Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Mércores, 26 de xullo de 1995 Páx. 5.915

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 219/1995, do 13 de xullo, polo que se acepta a doazón de determinados bens mobles feita por Carlos Areán González a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con data 13 de marzo de 1995, Carlos Areán González outorgou escritura pública de doazón de determinados bens mobles artísticos a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, para que se destinen ós museos e coleccións públicas da Xunta de Galicia.

Con data 26 de xuño de 1995, a Comisión Superior de Valoración de Bens Culturais de Interese para Galicia emitiu informe favorable a aceptación da antedita doazón.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda do seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Economía e Facenda, feita nos termos nos que Carlos Areán González acordou a doazón,

logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xullo de mil novecentos noventa e cinco,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.-Acepta-la doazón, feita por Carlos Areán González, dos bens mobles artísticos a que se fai referencia na escritura pública outorgada ante o notario do Ilustre Colexio de Madrid, José Luis Álvarez Álvarez o 13 de marzo de 1995 e que foron inventariados pola Dirección Xeral do Patrimonio Histórico Documental da Consellería de Cultura.

Artigo segundo.-Os bens mobles doados destinaranse ós museos e coleccións públicas da Xunta de Galicia, quedando adscritos á Consellería de Cultura.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, trece de xullo de mil novecentos noventa e cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4928