Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 26 de xullo de 1995 Páx. 5.912

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 12 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

A implantación por parte da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais do sistema de tarxeta sanitaria, implicará a incorporación sucesiva, nunha base de datos única, de calquera información necesaria para incrementa-la calidade da asistencia prestada polo sistema sanitario público. Esta configuración, ó establecer un vínculo singularizado entre cada cidadán galego e os servicios sanitarios que tivera asignados, permite numerosas aplicacións relacionadas coa identificación, a información, o marketing, a investigación ou a xestión sanitaria.

A tarxeta sanitaria é o elemento do sistema que desempeña as funcións de identificación e información acerca do dereito de acceso á asistencia sanitaria do seu titular. Por iso é necesario regular, tanto as características externas, como a información incorporada nos dispositivos tecnolóxicos deste documento.

A optimización das distintas posibilidades deste novo instrumento, esixe a introducción de certos cambios na organización funcional, como son o establecemento de unidades administrativas permanentes, que aseguren un desenvolvemento do sistema de tarxeta sanitaria acorde cos fins da organización, ou a definición das funcións correspondentes ás unidades implicadas no mantemento deste sistema, de xeito que se garanta a compatibilidade da información procedente dos distintos niveis asistenciais.

De conformidade co artigo 2.1º do Decreto 177/1995, do 16 de xuño, polo que se regula a tarxeta sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia e en uso das facultades atribuídas polos artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

1.1. A tarxeta sanitaria conterá información individualizada de cada cidadán e incorporará polo menos os seguintes datos:

a) Anverso: código da identificación da entidade emisora, código de identificación persoal, tipo de prestación farmacéutica, nome da entidade xestora ou colaboradora da Seguridade Social, data de caducidade da tarxeta, número de afiliación á Seguridade Social, número de orde do documento emitido, e nome e apelidos reducidos do cidadán.

b) Reverso: nome da entidade provedora de servicios de atención primaria, nome e apelidos do facultativo de atención primaria asignado, identificación do centro de saúde, teléfonos do centro de saúde e de urxencias, código de identificación de asistencia sanitaria e código de identificación do cidadán.

1.2. Na banda magnética adherida ó reverso da tarxeta sanitaria gravaranse polo menos a identificación da entidade emisora do documento, o código de identificación persoal, o nome e apelidos completo do cidadán, a titularidade, o sexo, o tipo de asegurado, o tipo de entidade xestora ou colaboradora da Seguridade Social, o número de afiliación á Seguridade Social, e as datas de emisión e caducidade da tarxeta.

A Administración sanitaria reserva para si a lectura, así como a escritura ou borrado da información contida na banda magnética.

1.3. A tarxeta sanitaria terá as características físicas que figuran no anexo I da presente orde.

Artigo 2º.

O sistema de codificación persoal elaborarase a partir das características do individuo, que serán complementadas con códigos de repetición e de control. Así, esta clave estará formada por 14 díxitos que terán o seguinte contido:

a) Decenio do ano (2 díxitos), mes (2 díxitos) e día de nacemento (2 díxitos).

b) Primeira inicial do primeiro e segundo apelido (2 díxitos), segunda letra do primeiro e segundo apelido (2 díxitos).

c) Sexo (1 díxito).

d) Caracteres de repetición asignados secuencialmente mediante un algoritmo de acreditación (2 díxitos).

e) Carácter de control dos anteriores (1 díxito)

Artigo 3º.

3.1. A base de datos do sistema de Tarxeta Sanitaria conterá información estructurada nos distintos apartados recollidos no anexo II.

3.2. Os titulares dos órganos responsables de cada ficheiro automatizado adoptarán as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando, en todo caso, a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, así como as conducentes a facer efectivas as garantías, obrigas e dereitos recoñecidos na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de tratamento de datos de carácter persoal e nas súas normas de desenvolvemento.

Artigo 4º.

A difusión da Tarxeta Sanitaria será realizada pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, en coordinación co Servicio Galego de Saúde, de forma progresiva de acordo coas disponibilidades existentes.

Artigo 5º.

O sistema de Tarxeta Sanitaria da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais organizarase funcionalmente en dous niveis:

a) Oficina Central de tarxeta sanitaria.

b) Oficinas periféricas de tarxeta sanitaria, de ámbito provincial.

Artigo 6º.

1. As funcións da Oficina Central de Tarxeta Sanitaria serán realizadas por persoal adscrito á Dirección Xeral de Organización Sanitaria.

2. Sen prexuízo das atribucións que lle correspondan ás unidades de informática, previstas no Decreto 61/1995, do 24 de febreiro, que modifica parcialmente o Decreto 198/1994, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Oficina Central de Tarxeta Sanitaria terá encomendadas as seguintes funcións:

a) Defini-la estructura e organización básica do sistema de Tarxeta sanitaria e os métodos de identificación personalizada.

b) Establece-las medidas de coordinación e avaliación necesarias para o mantemento da integridade dos datos procesados polo sistema de tarxeta sanitaria.

c) Determinar e normaliza-los fluxos de información procedentes das distintas unidades implicadas na actualización dos datos que procesa o sistema de tarxeta sanitaria.

d) Establece-las relacións con outras entidades ou organismos que xestionen aspectos relacionados co sistema de tarxeta sanitaria.

e) Realiza-la planificación xeral da implantación do sistema de tarxeta sanitaria.

f) Coordinar e supervisa-la xestión da implantación do sistema de tarxeta sanitaria a nivel periférico.

g) Dispoñer cantas medidas de avaliación considere oportunas para asegura-la correcta implantación do sistema de tarxeta sanitaria.

h) Facilita-la formación do persoal das oficinas periféricas.

Artigo 7º.

A Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria é a unidade do Servicio Galego de Saúde que se ocupará da xestión daqueles aspectos relacionados coa implantación da tarxeta sanitaria que determine a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Para estes efectos actuará en coordinación coa Dirección Xeral de Organización Sanitaria.

Artigo 8º.

8.1. As funcións das oficinas periféricas da tarxeta sanitaria serán exercidas de acordo coas directrices emanadas pola Dirección Xeral de Organización Sanitaria e serán realizadas por un equipo coordinado polo director provincial do Servicio Galego de Saúde, que contará polo menos cun responsable técnico administrativo adscrito á dirección provincial.

En cada centro de atención primaria e especializada que se determine, designarase un responsable de implantación do sistema de tarxeta sanitaria, que formará parte da Oficina Periférica de Tarxeta Sanitaria para efectos do disposto na presente orde.

Artigo 9º.

Ós directores provinciais do Servicio Galego de Saúde corresponderalles o exercicio das seguintes funcións:

a) Velar para que a implantación e desenvolvemento do sistema de tarxeta sanitaria por parte das oficinas periféricas, se realice segundo as liñas marcadas pola oficina central.

b) Proporciona-lo soporte físico e/ou técnico administrativo que estea ó seu alcance e que sexa necesario para a implantación e desenvolvemento do sistema de tarxeta sanitaria.

c) Asegura-la coordinación e canalización dos diferentes fluxos internos de información necesarios para o mantemento e a explotación do sistema de tarxeta sanitaria.

d) Aqueloutras funcións que lle puideran ser encomendadas pola oficina central.

Artigo 10º.

10.1. Os xerentes de atención primaria ou de atención especializada velarán pola implantación do sistema de tarxeta sanitaria nos seus respectivos ámbitos.

10.2. Sen prexuízo das atribucións doutras unidades, as súas funcións serán:

a) Asegura-la canalización da xestión da asignación de facultativo a través do sistema de tarxeta sanitaria.

b) Colaborar e prestar asistencia no mantemento e explotación de tódolos aspectos relacionados coa asignación de facultativo a través do sistema de tarxeta sanitaria.

c) Asegurar que a implantación e desenvolvemento do sistema de tarxeta sanitaria en cada centro sanitario

se realice segundo as liñas marcadas pola oficina central.

d) Colaborar na xestión dos recursos humanos e materiais pertencentes ó ámbito da atención primaria e especializada, necesarios para a implantación do sistema de tarxeta sanitaria.

e) Propoñer cantas medidas coide necesarias para mellora-la xestión da implantación no ámbito da súa competencia.

f) Aqueloutras funcións que lle puideran ser encomendadas pola oficina central.

Artigo 11º.

11.1. O responsable técnico administrativo será nomeado polo director provincial do Servicio Galego de Saúde.

11.2. Sen prexuízo das atribucións doutras unidades, as súas funcións serán:

a) Procesa-la información necesaria para o mantemento das entidades básicas do sistema e a tramitación da tarxeta sanitaria que inclúe: recollida e rexistro, verificación de calidade, control da continuidade na recepción dos datos, codificación e transcrición ós soportes correspondentes.

b) Proporcionar apoio técnico e supervisa-la captura da información referente ós cidadáns que se realice nos centros sanitarios asistenciais.

c) Xestiona-lo proceso de emisión e distribución de tarxetas sanitarias ós cidadáns, así como de calquera outro documento sanitario que a complemente.

d) Prestar asistencia ás xerencias de Atención Primaria e Atención Especializada en tódolos aspectos relacionados coa asignación de facultativo xestionados polo sistema de tarxeta sanitaria.

e) Asegura-la correcta implantación do sistema de tarxeta sanitaria nos niveis primario e especializado.

f) Proporcionar información periódica ás distintas unidades e servicios responsables da xestión de aspectos recollidos polo sistema de tarxeta sanitaria.

g) Distribuír e supervisar-las tarefas do persoal de apoio da oficina periférica.

h) Propoñer cantas medidas coide necesarias para mellora-la xestión da implantación do sistema de tarxeta sanitaria.

i) Aqueloutras funcións que lle puideran ser encomendadas pola oficina central.

Disposición adicional

A organización funcional que deriva do artigo 5 da presente orde non comporta incremento de gasto.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 1995

José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Modelo de tarxeta sanitaria.

-Texto banda lateral esquerda e escudo de Galicia: cor branca.

-Banda lateral e liña inferior: Pantone 314.

-Cruz superior dereita: Pantone 314.

-Cruz de fondo: Panton e 314 ó 20 %.

-Texto dereito abaixo: Pantone 314.

ANEXO II

1.-Datos relativos ós cidadáns:

a) Nome, primeiro apelido e segundo apelido.

b) Número do documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros.

c) Número de identificación persoal de tarxeta sanitaria.

d) Data de nacemento.

e) Sexo.

f) Enderezo e teléfono.

g) Número de afiliación á Seguridade Social.

h) Titularidade.

i) Tipo de réxime, patronal, entidade xestora ou colaboradora.

j) Entidades financiadoras, compradoras e provedoras de servicios.

k) Tipo de prestación farmacéutica habitual e provisional.

l) Facultativos de atención primaria e atención especializada asignados.

m) Motivo de asignación ou reasignación de facultativo.

2.-Datos relativos á tarxeta sanitaria:

a) Causa de emisión.

b) Data de emisión e data de caducidade.

c) Lugar de remisión e prioridade.

d) Control da fabricación.

e) Estado de acreditación e circulación da tarxeta.

3.-Datos relativos ós profesionais sanitarios:

a) Nome e apelidos.

b) Número do documento nacional de identidade ou número de identificación de estranxeiros.

c) Data de nacemento.

d) Sexo.

e) Enderezo e teléfono.

f) Número de colexiado/a.

g) Titulación e especialidade.

h) Situación administrativa.

i) Relación de prazas que ocupa.

4.-Datos relativos ás prazas sanitarias:

a) Código de identificación da praza

b) Tipo de categoría da praza segundo o procedemento que anualmente establece a Consellería da Presidencia e Administración Pública para a cobertura e seguimento do cadro de persoal do Sergas.

c) Tipo de praza en función da titulación esixida, especialidade e tipo de vinculación administrativa.

d) Unidade funcional dos distintos niveis ós que pertence.

5.-Datos relativos ás unidades funcionais:

a) Código de identificación da unidade funcional.

b) Tipo de unidade funcional

c) Nome da unidade funcional

d) Nome e apelidos do responsable da unidade funcional

e) Consultorio sede

f) Consultorio de soporte ós servicios administrativos

g) Centro de xestión asociado

h) Actividades acreditadas

6.-Datos relativos ós centros sanitarios:

a) Código de identificación do centro.

b) Nome do consultorio.

c) Enderezo e teléfono.

d) Ano de construcción.

e) Superficie construída en metros cadrados.

f) Relación de espacios do edificio.

g) Dependencia patrimonial.

h) Horario de apertura e peche.

i) Unidades funcionais asociadas.

7.-Datos relativos á cota:

a) Código de identificación da cota.

b) Praza sanitaria á que pertence.

c) Praza sanitaria á que está asignado.

d) Rango mínimo e máximo de idades.

e) Situación da cota.

f) Teléfonos de urxencias e de cita previa.

95-5142