Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 04 de agosto de 1995 Páx. 6.247

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 6 de xullo de 1995 pola que se publica o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para 1995.

Aprobado polo Consello da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 1995.

Este rectorado, no uso das atribucións conferidas polo artigo 63 e) dos estatutos da universidade, resolve publica-lo acordo do Consello Social de aprobación do orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para o ano 1995, así como as súas bases de execución.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 1995

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento da universidade de Santiago de Compostela para o ano 1995

En virtude do disposto no Art. 54 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, e no Art. 225 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, pola presente norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 1995, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de quince mil catrocentos cinco millóns de pesetas.

1.-Clasificación económica.

Ingresos

Capítulo III.-Prezos públicos e outros ingresos.3.097.460.000

Capítulo IV.-Transferencias correntes11.977.910.000

Capítulo V.-Ingresos patrimoniais.65.000.000

Capítulo VII.-Transferencias de capital.264.630.000

Total15.405.000.000

Gastos

Capítulo I.-Retribucións de persoal.11.339.700.000

Capítulo II.-Gastos en bens correntes e servicios.2.059.295.000

Capítulo III.-Gastos financeiros.80.000.000

Capítulo IV.-Transferencias correntes.388.305.000

Capítulo VI.-Investimentos reais.1.437.550.000

Capítulo VIII.-Activos financeiros10.150.000

Capítulo IX.-Pasivos financeiros.90.000.000

Total15.405.000.000

2.-Normas de execución do orzamento.

Dos gastos de persoal

Artigo 1º

1. As retribucións do persoal activo ó servicio da universidade quedan suxeitas ó que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos xerais do Estado e a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega. Os incrementos retributivos do persoal laboral deberán ser autorizados pola Comunidade Autónoma, segundo a lei orzamentaria.

2. Os custos do persoal laboral eventual contratado para substituí-lo persoal funcionario ou laboral de Administración e servicios serán financiados con cargo ós créditos dos correspondentes cadros de persoal.

3. Cando se produzan baixas definitivas nas escalas a extinguir dos cadros de persoal de Administración e servicios funcionario ou laboral, procederase á readaptación dos cadros de persoal correspondente e, no próximo exercicio, ós créditos a eles asignados. O custo de persoal funcionario de Administración e servicios minórase polo importe das prazas ocupadas por persoal laboral a extinguir e increméntase na mesma contía o cadro de persoal laboral.

4. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal, con motivo da prestación de servicios financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán supera-los ingresos.

5. Non se poderán abrir partidas orzamentarias no capítulo primeiro para gastos de persoal vinculado a proxectos ou convenios de investigación.

6. Constitúese un fondo para ampliación e mellora de 348 millóns de pesetas na partida orzamentaria 12200.99010. de ampliación e mellora, dos que 263 millóns corresponden a persoal docente e 85 millóns a PAS.

7. Os aforros consecuencia do pagamento delegado á Seguridade Social poderán xerar crédito nas partidas de persoal que se indican:

-Pagamento delegado de profesorado en profesorado contratado.

-Pagamento delegado de PAS funcionario e laboral en persoal laboral.

8. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos gastos de mérito docente, productividade investigadora, trienios e Seguridade Social.

9. Autorízase a incorporación dos remanentes do capítulo I, polo importe das retribucións e demais gastos de persoal con dereito a percepción durante 1995 e que non fosen liquidados no exercicio.

10. Autorízase na data de peche do exercicio a efectua-las xeracións e ampliacións de crédito establecidas nos artigos anteriores.

Dos créditos e as súas modificacións

Artigo 2º

1. Os créditos autorizados terán carácter vinculante e limitativo en canto a concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal terán carácter vinculante en canto a capítulo, agás o artigo 11 (persoal eventual) e o artigo 15 (gratificacións e productividade), e os investimentos reais terán carácter vinculante en canto a artigo. Os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante en canto a capítulo, coas seguintes excepcións:

a) O concepto 212 non poderá ser minorado, pero mediante redistribución de créditos do capítulo II dos centros poderá ser incrementado, tras comunicación ó Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

b) O concepto 227 de servicios centrais ten carácter vinculante

c) Terán carácter vinculante os créditos con financiamento específico.

2. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

3. Os créditos asignados pola Xunta de Goberno e o Consello Social ás facultades, escolas politécnicas superiores e escolas universitarias terán por finalidade financia-los gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o funcionamento ordinario do centro.

4. Os créditos distribuídos ós departamentos teñen como primeiro obxectivo atende-los gastos derivados da investigación que se faga neles, así como para financiar outros gastos asociados ó funcionamento ordinario deles.

5. Non se poderá promover contratación de persoal ou nomeamento de bolseiros con cargo ós créditos dos departamentos.

6. Con cargo ós créditos asignados ós centros non se poderán autorizar gastos de representación que superen os importes seguintes:

-Facultades e Escola Politécnica Superior 200.000 ptas.

-Escolas universitarias 100.000 ptas.

-Institutos e Centro de Documentación Europea 75.000 ptas

-O Consello Social determinará a contía que, con cargo ó seu orzamento, destina a gastos de representación e protocolo.

7. Os créditos descentralizados correspondentes a:

-Arrendamentos.

-Reparación e conservación de maquinaria, instalacións e ferramenta.

-Auga.

-Enerxía eléctrica.

-Combustible de calefacción.

Distribúense segundo os seguintes criterios, redondeados a múltiplos de 1.000 por exceso:

a) Para os contratos de arrendamento e reparación e conservación, o importe anual do contrato para 1994 incrementado no 5,5%.

b) Para os correspondentes a auga e enerxía eléctrica, distribúese o gasto real do exercicio 1994 incrementado no 7%.

c) Para combustible de calefacción a media do gasto real neto dos últimos dous anos incrementado no 7%.

8. Os responsables de asuntos económicos deberán formaliza-la retención de crédito polo importe total dos créditos asignados nos puntos a, b, e c do apartado anterior e enviar copia da folla de pedimento ó Servicio de Control Interno.

9. Créase o subconcepto 22608. Prácticas de campo, na clasificación económica do capítulo II.

Artigo 3º

1. A Xunta de Centro e o Consello do Departamento teñen a obriga de aproba-la distribución anual dos seus créditos, así como a súa execución.

Artigo 4º

1. A modificación dos créditos orzamentarios axustarase ó disposto no artigo 55 da Lei 11/1983, do 25 de agosto, no Art. 229 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, polas normas que o desenvolven e polas presentes bases.

2. O Consello Social delega na Xunta de Goberno a aprobación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios cando estes correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por outros entes públicos ou privados. O rector dará conta ó Consello Social dos expedientes aprobados.

3. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade, os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzada, derivados das seguintes operacións:

a) Prestacións de servicios.

b) Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

4. Correspóndelle ó rector a aprobación dos expedientes de xeración de crédito.

Artigo 5º

1. Cando, existindo crédito no exercicio económico, non se realizasen tódolos trámites establecidos na normativa económico-financeira para o recoñecemento de obrigas, a Xunta de Goberno procederá a valida-lo expediente. O rector dará conta destes expedientes ó Consello Social. Os expedientes que resulten de acordos de validación de gastos imputaranse ó exercicio económico no que se aproben as ditas validacións.

2. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos por xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servicio pendentes ó peche do exercicio, imputaranse ó exercicio corrente sen o trámite de validación da obriga pola Xunta de Goberno, ó non existir obriga con terceiros ó estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 6º

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados o 31 de decembro correspondentes a infraestructura, proxectos e convenios de investigación, prácticas de campo, dotación artística, fondo de solidariedade e os créditos financiados con achegas específicas.

2. A incorporación destes créditos deberá autorizala o rector. O rector dará conta á Xunta de Goberno e mais ó Consello Social dos expedientes aprobados.

3. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ó remanente de libre disposición será aprobado pola Xunta de Goberno.

4. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo rector, logo da remisión dos programas de investimento propostos polos órganos dos centros e departamentos.

Minoración do déficit orzamentario

Artigo 7º

Autorízase o rector para a realización das operacións de cancelación de déficit orzamentario a 31-12-1995, sempre e cando se cumpran as previsións de ingresos orzadas e segundo os seguintes criterios:

1. Se os créditos orzados de profesorado contratado e de persoal laboral foxen suficientes na data do peche de exercicio e non necesitasen ser ampliados, o importe do aforro polo pagamento delegado dedicarase á cancelación de operacións extraorzamentarias debedoras correspondentes a gastos de persoal.

2. Os remanentes a 31-12-1995 do capítulo I do orzamento, poderanse imputar á cancelación de ope

racións extraorzamentarias de gastos de persoal de exercicios anteriores.

Da contratación administrativa

Artigo 8º

1. A contratación de obras, servicios, subministracións, adquisicións, asistencias e traballos específicos e concretos non habituais levarase a cabo de acordo co establecido no Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela, aprobado por Resolución do 20 de maio de 1989 (DOG do 12 de xullo).

2. Modifícase o dito regulamento nos seguintes termos:

A) Engádese un novo artigo co número 7 bis, coa seguinte redacción:

«Terán a consideración de gastos menores os referentes á contratación de obras, servicios, subministracións, adquisicións, asistencias e traballos específicos e concretos non habituais, ata o importe de 1.100.000 ptas. Para a súa tramitación só será esixible proposta de adxudicación ou adquisición razoada e folla de pedimento, e para o seu aboamento, factura ou xustificación correspondente, e poderán acumularse nun só acto as devanditas fases».

B) Modifícase a redacción do artigo 31, quedando redactado como segue:

«31.1 A adxudicación directa producirase ordinariamente con publicidade, e só poderá ter lugar nos seguintes casos:

2. O procedemento de adxudicación directa sen publicidade só poderá producirse nos seguintes casos:

a) Cando se dean as circunstancias establecidas no punto anterior e así o aprecie e autorice o Órgano de Contratación, tralos informes que considere pertinentes.

b) Cando se trate de subministracións con importe superior ó establecido para os gastos menores, que non superen o importe de 2.500.000 ptas, sempre que se xustifique a adquisición cunha proposta razoada de adxudicación e sexan acompañados, para o efecto, de tres orzamentos. De non ser posible a obtención destes, deberá xustificarse axeitadamente este extremo na proposta de adxudicación».

C) Modifícase a redacción do artigo 32, quedando como segue:

«Non obstante o disposto no apartado e) do artigo anterior, cando se trate de bens de equipo necesarios para o desenvolvemento de programas de investigación que superen a cantidade de 25.000.000 de ptas., requirirase o acordo explícito do Consello Social.

O Consello Social poderá aumenta-la contía a partir da que se requira o acordo explícito del».

D) Suprímese na súa totalidade o artigo 33.

3. Procederá poñer en coñecemento do Servicio de Xestión Económica todos aqueles gastos para os

que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura de contrato.

4. Constitúese un fondo de dotación artística mediante redistribución dos créditos para obras do orzamento da universidade polo importe do 2% do custo de execución material dos proxectos de obras.

Do Regulamento de Xestión Orzamentaria

Artigo 9º

Modificación do anexo II do Regulamento de xestión orzamentaria, aprobado por Resolución do 17 de maio de 1988 (DOG do 27-6).

1.-Facturas de provedores habituais, importe máximo 150.000 ptas.

2.-Facturas de provedores esporádicos, importe máximo 300.000 ptas.

Da memoria anual

Artigo 10º

Os centros, departamentos e servicios deberán elaborar unha memoria económica anual no prazo de dous meses contados a partir do peche do exercicio económico. Estas memorias acompañarán á memoria económica anual da universidade.

Disposición adicional

Autorízase o xerente para que dicte as instruccións necesarias para un mellor funcionamento e control das contas de anticipos que deberán xustificarse.

Disposición derradeira

As presentes normas entrarán en vigor o día seguinte ó da aprobación definitiva do orzamento polo Consello Social, sen prexuízo de que a súa execución se entenda a partir do 1 de xaneiro de 1995.

95-5095