Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 01 de agosto de 1995 Páx. 6.148

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de xullo de 1995 pola que se convocan prazas de colaboradores-bolseiros para residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude.

O Estatuto de autonomía atribúelle á Comunidade Autónoma Galega no seu artigo 27.23º a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle a posibilidade de outorgar axudas económicas a persoas físicas, de acordo cos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade esixidos polos artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Por outra banda, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as que figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e manutención, ofrecen ós mozos estudiantes residentes unha serie de servicios e activiades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización da presente convocatoria preténdese favorece-lo acceso ó ensino universitario dos estudiantes con escasos recursos, e ó mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial ás residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-la presente oferta de prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís dependentes da Consellería de Familia, Muller e Xuventude para o curso académico 1995/1996.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

ResidenciaPrazasH/M

Eijo Garay (Lugo)5H
Irmáns Pedrosa (Lugo)4M
F.L. Cuevillas (Ourense)5H/M
Altamar (Vigo)5H/M

Artigo 2º.-Requisitos dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria os seguintes:

a) Ser español/a e residente en Galicia.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudios universitarios de 1º, 2º ou 3º ciclo, nunha facultade ou escola universitaria.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador-bolseiro por causa imputable ó solicitante.

Artigo 3º.-Solicitude.

3.1. A solicitude efectuarase utilizando o impreso que figura no anexo I. O interesado poderá efectuar unha única solicitude, na que poderá optar por un centro.

3.2.- Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

-Fotocopia do documento nacional de identidade.

-Fotocopia compulsada das páxinas do libro de familia onde figuren os membros da unidade familiar.

-Orixinal ou fotocopia compulsada do expediente académico.

-Fotocopia compulsada da folla de liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar correspondente ó último exercicio. Cando os contribuíntes opten pola modalidade de declaración separada aportarase fotocopia compulsada de ámbalas dúas follas de liquidación.

-Acreditación de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 4.1º para a súa consideración e valoración pola comisión cualificadora.

3.3. A solicitude xunto coa restante documentación deberán presentala na delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude correspondente á provincia onde radica a residencia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.4. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días contados a partir daquel en que entre en vigor a presente orde.

Artigo 4º.-Adxudicación de prazas.

4.1.-Concluído o prazo outorgado para a presentación de solicitudes, constituirase unha comisión cualificadora en cada unha das provincias onde radican as residencias xuvenís, presidida polo respectivo xefe do Servicio de Xuventude e actuando como vocais un funcionario designado polo delegado provincial e o/s director/es das residencias xuvenís situadas nesa provincia. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando no seu conxunto os seguintes criterios por orde de preferencia:

-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación ingresos/nº de membros da unidade familiar.

-Ter sido colaborador-bolseiro nalgunha residencia xuvenil das relacionadas no artigo 1º. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable do director da residencia xuvenil en relación ó comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador-bolseiro na residencia respectivas.

-Expediente académico.

-Coñecementos específicos e experiencia en animación socio-cultural e actividades deportivas.

-Motivo da solicitude.

-Entrevista persoal: a comisión cualificadora poderá citar ós solicitantes para a realización dunha entrevista persoal.

4.2.-A comisión competente confeccionará unha lista por orde de preferencia das solicitudes recibidas para cada residencia, elevando a correspondente proposta de resolución ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude no prazo máximo de dez días, contados a partir do remate do prazo de presentación de instancias.

4.3.-Dictada resolución polo delegado provincial, o Servicio de Xuventude respectivo procederá a comunicar ós solicitantes as adxudicacións e denegacións.

4.4.-Os seleccionados están obrigados a presentar fotocopia compulsada do resgardo de matrícula correspondente ós estudios que van a cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 1995. En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubri-la vacante conforme o listado confeccionado pola comisión cualificadora. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

Artigo 5º

A concesión da praza como colaborador-bolseiro comporta a exención do pagamento dos servicios residencias durante o período de funcionamento destes, incluído curso académico e o período vacacional, o que abarca desde o 1 de outubro de 1995 ó 30 de setembro de 1996, así como o recoñecemento da súa condición de colaborador-bolseiro ante o resto dos residentes.

Artigo 6º

A condición de colaborador-bolseiro obriga a este a colaborar en tódalas tarefas e cometidos de orde interna e actividades que lles poida encomenda-la dirección da residencia, relacionadas co desenvolvemento de accións formativas e convivencias. Estas deberanse realizar de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro.

Artigo 7º

A condición de colaborador-bolseiro extínguese ó remata-lo período fixado no artigo 5º desta convocatoria, así como por renuncia expresa do interesado.

O incumprimento por parte do colaborador-bolseiro das súas obrigas, das normas de réxime interno da residencia ou a ausencia inxustificada, serán causas da perda da condición de colaborador-bolseiro para tódolos efectos, por resolución do delegado, logo de informe do director da residencia.

Artigo 8º

A condición de colaborador-bolseiro non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra orde entre a Administración e o beneficiario.

Disposición adicional

As axudas reguladas nesta orde poderán ser compatibles coa percepción doutras axudas ou bolsas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 1995.

Manuela López Besteiro

Consellería de Familia, Muller e Xuventude

9505303