Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 11 de agosto de 1995 Páx. 6.379

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 236/1995, do 28 de xullo, polo que se modifica o Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O Decreto 232/1994, do 14 de xullo (DOG do 29), establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria por mor da adecuación deste departamento á Lei Orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE).

No tempo transcorrido púxose de manifesto a necesidade de mellora-la colaboración e coordinación do servicio de proxectos e construccións, dependente da Subdirección Xeral de Construccións e Equipamento, e as oficinas de supervisión de proxectos, dependentes das correspondentes delegacións provinciais. Dada a esixencia inmediata de obter unha maior celeridade e eficacia administrativa na tramitación dos expedientes, unificando os criterios de supervisión para toda Galicia, considérase preciso modifica-la estructura vixente.

Por outra banda, necesítase contemplar especificamente na estructura un aspecto importante da xestión como é a expropiación de terreos, co fin de facilita-lo posterior seguimento dos expedientes de obras.

É por iso que, por proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, reguladora da Xunta e do seu presidente, co informe favorable das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase o Decreto 232/1994, do 14 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nos seguintes extremos.:

1. Quedan suprimidas as oficinas de supervisión de proxectos provinciais ás que fai referencia o apartado 7, artigo 11, do citado decreto. O persoal adscrito pasará a integrarse nas unidades técnicas correspondentes.

2. Créase o Servicio de Supervisión de Proxectos e Expropiacións que pasará a figurar no artigo 4.2º, do citado decreto coa numeración 3.3 das unidades administrativas dependentes da Subdirección Xeral de Construccións e Equipamento, coas seguintes competencias:

a) Controlar e supervisa-los proxectos de obras novas e rehabilitación integral que execute esta consellería.

b) Vixia-lo cumprimento das disposicións legais nestes proxectos e ordenar, regular e coordina-los criterios técnicos que hai que aplicar neles, especialmente nos relativos á normativa urbanística e ós estudios do solo.

c) Tramita-los expedientes de expropiación instruídos por esta consellería baixo a supervisión da Subdirección Xeral de Construccións e Equipamentos.

d) Calquera outra que se derive desas funcións ou que lle fose encomendada especificamente polos órganos superiores.

3. Modifícase, así mesmo, o apartado 3.1 do artigo 4.2º, do citado decreto, no que se refire ás funcións do Servicio de Proxectos e Construccións, que serán, as seguintes:

-Estudia-la programación e prioridade de proxectos de obra nova e a rehabilitación integral dos inmobles da consellería, definindo as súas características en función do establecido na rede de centros, coordinándose coas direccións xerais de Persoal e de Ordenación Educativa e Centros.

-Controla-la execución de tales obras, tanto desde o punto de vista técnico, como do cumprimento dos prazos do contrato.

-Coordinar e supervisa-la execución de tódalas obras desenvolvidas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; incluídas as que xestionen directamente as delegacións de acordo coas competencias nelas desconcentradas e coa colaboración das delegacións provinciais, neste último caso.

-Calquera outra función que, relacionada coa programación, seguimento, control e execución das obras que realizará pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, lle sexa encomendada.

4. Modifícase, así mesmo, o apartado 6º do artigo 11 referente ás funcións da Unidade Técnica, o cal queda redactado da seguinte forma:

-Elaborar e supervisa-los proxectos de obras de reforma, ampliación e/ou mellora das obras que realize a delegación provincial correspondente, así como os proxectos, reformados e/ou complementarios que lle sexan encomendados pola secretaría xeral da consellería.

-Dirixir, inspeccionar, xestionar e vixia-las obras que vaia executa-la consellería na provincia.

-Controlar e informa-las obras de reparación, ampliación e mantemento dos inmobles a cargo da consellería, así como de actualizar permanentemente o inventario de obras e necesidades en centros educativos públicos e privados.

-Informar sobre a adecuación á normativa vixente, dos proxectos de obras que realicen os centros privados, e controlar posteriormente a correcta execución destas.

-Calquera outra de carácter técnico que lle sexa encomendada polo delegado provincial e o secretario xeral da consellería.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteoito de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

4953