Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 01 de agosto de 1995 Páx. 6.151

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 4 de xullo de 1995 pola que se convocan prazas nas residencias xuvenís para o curso 1995/1996.

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude desenvolve, a través da Dirección Xeral de Xuventude, o programa de fomento da actividade xuvenil, para o que dispón dunha serie de instalacións, entre as que se atopan as residencias xuvenís.

Como é habitual, as citadas instalacións póñense á disposición dos xoves estudiantes durante o curso académico, ofrecéndolles aloxamento e manutención, desenvolvéndose nelas unha serie de actividades convivenciais e educativas, a través das que se intenta fomenta-los valores sociais, culturais e deportivos dos xoves residentes e de outros calquera que puidesen beneficiarse do labor sociocultural nas actividades que se programan. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la presente oferta de prazas para xoves estudiantes nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o curso académico 1995/1996, nos réximes de internado e media pensión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias para cada un dos réximes son as seguintes:

a) Réxime de internado

CidadeResidenciaPrazasV/H

LugoEijo Garay100V
LugoIrmáns Pedrosa 80H
OurenseFlorentino L. Cuevillas 60V/H
VigoAltamar 80V/H

b) Réxime de media pensión

CidadeResidenciaPrazas

LugoEijo Garay25

LugoIrmáns Pedrosa25

VigoAltamar50

Para os efectos do uso das instalacións, o curso académico 1995/1996 abarcaría desde o 1 de outubro de 1995 ó 30 de xuño de 1996.

Artigo 2º.-Solicitude.

2.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I.

2.2. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

-Certificación académica oficial de estudios do último curso. No caso de que fose COU, xuntarase certificación académica da selectividade.

-Fotocopia compulsada do DNI, e do libro de familia.

-Fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente para os alumnos do 1º ano.

-Fotocopia compulsada da folla de liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar, correspondente ó último exercicio. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada achegarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas follas de liquidación.

-Se é bolseiro, fotocopia compulsada da documentación que acredite a dita condición.

-Calquera outro xustificante a ter en conta nos criterios de selección para a súa posterior valoración pola comisión cualificadora.

2.3. No caso de seren admitidos, terán tamén que presenta-los seguintes documentos:

-Cartilla da Seguridade Social ou, no seu defecto, calquera outro documento de asistencia médica e de botica.

-Certificado de non padecer enfermidade infecto-contaxiosa e de vacinacións.

-Dúas fotografías tamaño carné.

-Xustificante bancario de pagamento de dúas mensualidades (outubro/95 e xuño/96).

-Fotocopia compulsada do resgardo de matrícula correspondente ós estudios que vai cursar ou, no caso dos alumnos de 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel.

2.4. As solicitudes, xunto coa restante documentación, poderán presentalas na Dirección Xeral de Xuventude, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nas propias residencias xuvenís, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2.5. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás prazas obxecto da presente convocatoria os/as mozos e mozas estudiantes que non superen os 30 anos de idade antes da data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, e sempre que na localidade onde se atopa a súa residencia familiar non haxa oferta pública do curso, nivel ou grao correspondente ós estudios a cursar polo alumno solicitante.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Cando o número de solicitudes para cada residencia supere a dispoñibilidade de prazas, estas serán asignadas por orde de preferencia segundo os criterios

básicos preferentes de selección que a continuación se establecen:

a) Aqueles que xa foron residentes nos últimos cursos, e que o seu comportamento e rendemento académico os fagan merecentes.

b) Cursar estudios universitarios.

c) Rendemento académico.

d) Renda da unidade familiar.

e) Situación de familia numerosa.

f) Condición de orfo.

g) Condición de bolseiro.

h) Ter fixada a súa residencia na Comunidade Autónoma galega, agás os fillos de emigrantes.

Artigo 5º.-Comisión cualificadora.

A valoración das solicitudes para cada residencia efectuarase na delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia onde radica aquela, mediante unha comisión cualificadora creada para tales efectos e constituída polo delegado provincial que actuará como presidente, o xefe do servicio de xuventude e o director/a da residencia xuvenil. Actuará como secretario un funcionario nomeado polo delegado provincial.

Artigo 6º.-Resolución da convocatoria.

Cada comisión cualificadora confeccionará un listado por orde de preferencia das solicitudes recibidas para a respectiva residencia e elevará proposta de resolución no prazo máximo de vinte días ó director xeral de Xuventude, que será o que resolva.

Unha vez resolta a presente convocatoria para cada unha das residencias xuvenís, os respectivos servicios de xuventude das delegacións provinciais notificarán ós interesados a resolución de adxudicación. Así mesmo, as listas dos admitidos serán expostas nas residencias xuvenís, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondentes, e na Dirección Xeral de Xuventude.

Os admitidos terán que presenta-la documentación referida no artigo 2.3º no prazo de 10 días contados desde aquel en que reciban a comunicación de admisión, excepto a fotocopia compulsada do resgardo de matrícula ou o certificado do xefe do departamento universitario correspondente, que poderán presentala ata o 31 de outubro de 1995. En caso contrario decaerán no seu dereito, e procederase a cubri-la vacante conforme o listado confeccionado pola comisión cualificadora.

Artigo 7º.-Condicións económicas.

De acordo co estipulado na Orde do 2 de xaneiro de 1995 pola que se fixan as tarifas e prezos en servicios de xuventude nas instalacións xuvenís para o ano 1995, as cotas que se aboarán por mes para cada unha das modalidades de residente serán:

Residentes internos: 33.500 ptas.

Mediopensionistas: 14.000 ptas.

A cota poderase aboar por trimestre ou por mes. Os pagamentos faranse nos cinco primeiros días de cada trimestre ou mes, segundo a modalidade de pagamento escollida, durante a duración do curso, desde o 1 de outubro de 1995 ó 30 de xuño de 1996, e non haberá descontos por vacacións, permisos, etc.

Unha vez comunicada a admisión farase unha entrega de dúas mensualidades en concepto de pagamento polo primeiro e o derradeiro mes do curso (outubro/95 e xuño/96). A renuncia voluntaria que se comunique despois do 15 de outubro dará lugar á perda da devandita cantidade entregada.

Artígo 8º.-Servicios ofertados.

8.1. Ademais dos servicios de aloxamento e mantenza, no caso dos residentes internos, as residencias xuvenís ofrecen con carácter xeral os seguintes:

-Aula de estudio.

-Salas de xogos.

-TV e vídeo.

-Biblioteca.

-Actividades culturais e deportivas.

-Información ós pais que o pidan sobre o comportamento do seu fillo/a.

8.2. Os servicios dos mediopensionistas comprenderán o aloxamento, o xantar e a merenda, ademais dos citados no apartado anterior con carácter xeral.

8.3. A asistencia médica e de botica será por conta do residente, que deberá traer, o día da incorporación, a fotocopia da cartilla da Seguridade Social ou calquera outra documentación do seguro do que sexa beneficiario (Muface, Sanitas, Adeslas, etc.). Con todo, en cada residencia haberá unha caixa de urxencias de primeiros auxilios.

8.4. Por descanso do persoal, as fins de semana e festivos non se prestarán servicios de comedor. Non obstante, a dirección da residencia poderá variar este criterio en función da dispoñibilidade de persoal.

Artigo 9º.-Obrigas dos residentes.

Os residentes comprometeranse a respectar e cumpri-las normas de réxime interno da residencia xuvenil.

Os desperfectos ocasionados polo mal uso das instalacións, material e utensilios, serán de responsabilidade individual dos seus autores ou colectivamente de quen teña asignadas as dependencias concretas ó seu uso, que terán que aboa-lo seu custo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 1995.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

5165