio. Enténdese que un desprazamnto implica cambio de domicilio cando o centro de traballo de novo destino diste a máis de 40 quilómetros do seu centro actual ou do seu domicilio actual.

Para os supostos de traslados de persoal polos motivos recollidos na lei establécense os seguintes mecanismos:

-Negociación preceptiva coa representación legal dos traballadores.

-Intervención dos mecanismos do AGA, e en caso de desacordo da comisión paritaria.

-Recuperación do posto de traballo anterior en caso de laudo ou sentencia favorable.

-Preaviso de 45 días.

-Prazo de incorporación ó novo centro de traballo de 30 días.

-Os traslados non terán unha duración inferior a 12 meses nun período de tres anos.

-Se por traslado un dos cónxuxes muda de residencia, o outro, se fose traballador da mesma empresa, terá dereito ó traslado á mesma localidade.

Os casos de traslados, segundo a definición anterior, darán lugar ó devengo polo traballador trasladado dos seguintes conceptos compensatorios:

Billete para el e os familiares que vivan ás súas expensas.

Transporte de mobiliario, roupa e aparellos do seu fogar.

Indemnización por mudanza de vivenda consistente en dúas veces o salario base mensual da súa categoría profesional, nun único pagamento.

Compensación durante doce meses da diferencia de custo de vivenda en alugueiro (vivenda das mesmas características).

Notificada a decisión de traslado, o traballador poderá optar pola extinción do seu contrato e percibirá unha indemnización de 25 días de salario por ano de servicio, rateándose por meses os períodos inferiores a un ano, e cun máximo de 12 mensualidades.

Artigo 33º.-Disposicións transitorias.

No non previsto no presente convenio observarase o que estableza a lexislación vixente.

95-05522