Examinado o expediente instruído por instancia de Miguel Rey Casado, no que solicita autorización definitiva para a apertura e funcionamento do centro privado de educación secundaria Santa María de Ourense.
Tendo en conta que o expediente foi tramitado pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que o remite cos informes da Oficina de Supervisión de Proxectos, Unidade Técnica e Inspección Educativa.
Vistos a Lei 1/1990, do 3 de outubro (BOE do 4), de ordenación xeral do sistema educativo, Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño (BOE do 26), polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral non universitarias, Decreto 133/1995, do 10 de maio (DOG do 22), sobre autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e demais disposicións complementarias.
Considerando que concorren neste expediente os requisitos esixidos nas disposicións vixentes para poder acceder ó solicitado,
Esta consellería, por proposta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros,
DISPÓN:
Primeiro.-Autoriza-la apertura e funcionamento do centro de educación secundaria Santa María de Ourense, e, como consecuencia disto, establece-la configuración definitiva dos centros existentes neste edificio ou recinto escolar, segundo se especifica no anexo.
Segundo.-A presente autorización producirá efectos progresivamente, a medida que se implanten as ensinanzas autorizadas de conformidade co calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, segundo os reais decretos 986/1991, do 14 de xuño e 1487/1994, do 1 de xullo.
Terceiro.-Antes do inicio das ensinanzas de educación secundaria obrigatoria que se autorizan, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, logo de informe da Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que impartirá docencia no mencionado centro.
Cuarto.-Queda o centro obrigado ó cumprimento da lexislación vixente e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos sinalados na presente orde.
Santiago de Compostela, 14 de xuño de 1995.
Juan Piñeiro Permuy
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria
ANEXO
Provincia: Ourense.
Concello: Ourense.
Localidade: Ourense.
Enderezo: Bedoia, 9.
Denominación específica: Santa María.
Titular: Irmáns Maristas.
Composición resultante:
a) Centro de educación infantil: 6 unidades de 2º ciclo.
b) Centro de educación primaria: 18 unidades.
c) Centro de educación secundaria: 12 unidades de educación secundaria obrigatoria.
d) Centro de bacharelato de 8 unidades, coas modalidades seguintes: ciencias da natureza e da saúde, humanidades e ciencias sociais e tecnoloxía.
4841