Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Martes, 01 de agosto de 1995 Páx. 6.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 24 de xullo de 1995 pola que se establecen bolsas de prácticas para estudiantes que realizan ensinanzas de formación agraria.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no uso das súas competencias convoca bolsas para

a realización de prácticas nas explotacións dos seus centros de capacitación agraria, ó remata-lo curso 1994-1995, ata unha contía de 4.389.000 ptas., a través da Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, con cargo ós orzamentos desta. O fin destas bolsas será que os estudiantes en especialidades agrarias adquiran maiores coñecementos prácticos nas materias propias dos seus estudios, que lles permitan unha mellor incorporación no seu futuro profesional; polo tanto convén establecer unha liña de axudas económicas en forma de bolsas para prácticas. Estas serán realizadas de forma prioritaria en centros que respondan á especialidade cursada.

Polo exposto, en virtude das atribucións que teño conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e os artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas bolsas teñen por obxectivo paliar na medida do posible, ós alumnos que realizan estudios de formación agraria, os gastos ocasionados polo desprazamento e manutención durante as xornadas correspondentes á realización das prácticas nas explotacións.

Artigo 2º.-Finalidade.

Realización de traballos prácticos supervisados na explotación agraria para amplia-los seus coñecementos e mellora-lo seu adestramento en materias propias dos seus estudios.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

As bolsas reguladas por esta orde, poderán ser solicitadas por alumnos que durante o curso 1994-1995 cursen ensinanzas de nivel 2 na rama agraria, nas especialidades de horticultura, explotacións agropecuarias (vacún), Instalación e Mantemento de Xardíns ou Capataces Forestais, nas escolas de capacitación agraria da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 4º.-Carácter das bolsas.

As bolsas terán carácter de prácticas á formación recibida, e non implican relación laboral nin administrativa entre os beneficiarios e a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, aínda que si a necesaria dependencia administrativa en relación co horario, normas de réxime interno e disciplinas da unidade administrativa onde se realicen as prácticas.

As bolsas tampouco darán lugar á súa inclusión na Seguridade Social, nembargantes suscribiráselles unha póliza colectiva de seguro de accidentes durante o período de prácticas que cubrirá os accidentes de traballo e responsabilidade civil correspondente.

Artigo 5º.-Tipo de bolsas.

Convócanse 2 tipos de bolsas, en función das horas de prácticas e número de xornadas nas que estas se realizan.

Tipo A: 20 bolsas, para a realización de 300 horas de prácticas cada unha, durante 40 xornadas máximas,

nos meses de xullo, agosto e setembro, para alumnos que conclúen os seus estudios.

Tipo B: 30 bolsas, para a realización de 150 horas de prácticas cada unha, durante 20 xornadas máximas, nos meses de xullo, agosto e setembro, para alumnos que remataron o primeiro curso.

As bolsas poden ser reconvertidas nun ou noutro tipo, en función das solicitudes e sempre que non se modifique o montante global orzamentado.

Non obstante o anterior, se a contía total das solicitudes superase o crédito dispoñible, queda autorizada a Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para reaxusta-lo número de xornadas solicitadas, de forma que a súa contía non exceda o crédito dispoñible. Neste caso comunicaráselles ós interesados/as a modificación efectuada.

Artigo 6º.-Requisitos e coantía das axudas.

Serán requisitos indispensables para solicitar estas ayudas:

Que os alumnos solicitantes estean matriculados de 1 ou 2 cursos da especialidade correspondente ás prácticas que solicita, nalgún dos centros de Capacitación Agraria, da Consellería de Agricultura, Gandería Montes.

Que os alumnos solicitantes presenten un certificado do expediente académico do último curso realizado.

Que os alumnos presenten certificación de prácticas voluntarias realizadas no centro de capacitación agraria onde estean matriculados ó longo do curso 1994-1995.

Que as solicitudes sexan informadas favorablemente polo director do centro onde se presentan.

A contía das axudas establécese en función do número de horas prácticas.

Axudas tipo A: 125.400 ptas. para a realización de 300 horas de prácticas, durante 40 xornadas.

Axudas tipo B: 62.700 ptas. para a realización de 150 horas de prácticas, durante 20 xornadas.

Artigo 7º.-Oferta de prazas.

Os centros de capacitación agraria que se relacionan ofertan as seguintes prazas para a realización de prácticas, en función do número de xoves que poidan acollerse para darlles o adecuado tratamento formativo.

Centro de Capacitación

Especialidade/s

Nº prazas

Tipo A

Nº prazas

Tipo B

Guísamo (A Coruña)Horticultura

Xardinería

45
Sergude (A Coruña)Xefe de explotación (vacún)

Forestal

45
Becerreá (Lugo)Forestal35
Monforte de Lemos

(Lugo)

Xefe de explotación (vacún)35
Pedro Murias

(Lugo)

Xefe de explotación (vacún)35
Lourizán

(Pontevedra)

Forestal35

Artigo 8º.-Formalización de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes e poderán ser presentadas polos interesados nos centros onde estean matriculados ou ben no rexistro xeral da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, nas súas delegacions provinciais ou da forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo anexo.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo que se xunta, coa seguinte documentación:

-Tipo de bolsa á que aspira.

-Fotocopia do DNI do interesado.

-Declaración do interesado no que faga constar que cumpre cos requisitos sinalados no artigo 6º da convocatoria.

-Certificación das cualificacións do último curso.

Os directores de centros que teñan ofertadas prazas para a realización de prácticas, presentarán perante a Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria un expediente coa relación detallada de tódalas solicitudes presentadas para a realización de prácticas neste, acompañada das solicitudes e resto da documentación esixida nesta convocatoria de cada un dos solicitantes.

Artigo 10º

1.-Selección.

O estudio e proposta de aprobación de solicitudes será realizada por unha comisión de valoración presidida polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, e na que se integrarán como secretario e vocais:

-O subdirector xeral de Extensión e Capacitación Agraria.

-O xefe do Servicio de Extensión Agraria.

-Dous directores de centros onde se imparten ensinanzas de capacitación agraria propostos polo director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural.

-Un funcionario da Subdirección Xeral de Extensión e Capacitación Agraria que actuará como secretario.

2.-A selección realizarase de acordo coa puntuación obtida, unha vez aplicados os baremos que se indican en cada apartado:

a) Por expediente académico correspondente ó último curso realizado.

Sobresaliente con matrícula de honor: 5 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

b) Por traballos de prácticas realizados de forma voluntaria durante o curso 1994-1995 en centros de capacitación agraria e non remunerados economicamente:

Por cada xornada de traballo en prácticas: 3 puntos.

c) Por curso terminado:

1º curso: 5 puntos.

2º curso: 10 puntos.

Artigo 11º.-Adxudicación e pagamento.

A comisión de valoración, vistas as solicitudes presentadas e o crédito dispoñible, fará chega-la correspondente proposta de adxudicación ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

1.-As bolsas serán adxudicadas polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, por proposta da comisión de valoración.

2.-A Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural comunicaralles ós centros a concesión ou denegación das axudas, e se é o caso, a modificación da contía solicitada, segundo establece o artigo 5º.

3.-O pagamento farase por contías iguais mensuais, unha vez recibido o informe do xefe da unidade correspondente, sobre o bo desenvolvemento das prácticas.

4.-No caso de que o bolseiro deixe de levar a cabo a asistencia á unidade onde realice as prácticas, deixa- rá de percibi-la cantidade correspondente.

En todo caso ó remata-lo período de prácticas o director/a do centro certificará perante a Dirección xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural a total realización desta actividade.

Artigo 12º

O importe destas bolsas sufragarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.02.322-L.480.04, de axudas para bolsas de prácticas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1995, por un importe máximo de 4.389.000 ptas.

O importe de 70.000 ptas. destinarase a contratar unha póliza de seguro de accidentes para 50 bolseiros.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural para dicta-las resolucións necesarias para o mellor cumprimento da presente orde, que entrará en vigor o día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 1995

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

5157