Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 03 de agosto de 1995 Páx. 6.212

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 1995, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.A. (Trainasa).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.L. (Trainasa), situada na provincia de Pontevedra que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-6-1995, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social polos delegados de persoal, en data 1-6-1995. De conformidade co disposto no artigo 90.2º y 3º, da Lei 8/1980 de 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Vigo, 15 de xuño de 1995.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

TRATAMIENTO INDUSTRIAL DE AGUAS, S.A.

Convenio colectivo anos 1995/96/97

NORMAS XERAIS

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo será de aplicación a todo o persoal adscrito ó centro de traballo de Vigo da empresa Tratamiento Industrial de Aguas, S.A., para o servicio de limpeza e conservación da rede de sumidoiros.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o día da súa sinatura. Non obstante, os efectos económicos salariais terán vixencia desde o 1 de xaneiro de 1995. A duración do presente convenio será de 3 anos, estendéndose ata o 31 de decembro de 1997.

Artigo 3º.-Denuncia.

A denuncia deste convenio deberá efectuarse por escrito perante a autoridade laboral e a outra parte,

entendéndose prorrogado de ano en ano se non fose denunciado con dous meses de antelación ó termo da súa vixencia, inicial ou prorrogada.

Artigo 4º.-Absorción e compensación.

As condicións económicas establecidas no presente convenio absorben tódalas existentes ata a sinatura deste.

Artigo 5º.-Conceptos retributivos.

As retribucións de cada traballador estarán compostas polo salario base de convenio e os complementos que para actividade, nivel e categoría se determinan, en relación co contido dos artigos seguintes.

O pagamento da nómina mensual deberá efectuarse o día 25 de cada mes (agás o mes de decembro, que se efectuará o día 22 dese mes), mediante transferencia bancaria á entidade previamente designada polo interesado.

Artigo 6º.-Salario base.

Ano 1995

O salario base para o persoal afectado por este convenio é o que se especifica para cada nivel e categoría na táboa salarial anexa.

Ano 1996

O salario base é o fixado na táboa salarial do ano 1995 incrementado no IPC do ano 1995 máis 1 punto.

Ano 1997

O salario base é o fixado na táboa salarial do ano 1996 incrementado no IPC do ano 1996.

Artigo 7º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade consistirá en tres bienios do cinco por cento, e posteriores quinquenios do sete por cento sobre o salario base de cada categoría. Respectaranse os topes establecidos polo Estatuto dos traballadores.

O complemento de antigüidade devengarase desde o 1 de xaneiro do ano en que se teña dereito a cobra-lo dito complemento.

Artigo 8º.-Plus de toxicidade, penosidade e perigosidade.

Establécese un plus por traballos toxicos, penosos e perigosos, cunha contía que se fixa nun vinte por cento (20%) do salario base en cada categoría. Aplicaráselle ó persoal que realice os traballos de limpeza industrial e de rede de sumidoiros.

Este plus devengarase por día efectivamente traballado.

Artigo 9º.-Utilización de equipos especiais.

Tódolos traballadores do equipo nos que sexa necesario utilizar pistola de máxima presión ou equipo de respiración autónomo ou alimentado polo camión ou grupo comprensor de aire, percibirán un plus de 250 ptas. por hora efectiva traballada.

Os compoñentes do equipo velarán para que se cumpran as medidas de seguridade do traballador que utilice os equipos especiais.

Artigo 10º

A) Plus de actividade e calidade.

Establécese un plus de actividade e calidade de traballo.

Este plus devengarase por día efectivamente traballado.

O equipo de traballo comporano, de acordo co tipo de actividade que se vaia realizar, ben un oficial e dous peóns ou ben un oficial e un peón.

O importe do dito plus será de 796 ptas./día para cada un dos compoñentes do equipo formado por dous traballadores e de 490 ptas./día para o equipo formado por 3 traballadores.

B) Plus de colaboración.

Tódolos peóns compoñentes dos equipos percibirán o dito plus, que terá unha contía de mil oitocentas oitenta e seis (1.886) ptas. mensuais, por mes efectivamente traballado.

Artigo 11º.-Plus de distancia e transporte urbano.

Todo o persoal afecto a este convenio percibirá un complemento extrasalarial denominado plus de distancia e transporte urbano por un importe de 588 ptas./día.

Este plus devengarase por día efectivamente traballado.

Así mesmo, percibirase o dito plus por cada unha das saídas que se realicen en retén.

Artigo 12º-Complemento de desprazamento.

O persoal acollido a este convenio percibirá, cando deba realizar traballo fóra do termo municipal de Vigo, un complemento de desprazamento, de carácter extrasalarial, cunha contía de 96 ptas./hora.

Este complemento devengarase por hora efectivamente traballada fóra do concello de Vigo, incluídos os desprazamentos.

Artigo 13º-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de verán e Nadal, serán aboadas a razón de unha mensualidade, cada unha, do salario base e maila antigüidade.

A paga de benficios será:

Ano 1995: 20 días de salario base máis antigüidade.

Ano 1996: 25 días de salario base máis antigüidade.

Ano 1997: unha mensualidade de salario base máis antigüidade.

A paga extra de verán devengarase de primeiro de xaneiro ó día 30 de xuño.

A paga extra de Nadal devengarase desde o primeiro de xullo ata o 31 de decembro.

A paga de beneficios devengarase desde o primeiro de xaneiro ó 31 de decembro.

PAGAABOAMENTO

Verán24 de xullo

Nadal22 de decembro

Beneficios25 de marzo

As pagas extras devengaranse día a día, non se devengarán nas ausencias inxustificadas nin durante o tempo de baixa por IT, excepto cando a baixa sexa causada por accidente laboral.

Artigo 14º.-Plus de nocturnidade.

Os traballadores que deban realiza-la súa xornada laboral en xornada nocturna (entre as vintedúas trinta horas e as seis horas da mañá) recibirán por tal concepto un plus de nocturnidade consistente no trinta por cento (30%) do salario base de cada categoría. Este plus aboarase por día efectivamente traballado en xornada nocturna.

Artigo 15º.-Retén de garda e festivo traballado.

Os sábados, domingos e festivos existirá un retén de garda, que deberá estar disposto e localizable para acudir ó servicio para o que sexa requirido por necesidade de intervención urxente na rede de saneamento público. Este retén estará formado por un conductor e un peón; farase de forma rotativa entre todo o cadro de persoal.

O retén durará desde as vintedúas trinta horas do venres ata as vintedúas trinta horas do domingo.

A prima por este servicio será de 5.000 pesetas ó día.

No caso de que o retén supere as 16 horas de traballo efectivo, a prima por este servicio será de 7.200 pesetas.

Artigo 16º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 37.5 horas (trinta e sete horas e trinta minutos) semanais, distribuídas segundo o seguinte horario:

-Xornada de mañá: de 7.30 horas a 15.00 horas.

-Xornada de tarde: de 15.00 horas a 22.30 horas.

-Xornada de noite: de 22.30 horas a 6.00 horas.

A xornada será de luns a venres, agás reténs e servicios de urxencia no saneamento público.

Dentro do horario desfrutarase dunha pausa de quince minutos, que todo o equipo realizará simultaneamente.

A totalidade do cadro de persoal rotará por equipos semanalmente as tres xornadas establecidas, facéndose a igualdade posible na rotatividade por categorías en cómputo anual.

Establécense dúas pontes, o seu desfrute será ó 50% do cadro de persoal en catro datas fixadas pola empresa logo de negociación cos traballadores.

Os días de Noiteboa (24 de decembro) e fin de ano (31 de decembro) desfrutarase dunha reducción do 50% da xornada.

Artigo 17º.-Organización do traballo.

Cando se produza a creación dun posto de traballo en calquera categoría, a empresa publicarao no seu taboleiro de anuncios, para coñecemento de todo o persoal.

Na selección dos aspirantes valoraranse os méritos e antigüidade do persoal, segundo o seguinte baremo:

-Antigüidade na empresa:

0,2 Ptos. por ano de servicio ata un máximo de 2 Ptos.

-Antigüidade por carné de camión:

0,2 Ptos. por ano de antigüidade do permiso de conducir clase C2 ata un máximo de 2 Ptos.

-Responsabilidade:

Ata 1 Pto.

-Dispoñibilidade no traballo:

Ata 1 Pto.

-Capacidade de traballo:

Ata 1 Ptos.

-Coidado da maquinaria:

Ata 1 Pto.

-Imaxe ante o cliente:

Ata 1 Pto.

-Presentación de partes:

Ata 0,5 Ptos.

-Cultura xeral:

Ata 0,5 Ptos.

Todo o persoal que leve na empresa máis de 12 meses con contrato fixo con categoría de peón, ascenderá automaticamente a peón especialista.

Por necesidades de organización, a empresa poderá trasladar, provisionalmente, os traballadores adscritos a un equipo a outro distinto para efectua-los mesmos labores propios da súa categoría e/ou outros distintos se isto fose necesario, aboándoselles neste caso a diferencia retributiva.

Do total dos equipos de traballo estarán polo menos tres equipos formados por tres traballadores cada un.

Artigo 18º.-Vacacións.

Tódolos traballadores terán dereito a un período de vacacións anuais de 30 días naturais, que desfrutarán preferentemente no período abranguido entre o primeiro de xuño e o trinta de setembro.

Para o desfrute das vacacións fixarase un calendario rotativo, dentro de cada servicio, en función do período de desfrute previsto, que garanta que ningún traballador poida verse discriminado. Sen embargo, o calendario definitivo recollerá aquelas modificacións propostas polos traballadores, e libremente pactadas entre eles, sempre que non afecten significativamente ó servicio ou sección ó que estean asignados.

A retribución en período vacacional será: salario base máis antigüidade, plus tóxico e plus de actividade.

Artigo 19º.-Festas.

Terán consideración de festas, todas aquelas que, regulamentariamente, estean determinadas; tamén o

día 3 de novembro, San Martín de Porres, patrono da limpeza. Se cadra non laborable, cambiaríase polo día laborable inmediatamente anterior.

Artigo 20º.-Permisos e licencias.

O traballador, logo de aviso e posterior xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e períodos seguintes:

17 días naturais en caso de casamento.

6 días naturais en caso de falecemento de cónxuxe ou fillos.

6 días naturais en caso de enfermidade grave de fillo ou cónxuxe.

3 días naturais por nacemento de fillo.

3 días naturais en caso de falecemento de pais, avós, netos ou irmáns do traballador ou do seu cónxuxe.

1 día por traslado de domicilio.

1 día para renovación de permiso de conducir (logo de aviso de 72 horas).

2 días naturais por enfermidade grave de pais, avós, netos ou irmáns do traballador ou do seu cónxuxe.

As licencias enténdense vinculadas ó feito causante, debéndose desfrutar ó producirse este.

O non recollido neste artigo rexerase polas demais normas vixentes aplicables.

Artigo 21º.-Anticipos reintegrables e fondo social.

Todo o persoal suxeito a este convenio poderá solicitar, con cargo ó fondo establecido neste artigo, anticipos reintegrables, que serán concedidos discrecionalmente pola dirección da empresa.

A forma de amortización será:

-Unha mensualidade que se amortizará en doce meses.

-Dúas mensualidades que se amortizarán en vintecatro meses.

A empresa destinará a este fin a cantidade de 600.000 pesetas.

Considéranse incluídas no fondo as cantidades pendentes de reintegrar dos anticipos concedidos nos exercicios anteriores.

Fondo social.

Créase un fondo social destinado a formación, asistencias, etc.; o importe será de 500.000 pesetas anuais con destino a tódolos traballadores.

A dirección da empresa aprobará os criterios e programas vixiando a distribución destes fondos e a contía que se aplicará en cada caso.

Artigo 22º.-Roupa de traballo.

Subministraráselle a todo o persoal a necesaria e habitual roupa de traballo, quedando determinada a súa entrega na seguinte forma:

-Camisa de manga longa: 2 ó ano

-Camisa de manga curta: 2 ó ano

-Pantalón: 4 ó ano

-Xersei: 2 ó ano

-Calzado de seguridade: 2 pares ó ano

-Anorac: 1 cada ano

-Chaqueta curta: 4 ó ano

-Canguro: 2 ó ano

-Roupa de auga: cando o posto de traballo así o requira.

-Luvas de caucho: segundo necesidades.

-Botas de auga de seguridade: 1 par ó ano.

Será obrigatoria a utilización da roupa de traballo durante a xornada laboral.

As datas de entrega serán aproximadamente a primeira quincena de maio para a roupa de verán e a segunda quincena de setembro para a roupa de inverno.

Artigo 23º.-Seguro de accidentes.

A empresa comprométese a subscribir unha póliza de accidentes de traballo que lle garanta a cada traballador as seguintes indemnizacións:

a) En caso de falecemento por accidente de traballo ou enfermidade profesional: 2 millóns de ptas.

b) En caso de incapacidade laboral permanente total, absoluta ou gran invalidez, derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 2,5 millóns de ptas.

Artigo 24º.-Axudas de custo.

Ámbalas partes conveñen na necesidade de dotarse dun instrumento pactado de mobilidade xeográfica que facilite a ordenación racional dos recursos humanos da empresa.

Ó persoal acollido ó presente convenio poderá ser destinado fóra do termo municipal de Vigo; neste caso percibirá os complementos establecidos ó respecto.

Ó persoal que, por necesidades da empresa, teña que xantar ou cear fóra do seu domicilio, aboaráselle a cantidade de mil oitocentas pesetas (1.800) por cada unha das comidas que se vexa obrigado a realizar fóra de casa.

No caso de que fose necesario efectua-las comidas fóra do termo municipal de Vigo aboaranse dúas mil cincocentas pesetas (2.500) por cada comida.

No caso de que, por obriga do traballo que se vai efectuar, se deba pasa-la noite fóra do domicilio habitual, aboaráselle unha axuda de custo de aloxamento por importe de tres mil seiscentas pesetas (3.600).

As melloras pactadas serán de aplicación a partir da data da sinatura do convenio colectivo.

Artigo 25º.-Situación de incapacidade transitoria.

A empresa aboaralles a tódolos traballadores durante a situación de IT, derivada de accidente de traballo, e desde o primeiro día, a diferencia entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do salario base máis antigüidade, toxicidade e plus de actividade e calidade.

Do mesmo xeito, complementarase ata o 100% do salario base máis antigüidade, toxicidade e plus de actividade e calidade, nos casos de hospitalización e en canto dure esta. A dita situación deberase acreditar de forma que faga fe para xera-lo dereito a este complemento.

A empresa aboaralles a tódolos traballadores, durante a situación de IT e desde o vixésimo primeiro día a diferencia entre as prestacións da Seguridade Social e o 100% do salario base máis antigüidade, toxicidade e plus de actividade e calidade.

Artigo 26º.-Retirada do permiso de conducir.

No suposto de que a un traballador, con ou sen a categoría de conductor, realizando o seu cometido cun vehículo da empresa e cumprindo a función que lle foi asignada, se lle retirase provisionalmente o permiso de conducir, a empresa acomodarao noutro posto de traballo adecuado ás súas facultades e respectaralle a retribución da súa categoría profesional, por un máximo de 2 anos. Ó remate da suspensión será reintegrado ó seu posto de traballo.

Estes beneficios non terán lugar cando a causa de retirada do permiso de conducir se deba a conducción temeraria, embriaguez ou drogadicción ou cando exista reincidencia.

Artigo 27º.-Seguridade e hixiene.

Dada a importancia que recoñecen os asinantes na prevención de accidentes, engádese este capítulo. Considerando ámbalas partes a obriga de aplica-la lexislación sobre seguridade e hixiene vixente, para este efecto, a dirección e a representación legal dos traballadores velará polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias.

Todo traballador será recoñecido, polo menos, unha vez ó ano. O resultado destes recoñecementos facilitaráselle a cada traballador de forma clara e lexible para el.

A dirección da empresa adoptará as medidas de seguridade e hixiene pertinentes como consecuencia do control do lugar de traballo, das instalacións e medios que pon a disposición dos traballadores. Estas medidas de protección afectarán igualmente ós traballadores, quedando obrigados a traballar cos medios facilitados así como coidar que os locais e instrumentos de traballo estean en perfectas condicións, debendo poñer en coñecemento da dirección da empresa as anomalías que se detecten para que esta adopte as medidas oportunas.

Artigo 28º.-Cota sindical.

A empresa, logo de solicitude do interesado, efectuará as retencións pertinentes por cotas sindicais.

Artigo 29º.-Horas extraordinarias.

Poderanse realiza-las horas extraordinarias estructurais necesarias por acumulación de tarefas, ausencias imprevistas, cambios de quenda e outras circunstancias de carácter estructural, por causa da natureza do traballo que se vai executar.

O valor das horas extraordinarias é o fixado na táboa existente.

Artigo 30º.-Comisión mixta interpretativa do convenio.

Cantas dúbidas xurdan en relación coa interpretación do convenio serán sometidas á comisión paritaria que estará constituída por 2 (dous) representantes designados polos traballadores e 2 (dous) pola dirección da empresa.

Polo menos un dos representantes da dirección da empresa e da representación dos traballadores deberá ter formado parte da comisión negociadora respectiva no convenio.

Tódolos conflictos, tanto individuais como colectivos que puidesen xurdir durante a vixencia do presente convenio, deberán someterse, como trámite previo e preceptivo, ó dictame desta comisión.

Artigo 31º.-Quebranto de moeda.

A empresa non exime a obriga de repoñer perdas de diñeiro a aqueles traballadores cunha función que leve implícito o manexo de diñeiro.

Non obstante como compensación ó anterior, aboaráselles a cada un dos xefes de equipo ou responsables desta función, a cantidade de tres mil cincocentas pesetas (3.500 ptas.) por mes efectivamente traballado.

Artigo 32º.-Lexislación subsidiaria.

En todo o non recollido no presente convenio, observarase o que dispoña o Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes aplicables.

Cláusula adicional

As empresas contratadas para realiza-la limpeza da rede de sumidoiros do concello de Vigo quedarán obrigadas a tomar ó seu cargo, mediante subrogación dos contratos de traballo, especificamente ó persoal de Trainasa, que antes do 1-7-1991 figuraba adscrito á empresa Construcciones y Contratas, S.A. (anterior prestataria desta función para a empresa municipal de abastecemento e saneamento de augas de Vigo).

Para efectos da aplicación do apartado anterior, transcríbese a relación do persoal afectado, na que se especifica, ademais do nome e apelidos, a categoría profesional e a data de ingreso na empresa Construcciones y Contratas, S.A. Transcribése, así mesmo, copia do artigo 1º do convenio colectivo que estaba vixente o 1-7-1991.

CategoríaData de ingreso
NomeProfesionalen CYC

Francisco Javier Suárez Glez.Xefe de servicio01.12.86
Juan Carlos González MonteroPeón especialista11.03.85
Jesús Rivero TaboadaPeón especialista16.04.85

CategoríaData de ingreso
NomeProfesionalen CYC

Ramón López BarrosPeón especialista16.04.85
Luis González PérezOficial primeira11.04.85
Juan Domingo Vidal SangabrielOficial primeira22.04.85
Alfonso Sanmartín CaamañoPeón especialista13.01.86
José Ramón Montaña ValiñoPeón especialista19.01.87
José Luis Seoane CostayaPeón especialista26.05.87
Carlos Rocha LoresPeón especialista19.10.87
Manuel Paradela OteroOficial primeira19.01.87
Alejandro Carballeira CardaldaOficial primeira13.10.86
José Luis Lage AlonsoPeón especialista22.08.88
Abelardo López LópezPeón especialista29.08.89

Copia do artigo 1º do convenio colectivo que estaba vixente o 1-7-1991:

Ámbito territorial e funcional.-O presente convenio regulará as condicións de traballo da empresa Construcciones y Contratas, S.A., co seu persoal adscrito ós servicios de recollida de lixo e limpeza viaria que a empresa ten concertada co Concello de Vigo. Así mesmo, o presente convenio será tamén de aplicación ó persoal adscrito ó servicio de limpeza da rede de sumidoiros da cidade de Vigo.

Se algún dos servicios mencionados deixan de prestarse pola non renovación da concesión administrativa, os traballadores adscritos a el serían absorbidos pola nova empresa adxudicataria respectándoselle-las súas condicións laborais e económicas, conforme coa lei vixente.

Disposición derradeira

Son partes asinantes do presente convenio colectivo:

Da parte económica:

Alberto Gutierrez Montoliú

Andrés F. Mariño Vilar

Francisco Javier Suárez González

Pola parte social:

Luis Lage Alonso

José Ramón Montaña Valiño

Alejandro Carballeira Cardalda

Asesor da representación social:

Jesús Casal García

TÁBOA SALARIAL ANEXA

Encargado de sector.

Salario base: 251.793 ptas./mes.

Oficial 1ª conductor.

Salario base: 94.596 ptas./mes.

Horas extras normais: 1.100 ptas.

Horas extras festivas: 1.260 ptas.

Peón especialista.

Salario base: 89.850 ptas./mes.

Horas extras normais: 1.060 ptas.

Horas extras festivas: 1.200 ptas.

Peón:

Salario base: 85.440 ptas./mes.

Horas extras normais: 1.060 ptas.

Horas extras festivas: 1.200 ptas.

9505309