Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Mércores, 09 de agosto de 1995 Páx. 6.345

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 1995, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, pola que se resolve a clasificación dos montes Serra e Belín, parroquia de San Pedro de Sárdoma, concello de Vigo.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a execución da lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais de Pontevedra dictou a seguinte resolución:

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día catro de abril de mil novecentos noventa e cinco, nos locais da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, logo de citación para o efecto reúnese o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común coa asistencia das seguintes persoas::

Presidente: Manuel Abeledo López.

Vicepresidente: José J. Barreiro Prado.

Vocais: José L. Díez Yáñez, Luis Mª Muíños Vidueira, Serafín Quinteiro Blanco.

Vocais representantes da parroquia de San pedro de Sárdoma, Vigo.

César A. Outerelo González

Gabriel Filgueira Nicole.

Secretaria:

Ramona C. Fernández Álvarez.

ANTECEDENTES DE FEITO

No seu día a Xunta Provisional de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de San Pedro de Sárdoma, do concello de Vigo, instou expediente de clasificación dos montes veciñais sitos naquela parroquia.

Coa devandita solicitude achegábase diversa documentación que, segundo os promoventes do expediente, demostraban a veracidade das súas manifestacións.

Máis tarde completouse a referida documentación coa aportación dun estudio técnico confeccionado por un enxeñeiro técnico agrícola, ademais uníuselle unha acta notarial que recollía as manifestacións dun grupo

de veciños que aseveraba a condición de veciñal en man común dos montes Serra e Belín.

Os montes obxecto do presente expediente correspóndense coa seguinte descrición:

Nome: Monte Serra.

Situación: parroquia de San Pedro de Sárdoma (Vigo).

Lindes

Norte e sur: propiedades particulares (segundo marcos do deslindamento).

Leste: propiedades particulares e camiño de Fragosiño a Laxe (segundo marcos de deslindamento).

Oeste: propiedades particulares (segundo marcos do deslindamento e monte da parroquia de Castrelos).

Cabida: 6,3 ha.

Monte: Monte Belín.

Situación: parroquia de San Pedro de Sárdoma (Vigo).

Lindes

Norte: Estrada de Laxe.

Sur, leste e oeste: propiedades particulares.

Cabida; 0,3 ha.

No informe que sobre os indicados montes emitiu o Servicio de Montes e Industrias Forestais da delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, en síntese, indicábase que:

No monte Serra (dunha extensión de 6,3 ha) a explotación máis recente fora a dunha mina de áridos, xa abandonada, e na actualidade estábanse a realizar uns traballos de aplanamento e recheo, mentres que no resto do monte existen p. pinaster salpicados e monte baixo de acacias. Por outra parte, o devandito monte fora obxecto de deslindamento como monte de libre disposición do Concello de Vigo (Acordo do Pleno do 31 de xaneiro de 1983).

O monte Belín (dunha cabida de 0,3 ha) constitúe un terreo duns tres mil metros cadrados, ocupados na súa maior parte por un ambulatorio do INSALUD, quedando só unha pequena parcela en forma de triángulo ó oeste; a herba é duns seiscentos metros cadrados, sen aproveitamento ningún.

Ó longo do expediente, ninguén se opuxo á declaración coma vecinal en man común das parcelas de monte indicadas.

FUNDAMENTOS DE DEREITO

Primeiro.-Dúas son as parcelas de monte que se pretenden declarar coma veciñais en man común no presente expediente que se examina. Xa que logo, por separado e con independencia, deben ser analizadas aquelas no que atinxe á proba que sobre cada unha delas se efectuou na procura da consecución daquela declaración.

Segundo.-O monte Serra aparece recollido nos montes de utilidade pública e de libre disposición no termo municipal de Vigo.

Igualmente nos Libros reales de lego del catastro del marqués de la Ensenada, e dentro da parroquia de San Pedro de Sárdoma, faise mención ó devandito monte.

E no arquivo da Deputación Provincial de Pontevedra, e máis en concreto na relación clasificada por partidos xudiciais de tódolos montes existentes na provincia referida, con arboredo ou sen el, punto onde se atopan, a súa extensión superifical ou cabida, posuidores actuais, número de árbores, as súas especies, rendementos anuais e observacións figura dentro da parroquia de Sárdoma o monte Serra, recolléndose que os seus posuidores son o común de veciños.

Incluso ata un total de dez persoas teñen manifestado, perante notario, que o monte de Serra viña sendo posuído de xeito público, pacífico e ininterrompido, desde tempo inmemorial polos veciños da parroquia de Sárdoma.

Por último, resulta de mención o informe do Servicio de Montes que, ó xa se transcribir no anterior apartado desta mesma resolución, se dá por reproducido aquí no que atinxe ó monte Serra.

Terceiro.-O monte Belín diferénciase do anterior en que non figura abranguido dentro dos montes de utilidade pública e de libre disposición dos do termo municipal de Vigo, nin tampouco a el se fai mención na relación clasificada por partidos xudiciais de tódolos montes na provincia existente no arquivo da deputación provincial.

E o informe confeccionado polo Servicio de Montes resulta contundente cando sinala que das 0,3 ha totais que posuiría o monte Belín,, a súa práctica totalidade está ocupada por un ambulatorio do INSALUD, quedando tan só uns 600 m a herbal, sen aproveitamento ningún.

Cuarto.-Son montes veciñais en man común os que con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa cualidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas nas súas condicións de veciños (artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, e artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aprobou o regulamento para a execución da devandita lei).

Quinto.-A xurisprudencia ten sinalado ó respecto que para que un monte se poida declarar como veciñal en man común precísase da concorrencia dos dous seguintes requisitos: a) O aproveitamento consuetudinario en réxime de comunidade e con carácter exclusivo, polos veciños agrupados en parroquias, aldeas, lugares accesorios, barrios e outros semellantes nonconstituídos formalmente en entidades municipais; e b) Que, aínda cando existan actos formais de inclusión no inventario de bens ou rexistro público con asig

nación doutra titularidade, non fosen acompañadas dun cambio real e efectivo na posesión a prol dos que neles figuren como titulares durante o tempo necesario para alcanza-lo dominio por prescrición.

Sexto.-A teor, pois, de todo o ata aquí exposto, partindo da realidade que se tira dos elementos probatorios achegados ó expediente polos solicitantes do mesmo, e dos que logo este xurado por si acadou, e en consideración á recta interpretación que deles é preciso efectuar segundo a lexislación e xurisprudencia mencionada, conclúese que só procede a declaración como veciñal en man común do monte Serra, mais non así do monte Belín, por canto verbo deste non se logrou demostra-la súa condición de tal, ó non figurar nin tan sequera en boa parte da documental aportada, e desmintirse o seu aproveitamento polo común dos veciños polas poderosas razóns que se colixen do informe do Servicio de Montes.

Vistos os artigos citados e demais de xeral e pertinente aplicación.

Os membros do xurado de maneira unánime acordan a seguinte resolución:

Declarar como veciñal en man común o monte Serra sito na parroquia de San Pedro de Sárdoma, concello de vigo, coa descrición gráfica que se recolle na planimetría que se une á presente resolución asinada por tódolos membros do xurado, formando parte inseparable dela, e que se corresponde cos seguintes lindes e cabida:

Norte e sur: propiedades particulares, segundo os marcos do deslindamento.

Leste: propiedades particulares e camiño de Fragosiño a Laxe (segundo os marcos do deslindamento).

Oeste: propiedades paritculares (segundo os marcos de deslindamento) e monte da parroquia de Castrelos.

Cabida; 6,3 ha.

Así mesmo, por unanimidade acordan denega-la mesma declaración como veciñal en man común que se solicitaba con respecto do monte de Belín, sito na mesma parroquia, polas consideracións que aparecen recollidas nos fundamentos de dereito da presente resolución.

Contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde a notificación da presente resolución ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no aritgo 58 da Lei reguladora da antedita xurisdicción en relación co artigo 12 da Lei de montes veciñais en man común e o artigo 28 do seu regulamento modificados ámbolos dous preceptos legais pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Pontevedra, 4 de abril de 1995.

Manuel Abeledo López

Delegado provincial de Pontevedra

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra

9504939