Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Xoves, 27 de xullo de 1995 Páx. 5.964

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

CONVOCATORIA do 30 de xuño de 1995 de estadía na Ofinica da Fundación Galicia-Europa en Bruxelas dirixida ó persoal ó servicio das entidades membros do seu padroado.

A Fundación Galicia-Europa anuncia que a partir do mes de outubro do presente ano pon á disposición do persoal ó servicio das entidades membros desta institución (Xunta de Galicia, Banco Pastor, Caixa de Aforros de Galicia, Caixa Ourense, Caixa Pontevedra, Caixavigo e Cámaras de Comercio galegas) a súa oficina en Bruxelas para acoller persoas que traballen ó seu servicio.

A finalidade que se persegue é a de que, contando coa asistencia do persoal da Fundación destinado en Bruxelas e dos contactos que a través del se poidan establecer coas institucións comunitarias, as persoas seleccionadas realicen traballos de investigación en relación con temas comunitarios que sexan de interese para as entidades das que dependan.

Requisitos:

-Formar parte do cadro de persoal dalgunha das entidades membros do Padroado da Fundación Galicia-Europa.

-Acreditar ter realizados estudios universitarios completos de segundo ciclo, sancionados por un título universitario.

-Ter coñecemento profundo do francés ou do inglés.

-Daráselle preferencia a aqueles candidatos que se ocupen de funcións que demanden unha ampliación de coñecementos en relación con temas comunitarios e que acrediten estudios ou traballos realizados neste sentido.

As entidades ás que pertenzan os candidatos faranse cargo dos gastos de desprazamento e de aloxamento en Bruxelas polo tempo que dure a estadía que terá unha duración variable segundo cada caso, pero que por termo medio será de 15 días.

As estadías realizaranse no período comprendido entre o 1 de outubro de 1995 e o 30 de xuño de 1996.

Os interesados deberán presenta-la súa solicitude na sede da Fundación Galicia-Europa, sita na Casa da Parra, praza da Quintana, Santiago de Compostela, Tfn. 56 26 46.

A documentación que se presentará constará dos seguintes documentos:

-Solicitude dirixida ó director da Fundación Galicia-Europa, no que se fagan consta-las razóns polas que se solicita a estadía e o obxecto do traballo que se vai realizar. Así mesmo, indicaranse as datas máis convenientes para realiza-la estadía e a súa previsible duración.

-Autorización asinada pola autoridade de quen dependa o candidato e compromiso de facerse cargo dos correspondentes gastos.

-Os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos da convocatoria así como unha fotografía tipo carné.

Prazo: a documentación deberá entregarse antes do 15 de setembro.

José Antonio Orza Fernández

Secretario xeral da Fundación Galicia-Europa

95-05051