Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 04 de agosto de 1995 Páx. 6.235

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 18 de xullo de 1995 pola que se clasifica como cultural a Fundación Aloya para la Promoción Cultural.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Aloya para la Promoción Cultural, con domicilio en Vigo (Pontevedra), rúa Couto, nº 2.

Supostos de feito.

1.-Que María del Carmen Montero Pardo, na condición de secretaria da fundación, en escrito do 4 de xullo de 1995 (rexistro de entrada do día 5) formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2.-Que a fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día 24 de abril de 1995 ante o notario desta cidade José María Rueda Pérez, co número setecentos noventa do seu protocolo, por Cándido Vieira Pérez, Araceli Filgueira Iglesias, María del Carmen Montero Pardo, Concepción Lorenzo Blanco, María Ángeles Martínez Gadea, Enrique Lloves Soler, Ángeles Sangil Santamaría, Dolores García Hervas, María Diz Rodríguez, Rafael Antón Miranda, María Soledad Yanguas Prieto, María del Carmen Navarro Carro e María de La O Casares Ozores. O 27 de xuño de 1995, outórgase en Vigo escritura de solemnización de acordos sociais ante o mesmo notario e co número mil trescentos corenta e sete de protocolo, polo que se refunden os estatutos.

3.-Que, segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a promoción cultural e social dos colectivos que forman a comunidade galega, especialmente entre a xuventude, de xeito que, con coñecementos apropiados e actitude aberta e solidaria, contribúan eficazmente ó desenvolvemento artístico, científico e económico de Galicia, así como ó fomento da solidariedade con outros pobos máis desfavorecidos.

4.-Que o padroado da fundación estará constituído por Cándido Vieira Pérez como presidente, Araceli Filgueira Iglesias como vicepresidenta, María del Carmen Montero Pardo como secretaria, María Ángeles Martínez Gadea, Concepción Lorenzo Blanco e Enrique Lloves Soler.

5.-Que a comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevan ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como cultural, da Fundación Aloya para la Promoción Cultural, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, ó cumpriren os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia( Lei orgánica 1/1981, do

6 de abril ); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1.-Que o artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e que o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia lle outorga competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2.-Que, de acordo co disposto no artigo 32.2º.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamennto do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3.-Que, á vista do que antecede, se poden considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias, establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 17 de xullo de 1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como cultural a Fundación Aloya para la Promoción Cultural, adscribíndoa á Consellería de Cultura que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 1995.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

5045