Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 04 de agosto de 1995 Páx. 6.246

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 232/1995, do 20 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Sanxenxo (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento dos accesos ás praias de Raxó, Paxariñas e Pragueira.

O Concello de Sanxenxo (Pontevedra), en sesión celebrada o día 25 de marzo de 1994, aprobou o proxecto de «Acondicionamento dos accesos ás praias de Raxó, Paxariñas e Pragueira» e na sesión do día 26 de abril de 1995 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 29 de xuño de 1995 baixo o número 6148.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Conselleria de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de xuño de 1995, nº 5466.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, son obras públicas de urxente e xustificada necesidade para a colectividade veciñal, e que as mesmas foron contratadas pola Dirección Xeral de Costas do Ministerio de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente, e están en fase de execución, dispoñe dun prazo perentorio para poñe-los terreos a disposición do dito organismo.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de Autonomia de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do Consellerio de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo único

De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Sanxenxo (Pontevedra), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído ó efecto e necesarios para a execución das obras do

proxecto de «Acondicionamento dos accesos ás praias de Raxó, Paxariñas e Pragueira».

Santiago de Compostela, vinte de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5343